sábado, 2 de agosto de 2008

Romería de San Fins

En Dous en Vide tesdes unha reportaxe sobre a acampada da Unitaria, e como está moi ben, con fotos e todo, eu hoxe vou contar outra "festa" que fixemos: a da romería de San Fins:

O 1 de Agosto é a romería de San Fins. De sempre súbese ao monte andando, dende todas as parroquias, das Neves e de Arbo.De mañán cedo sáese a andar, e polo camiño, vaste encontrando cos que veñen dende as outras parroquias. Agora, súbese polas pistas ou polos cortafogos, e xa non é tan complicado como cando se facía monte a través, cortando os toxos e as carrascas. Vaste cruzando tamén cos tractores que suben coas mesas e a comida. Antes era o costume subir a San Fins cunha tella na cabeza, para que o santo, patrón dos xordos te curara o mal do oído.
Este ano,subiron poucos tractores pero o monte de San Fins era un fervedeiro de coches buscando onde aparcar.
A mocedade sube a noite anterior e queda a durmir no monte.É un costume que ven de vello e parece que comenzou pola necesidade de "coller sitio". Agora faise por tradición e pola troula, pero con tendas de campaña, que a noite no monte é moi fría. E sin durmir, os máis ousados, volven baixar ben cediño para facer a subida coa súa xente.
No curuto do monte está a capela e o adro onde se fai a misa. Cando remata, antes de baixar a comer, xa se botan uns bailes no torreiro, pero a foliada comenza pola tarde. Logo do xantar súbese de novo ata a capela para pasar a tarde bailando e cantando mentras o viño vai pasando de man en man.
Despois,antes do solpor, os que aínda teñen folgos, baixan andando. Os demáis buscan un coche ou un tractor que os leve a casa.