Diario da veiga
Se estás no patio da escola e miras para o sur, verás unhas enormes montañas. Na máis alta, que parece que se xunta co ceo inzada de muiños de vento, hai unha cova moi profunda.
Nesa cova vive unha bruxa: a Bruxa da Cova de Enfrente.
É unha bruxa vixiadora que se senta nun banco á porta da súa cova para ollar ao lonxe e enterarse de todo o que pasa en Vide e en Portugal.
O problema é que esta bruxa non é boa.É unha bruxa malvada que gosta de facer malfeitizos, sempre enfurruñada e rosmando.
Antes, tiñamos medo dela, pero a Bruxa do Campanario contounos un segredo: cando a Bruxa da Cova de enfrente escoita rir aos nenos e ás nenas, empeza a doerlle a cabeza e tense que meter na cama ¡tres días!, e como a súa cama esta no fondo máis fondo da cova, neses tres días non se entera de nada do que acontece en Vide nin en Portugal.
Claro que a Bruxa da Cova de Enfrente, como sabe que coñecemos o seu segredo, fai malfeitizos para que os nenos e as nenas non teñan ganas de rir.
Hai un malfeitizo destes, que o manda polo vento sempre que pode ata a escola, e ás veces lle funciona. Con ese malfeitizo, aos nenos e nenas éntranlle ganas de meterse o mandilón na boca, ou ós botóns, ou a plastilina, e así pódenlle sair pupas na boca, ou doerlle a barriga, e logo non teñen ganas de rir.Pero agora, que xa o sabemos, cando notamos que está chegando o malfeitizo, avisámonos uns aos outros, aguantamos as ganas e.... poñémonos a rir, para que a bruxa se teña que ir para cama outros tres días.
Outras veces fai o malfeitizo "bate non fales".Ese si que é un malfeitizo malísimo. Os nenos e as nenas esquecen que poden falar para resolver os problemas e baten uns nos outros, ou se empurran, ou se berran, e logo póñense tristes e choran. A bruxa do Campanario tivo que facer un feitizo especial para combatelo, e todos os nenos e as nenas, e ata as nais e os pais e as avoas, aprendémolo . É o feitizo "fala que podes" e funciona así: se tes un problema con alguén, porque che magoou, ou che colleu a silla, por exemplo, vas onda el e lle explicas que che doeu, ou che molestou o que che fixo. Entón, tenche que pedir perdón e dicirche que non cho vai a facer NUNCA MÁIS, vos dades unha apreta moi forte, un bico e...¡xa está solucionado o problema!. É moi importante seguir TODOS os pasos para que funcione ben.
A Bruxa da Cova de Enfrente ten que estar aborrecida cos nenos e nenas da Unitaria. Eles a rir e a bruxa ¡a durmir!.
No hay comentarios:
Publicar un comentario