miércoles, 30 de noviembre de 2011

Fame de vento

Levounos varios días de traballo pero ao fin os papaventos estiveron listos para que voaran papando o vento.

Saímos fora, corría un vento suave e botámonos a correr tirando do fío.

A verdade e que correr...como corrían os nenos e nenas polo camiño abaixo!!!, pero o vento traicioneiro non quería axudar e en canto os papaventos se erguían por riba das cabezas, alí quedaba e non daba subido máis, pero non nos importou.
Menos a Noa, que cansada de correr viuse onda min e díxo:
- Profe, estes papaventos non teñen fame.
- Fame?- dixen eu.
- Non queren comer vento!!!!

Así e todo, cando colgamos os papaventos na árbore para que saudaran ás nais e pais cando viñeran á hora da saída, todos miraban para eles cheos de fachenda polo traballo feito.

Non lle faltaba de nada, si ata tiñan dentes!!!

lunes, 28 de noviembre de 2011

Papaventos e cometas

A pasada semana foi de papaventos.
O martes a nai de Antón trouxonos dous papaventos moi sinxelos, feitos con

bolsas de lixo e "celo" que ao voar imitaban un dragón "papando o vento".
Saimos a facelos voar e despois de correr detrás deles, sin importar que o vento os levara ou non, decidimos converternos por un días en "papaventeiros" . Era de esperar.


Organizamos o traballo e puxémonos en acción despois de debatir- á proposta de Alba- sobre cometas-papaventos e papaventos que non papan ventos.

Procuramos imaxes de papaventos " de todo tipo" e fúmonos ao traductor para saber como lle dicían ao papaventos noutras partes do mundo:

portugués e inglés:Kite
castellano: cometa
catalán: estel.
francés: cerf-volant
euskera: miru

Conteilles logo unha historia dun neno chino que hai muiiiitos anos puxo un dragón de papel no ceo a voar e deixamos o "proceso de fabricación" para outros días.

miércoles, 23 de noviembre de 2011

Mércoresdadúas

Pola tarde na escola non entraba nin unha agulla.
Nenos e nenas pequenos e grandes, nais, pais, avoas... e ata algunha tía. Tod@s dispostos a ensaiar os cantos que levaremos cando no Nadal vaiamos cantar os Reis pedindo o aghinaldo polas casas da parroquia.

E cantamos, tocamos coas pandeiretas e as piñas- menudo invento- e eu tan entusiasmada estaba que esquecín " o documento gráfico", e iso que tiña a cámara de fotos preparada.
Logo as 7 fun á "Casa da Auga" para abrir a "Biblioteca da Dúas na Casa da Auga" e atopeime que Fabiola xa se encargara ela de abrir e tódolos ordenadores estaban ocupados con xente traballando.

Hai días que todo sae ben.

Deixo aquí a letra da cantiga nova deste ano. Un arreglo "creativo" dun texto que atopamos:


OS TRES CAMELOS

Os tres camelos dos reis
ao chegaren a Galicia
como non viron deserto
morrían os tres de risa

E ao veren tanta auga
nos regatos e nas rías
Que catarro imos coller
como veña unha chovisca!

Melchor tocaba unha gaita
Baltasar un tamboril
o Gaspar que non é músico
alumea cun candil

Os camelos coa risa
montaron tal foliada
que saíu a xante fora
para ver o que pasaba.

Entón dixeronlle os reis
á xentiña do lugar:
deannos o aguinaldo
porque lles vimos cantar.

martes, 22 de noviembre de 2011

Facendo memoria

Hai dúas cantigas do noso repertorio de nadal/reis que conviña darlle un repaso para mañán pola tarde, así que volas deixo :

- Nadal de Luíntra.
- Reis de Rinlo





lunes, 21 de noviembre de 2011

Noa e o lobo

Noa manda, e manda ben.
No recreo mandou facer unha roda e que todos sentaran no chan para xogar ao
Alba tentou explicar que así non era, que había que xogar á roda mentras se cantaba, non estar sentados no chan, pero Noa fitou para ela e dixo con moita autoridade:
- Hoxe faise como digo eu.

E todos sentaron , tamén Alba, e xogaron ao lobo.

Para saber a quen lle tocaba ser lobo, Noa contaba:

Rei, rei, cantos anos durarei, vintecinco non o sei, un dous tres, e sorprendentemente o tres sempre caía en Iago, ata que Marcos protestou , entón Noa díxolle:

- Vaale! a proxima vez O TRES tócache a ti. E tocoulle.

E mirando para min explicou:

- E que hoxe eu son a encargada, por iso mando.

Cristalino!!!!!



Si non sabes este xogo tan divertido:
Aquí podes atopar un video.
Nós cantamos así:

Imos xogar ao bosque
porque o lobo non ven.

miércoles, 16 de noviembre de 2011

CANTAR OS REIS

Como todos os anos queremos ir no nadal a cantar os Reis por toda a parroquia.

O mércores pola tarde comenzan os ensaios. Esperámoste!!!


jueves, 10 de noviembre de 2011

O peón


Polo San Martiño
vai o peón ao camiño


Cando chegamos á escola, Lola a esqueleta tiña un peón na man, e todos os peóns dos nenos e nenas colocados aos seus pés, como se estivera xogando con eles toda a noite.

Pois se ela xoga de noite, nos xogamos de día- dixo Saul.

E xogamos.

O maís difícil era poñerlle a camisa. Non, o máis difícil era que bailase. Non, non, o máis difícil era agarralo ben coa man.

Que difícil é facer bailar un peón cando se é pequen@!!!!!

Menos mal que eu e o profe de inglés somos uns consumados "peoneiros".

Claro que tamén axudou que tod@s os nenos e nenas cantaban:

O peón, o peón danzarico danzarón
xira xira darredor
se lle das un empuxón
O peón, o peón,
danzarico danzarón
.

miércoles, 9 de noviembre de 2011

Árbores en novembro

Xa está feita a presentación coas nosas árbores de novembro. Se todo vai ben, todos os meses repetiremos este traballo e como bos científicos observaremos os cambios. Si é que os hai.



martes, 8 de noviembre de 2011

Dez e unha

O venres pasado quedaramos de comenzamos un traballo novo: contar as árbores do noso quinteiro.
Hoxe, saíron pitando e contaron.:
- Cinco! Tres! Nove! Seis!.....
Finalmente Noa e Iago puxeron orde, foron recorrendo as árbores e chegaron a unha conclusión:
- Hai dez e unha
.
Pois si, temos dez árbores e unha máis.

Pero a conta non quedou aquí.
Había árbores vestidos de follas e árbores nus, árbores de follas amarelas e outras de vermellas, árbores grosas e árbores fracas.....
Fartámonos de contar, comparar, describir.....

Eu propúxenlles facer fotografías para recordar como estaban as nosas árbores en novembro.
Boa festa que se montou!
Menos mal que con iso das cámaras dixitais tanto ten dez fotos como dez centos.

Mañán veremos como quedou.

Estes científic@s arrasan.

lunes, 7 de noviembre de 2011

Xa me tardan estes Magos

Preparar os cantos de Nadal e Reis leva o seu tempo. Nós imos empezar escoitando o novo traballo de Mamá Cabra que ben de entrar na Biblioteca este mes:

Xa me tardan estes Magos.
Mamá Cabra. Antón Cortizas, Antonio García Teijeiro,Gloria Sánchez, Gloria M. Roel, con ilustracións de Kristina Sabaite
Edita Galaxia, colección sonárbore. Vigo. 2011

Se premes aquí podes descargar unha delas: "Tres reis en bicicleta"



viernes, 4 de noviembre de 2011

María Wonenburguer


Hoxe, 4 de novembro de 2011 celébrase o Día da Ciencia en Galego, que este ano homenaxea a unha matemática galega, María Wonenburguer.

María Wonenburger- 1927- é unha matemática e alxebrista de referencia para a comunidade científica internacional pero con escaso recoñecemento no seu pais. Nun Congreso Mundial de Matemáticas celebrado en Santiago na década dos 90 ao que acudieron afamados alxebristas de diferentes países, ela non estivo presente. Os asistentes preguntábanse por qué unha científica da súa categoría e coa mesma nacionalidade que os anfitrións non acudira ao congreso.

Pois é que non a invitaran.

- Como? Que é galega...- con ese apelido non se me pasou pola cabeza, ademáis matemática, estaba claro que tiña que ser extranxeira-

Que me dices!!!. Que naceu en Oleiros e estudiou o bachiller no Instituto Eusebio da Guarda- PÚBLICO!!!- en A Coruña?.

E que agora vive en Oleiros? - Non mo podo crer!-

En 2006, dúas profesoras de Matematicas da UDC publican un artículo no Boletín da Real Sociedade Matemática Española no que a dan a coñecer á comunidade matemática española e galega.

A partires de entón darán comenzo timidamente os recoñecementos. En 2006 o Goberno Galego creará o premio Mª Josefa Wonenburguer, un recoñecemento ao impacto social e recoñecemento da muller galega na ciencia. O concello de Oleiros dedicaralle en 2010 un parque en Montrove, a súa localidade natal, e no mesmo ano será nomeada Doctora Honoris Causa pola Universidade de A Coruña . Dende xuño de 2001 conta cun monolito no Parque de Santa Margarita en A Coruña.

E no día de hoxe eu coñecín a unha muller galega de 85 anos, que de pequena lle chamaban "a sabia" porque xogaba cos números, que se licenciou en matemáticas en Madrid e se doctorou en Yale, que foi docente e investigadora en Canada e EEUU, que de maior lle chamaron "a nai da Teoría de Kac-Moody, e que en 1983 volveu á súa casa para cuidar a súa nai enferma, e aqui quedou- porque quería moito aos números pero quería máis a súa nai-

Na escola falamos de María e das científicas e decidimos solucionar un problema científico:

¿Cantas árbores hai no quinteiro da escola?

SIN AXUDA!!!





jueves, 3 de noviembre de 2011

QUE FAI FALTA?

Na hora do conto, onte limos o libro:
QUE FAI FALTA?, de Gianni Rodari, editado en galego por Kalandraka.

E como sempre pasa con Rodari, axiña os cativos colleron o conto, refixéronno, contáronno, e sobre todo participaron. Tanto, que sobre a marcha aprareceron novos contos.

Como xa era hora de sair prometinlles facer unha presentación para hoxe. Aquí está.



Transcribo uns dos contos "orixinais"

- QUE FAI FALTA PARA TER UNHA CASTAÑA?

- FAI FALTA UN CASTIÑEIRO!!!

- E PARA TER UN CASTIÑEIRO?

- UNHA CASTAÑA!!!

martes, 1 de noviembre de 2011

Noite do Samaín

Tiñamos todo preparado. As cantigas ensaiadas, a Casa da Auga coas arañeiras postas, as cabazas situadas estratexicamente, os disfraces de mortos, ánimas bruxas e esqueletes no corpo, a merenda preparada e as castañas e as candeas recollidas.



Todo listo para unha "alucinante" festa do Samaín, e apareceu unha invitada indesexada: A CHUVIA, unha chuvia pesada e pertinaz que parece que non pode vivir sen vir as nosas festas . Non nos quedou mais remedio que deixala entrar e gobernarnos como puidemos.

Aínda así cantamos, xogamos, comimos, fixemos caveiras, e aproveitando que a chuvia, curiosa, entrou na casa da Auga a ver que pasaba, para sair correndo a colocar as
caveiras no cruceiro e no peto das ánimas.

Pero quedamos sen magosto.

Visto o visto todas as "festiñas" van ter que ir cun "plan B" con auga.
Xa vou empezar a preparar os "Cantos de Reis da Auga"