martes, 29 de mayo de 2012

FESTA EN VIDE

O domingo non choveu!!!
....e a tarde de Fiadeiro foi unha festa. Os veciños e veciñas chegaban con tortillas, chourizos, empanada, viño, bizcoitos...., os grupos de pandereteiras e gaiteiros preparaban os cantos e gaitas, e a xente da parroquia e do contorno comenzou a encher a carpa que tiñamos preparada.
Comenzou a festa ás cinco  da tarde e eran as dez da noite e ninguén quería marchar, pero había que ir traballar ao día seguinte, así que.... fúmonos despedindo dunha tarde que todos, novos e vellos non esqueceremos.
As "saíñas", as pandereteiras pequenas non pararon ata conseguir volver a subir ao escenario para disfrutar de novo dos aplausos e aturuxos. Que ben o fixeron!
Mechi, Sandra, Érica e Rocío, veña a preparar fontes de comida para que nós foramos levando a todos os asistentes.
Fabioliña, Noemi e Lucía, na mesa de "Libros de man en man", gobernaron o intercambio como autenticas bibliotecarias, sen pedir axuda a ninguén das maiores.
Julia, Rosa e Carmen, fiaban na lá e non dubidaban en explicar o seu labor a todos os que se achegaban a elas.
Chema e Edorta, pendientes da megafonía.
Bruno, o pai das xemelgas, logo de atender o "equipo eléctrico" foise cos rapaces a organizar o tráfico e o aparcamento, e fixéronno tan ben, que esta vez non houbo atascos.
Lurdes, Fina e Nati animando e guiando o baile, e tanto se bailou, que ao final da tarde xa tiñamos aprendido a bailar muiñeiras e xotas.
Celestino, nas pipas de viño, cuidando que non faltara que beber.
...... e podería seguir nomeando a todas as pandereteiras, a nais, pais, avoas, tias, amigos e amigas, veciños e veciñas que co seu traballo, a súa presencia e o seu apoio consiguen que cada ano en Vide se celebre unha auténtica  "Festa colaborativa": O FIADEIRO DE VIDE. 




Gracias a todos e a todas.

viernes, 25 de mayo de 2012

TARDE DE FIADEIRO EN VIDE

O vindeiro domingo, a partires das 5 da tarde celebraremos en Vide o III Fiadeiro, unha tarde de festa na Carballeira de  Chan de Vide na que pandereteiras e gaiteiros de toda a comarca poñerán os cantos e a música. e os veciños e veciñas de Vide a merenda e o viño para todos os asistentes. A Biblioteca a2, colabora unha vez máis na organización do evento.
Os nenos e nenas de Vide, ademáis de ter preparada a súa participación como "Grupo de pandereteir@s Saíñas de Lá"- para non seren confundidos coas "maiores"-, este ano vanse facer cargo da mesa de "Libros de Man en Man". Xa teñen preparado un enorme cartaz e as caixas de libros para intercambiar, e unha sorpresa: sortearán entre todos os asistentes unha donación de libros que recibimos nas últimas semanas:  Os 15 tomos da enciclopedia adaptada a LOGSE Océano.

Verémonos na festa.

E si chove, que chova!!!!, que temos unha carpa DESCOMUNAL.




martes, 22 de mayo de 2012

Na veiga

Non temos contado nada da veiga da escola, pero dende abril estamos traballado nela, e, non sin tempo, hoxe imos dar conta do feito.
Logo de que a nai de Noa fresara, preparamos a terra para poder plantar nela as plantiñas que nos medraran no alcoube: XUDÍAS, XIRASOLES- para Van Gogh- ERVELLAS e CABAZAS, e tamén as plantas que nos mandou a tía de Noa, a nai de Saúl e a avoa de Samara: TOMATES, LEITUGAS, CEBOLAS, ESPINACAS, REMOLACHA  e  ACELGAS.
Botamos esterco e preparamos dous tipos de bancais: uns cubertos, para non ter que arrincar as herbas, e outros sen cubrir.
E puxémonos ao labor.
Choveu e logo víu o sol e agora na nosa horta as plantiñas van para arriba e da xenio velas medrar. Claro que tamén medra a herba, e nos recreos, aos poucos imos limpando a veiga de herbas, e de pedras!.
Aínda nos queda moito que traballar pero en nada,  xa veredes a nosa PRODUCCIÓN.


domingo, 20 de mayo de 2012

Visitantes e Coelliño Branco

O mércores na Biblioteca da escola de Vide non entraba nin unha agulla.
Viñeron de visita os nenos e nenas das escolas Unitarias de Rubiós e Taboexa coas súas mestras e nós estabámolos agardando con todo disposto:
- A Biblioteca vestida de gala.
- Un obradoiro preparado: "Un coelliño na Biblioteca"
- Unha obra de teatro que levábamos ensaiando UN MES! : O coelliño branco.
- Unha película: Kirikú e a bruxa.
e unha excursión coa merenda  ata a carballeira de A Chan de Vide.


Como fixo moi bo día decidimos levar ao "Coelliño Branco" ata a carballeira de A Chan, para que así tamén os pais, nais e avoas poideran quedar abraiados co espectáculo.

Foi un día que soubo a pouco, a todos, aos nenos e nenas e as mestras, que disfrutamos
de poder traballar xuntas co noso alumnado compartindo recursos. O curso que ven ímolo repetir máis veces. Paga a pena o esforzo.








martes, 15 de mayo de 2012

Día das Letras Galegas


Este ano o Día das Letras Galegas está adicado a Valentín Paz Andrade. Galeguista que destacou en moitas facetas: xornalismo, literatura, coñecemento de Galicia e da súa industria pesqueira... pero sobre todo na defensa da modernidade de Galicia.
O LIM elaborado para infantil polo Seminario Galán foi un recurso excepcional par aprender sobre a súa vida e a súa obra mentras xogábamos, así como o material, tamén dirixido a educación infantil do mesmo Seminario, con fichas para imprimir:
Preme para enlazar:





Mañán o compartiremos coas nenas e nenos de Rubiós e Taboexa que virán visitarnos

Instrumentos pobres

Unha chamada dende o IES Pazo da Mercé e a máquina púxose en marcha: o alumnado da Unitaria estaba invitado a acudir á charla/concerto que Xavier Blanco daría baixo título "Instrumentos Pobres" dentro das actividades organizadas ao redor da celebración do Día das Letras Galegas no Instituto.
As nais e pais, unha vez máis, organizáronse como nais/taxi, e todo quedou preparado.
E alí estivemos, apampados, escoitando a Xavier Blanco interpretando preciosas melodías tradicionais cunha palla de centeo, ou unha vara de sabugueiro, ou como non, coa gaita de cana.
A voz de Xavier chamaba á vaca Pinta mentras as súas mans voaban tocando a muiñeira cunha pedra no legón, e os pequenos rían mentras miraban ás ventás esperando ver aparecer á vaca.
Foi unha mañán memorable.
E agora Noa vai beber petando no cazo e dí:
-Mira!!!, como o profe dos maiores!
E Marcos, especialista en levarse todo a boca, agora fai o mesmo pero.....está tocando a gaita!!!, e   Antón  e Soraya, baten na mesa movendo as mans arriba e abaixo, como facía Xavier, mentras Alba mira para eles dicindo:
- Que ben vos está saíndo!

E eu no medio do barullo penso:


Gracias compañeiros do instituto por pensar en nós!!!

 

viernes, 4 de mayo de 2012

A casa máis grande do mundo

Antón escolleu o libro: "A casa máis grande do mundo" de Leo Lionni. Editorial Kalandraka.

Contounos o conto dun caracol pequeniño que construíu unha casa tan grande que xa non se podía mover para buscar comida.
E falamos de animais e de casas, de tartarugas e caracois.... de grandes e pequenos....
Cantamos:
Caracol, col, col, pon os cornos ao sol.....
Debuxamos mooooitas espirais como a casa do caracol e escribimos
CARACOL
CASA e
ANTÓN
Buscamos no OPAC da nosa biblioteca os libros que falaban de caracois, e decateime- unha veza máis- que tiña que refacer o apartado MATERIA, pois non aparecían algúns dos libros que sabía que estaban, pero fomos ata a Biblio a procurar neles e alí Soraya descubríu un libro de CASAS no andel de "Libros sorprendentes " que engaiolou a todos:
"Casas del mundo" de Clementine Sourdais, Editorial SM.

E logo de traballar tanto vímolo video "O circo dos Caracois", que lles deu unha chea de" ideas"