Mostrando entradas con la etiqueta cantares de cego. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta cantares de cego. Mostrar todas las entradas

miércoles, 9 de marzo de 2011

Entroido de cegos

Os cegos cantores percorreron a parroquia o pasado venres, e non ían sós. Entre outros acompañáronnos unha cega que vendía cupóns e un "cuponaso" . Ao pé do mesón de A Chan de Vide plantaron o seu cartel e o romance do gato foi cantado unha e outra vez.
Pasamos o sombreiro e...... seis euros para galdrumadas!!!!
De volta na escola prepamos a mesa coas viandas que se trouxeran e tod@s, nais, pais, avoas, nenas e nenos fixemos unha boa festa-comida de Entroido.
Tan boa festa era que nen@s e nais dos cursos pasados tamén viñeron.
E claro, con tanta troula a comida fíxose merenda, a merenda pandeirada...... e como temos tanto repertorio...... ata a lúa víu a ver que pasaba na escola.
E deixámola pasar, que era venres e o sábado non se traballaba.



viernes, 25 de febrero de 2011

Romance do tesouro da escola de Vide

Ao remate , recordamos que somos ceg@s cantores e que a nosa aventura ben se merecía tomar forma de romance e ser levada por todos os lugares da parroquia.
E do mundo .




Aproveitamos para sacar copias en cuartillas coa copla, poñelas nun cordel e vendelas a un céntimo ás "persoas" que viñeron pola escola.
Vendímolas todas.

Estamos feit@s uns cegoscantor@s de campeonato!!!

jueves, 24 de febrero de 2011

Tesouros sen piratas


Esta semana seica os cegos e os seus cantos están de "capacaída" pois os tesouros enterrados subiron ao primeiro posto da lista de intereses colectivos.

Foi Mateo quen sacou o tema na roda.

- Estou facendo un mapa do tesouro- dixo- e a mestra picando, contestou:
- Uauuuuu!!!! Mateo ten un tesouro!!!!!!!

E a partir de aí, tesouros, ouro, pesetas, enterrar, mapas.......
Xa compuxemos un tesouro- unha sesión para definir "tesouro"- gardámolo nunha caixa, buscamos o lugar para agachalo e enterrámolo.

Por suposto temos un mapa para poder recuperalo.

O realmente dificil, dificilísimo, no que tiven que poñer en práctica o aprendido en todos os meus sexenios foi CONSEGUIR QUE NON SE FALARA DE PIRATAS

E non se falou, polo menos o suficiente para despertar interés.
Diredes:

- E por que non se podía falar de piratas?

Pois porque xa temos decidido o disfraz de entroido- cegos ,claro está- e só faltaría que a estas alturas se ilusionaran cos piratas. Era o que me faltaba!



martes, 15 de febrero de 2011

COUSAS DA VIDA

Víñanos a visitar O cego do Couso - o noso bo e xeneroso amigo Benito Lobariñas- coa súa zanfona.
A data anunciada era o mércores á 1 da tarde, e xa se estaba organizando a comida, a festiña...o aviso a tías, avoas e veciñanza, porque había moitos anos que por estes lares non se escoitaba un cego cantando os seus contos.

Era luns, 14 de febreiro ás 13 horas.
Petan na porta da escola.
Ábrese a porta e....




-O cego Florencio, o cego Florencio!!!, berran @ nen@s.

A mestra non se entera porque xace no chan desmaiada de desesperación ao se decatar que se confundira de día.
ERA O LUNS, NON O MÉRCORES!!!!!!!!


Pero o Cego do Couso estivo na nosa escola, coa súa zafona e os seus cantares, e xunt@ cantamos- catro veces- o romance do testamento do gato, que de verdade verdadeira soa de marabilla cando se acopaña da queixa da zanfona.

Chega a hora da saída.
@s nen@s saen berrando:
- Estivo o cego Florencio!!!!!
As nais e pais : ollos abertos, mirada interrogante.


A mestra volve a estar desmaiada no chan.






jueves, 10 de febrero de 2011

Mini e Mero

Cando comenzamos a procurar información sobre os cantares de cego atopámonos con Mini e Mero, mestres rurais cofundadores de Fuxan os Ventos e A Quenlla, que tiñan feito unha formidable tarefa de recolleita e recuperación destes cantares. Ao seu traballo accedimos a través de O canto do pobo, pero hoxe Estefanía, a nai de Mateo, trouxonos dende a Biblioteca do Instituto de As Neves os dous libros, cos seus Cds, que recollen este inxente traballo recopilatorio. Xa temos para estudiar un cento de anos.
Agora, a aprender deles:

martes, 8 de febrero de 2011

E vai de cegos


Definitivamente quedan abandonados os gatos, que polo que parece nesta escola só interesa saber do gato Turulato e dos cegos que cantaban contos.
Agora, entre as obrigas do encargado de día, está a de se converter en cego cada mañán e contarnos, cantando, o conto.
E entre as miñas, está a de aprender cousas novas cada noite sobre este xeito de tradición oral. Un descubremento para tod@s, para o alumnado e para min.

Aquí , atopei información sobreo "Os cegos cantores"
e vía Facebook cheguei a este triste poema da cega de Miranda-anos 50, Castroverde, Lugo-

Perdín a vista querida,
apagouse a miña vela;
para min sempre é de noite
¡Vaiame a Madalena!

Perdín a vista querida,
a prenda que mais valía;
non me queda que perder
astra que perda a vida.

Vou ganando o meu panciño
facendo mofa de min;
as miñas bágoas por viño
miña dor por violín.

Veñan señores e escoiten
farei que esquezas as bágoas
que eu sei os cantos mellores
e as historias mais estranas.

Como sin saber qué como
e astra non son reparado
que a miña fame non compre
distingui-lo bon do malo.

Morrerei calquera noite
cá miña noite mais crara;
cecais no cumio dun monte
os corvos faranme a cama.


domingo, 6 de febrero de 2011

Cantares de cego

Íamos de gatos, pero estamos quedando nos cantares de cego. Só nos falta o violín. O demáis xa o temos.

Estamos a aprender un pouco máis sobre os cantares de cego e sobre O señor Florencio, a quen ademáis de voz xa lle puxemos cara gracias a este vídeo:



E co "cego" Luis o Caruncho e o seu moinante Bieito, decatámonos que os cegos levan axudantes, que pasan o sombreiro, e que uns levaban violin, pero outros tocaban a zanfona. E aquí paramos, que estamos a ver si conseguimos unha.






Tamén vía o Segrel do Penedo, para aprender e pasolo ben, temos este vídeo dun obradoiro que sobre Cantares de cego deu Antón Castro no IES de Fene.

miércoles, 2 de febrero de 2011

De gatos

Este mes imos de GATOS.

A nosa cantiga vai ser "O testamento do gato", recollida ao Cego dos Vilares



e aquí vai a letra:

Estaba o señor gato
nunha silla ben sentado,
chegoulle a gran noticia
que había de ser casado
cunha gata montañesa
que tiña os seus cen ducados.
O gato con tanta risa,
caeu do tellado abaixo,
rompera sete costelas
e a puntixiña do rabo.
Mandaron chamar ó cura
e xuntamente ó escribano,
pra facer o testamento
do moito que había roubado:
Cen varas de longanizas,
outras tantas de pescado,
trinta quilos de pescado
e quince de pan de millo,
e despois cando me enterren,
non me enterren en sagrado,
entérrenme naquel campiño
e o testamento cerrado.



Aquí podedes ver o traballo realizado polos nenos e nenas do CPI Antonio Failde, co video que elaboraron.

Buscando buscando, atopamos que este romance tamén o saben noutras partes do mundo:
en Trás-os-Montes (Portugal) e en moitos países sudamericanos

E falando de gatos AQUÍ temos o conto do "Gato con botas"

Para rematar, un sorriso de gatos