Mostrando entradas con la etiqueta primavera. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta primavera. Mostrar todas las entradas

martes, 2 de abril de 2013

Lamiun maculatum

SI SEÑOR!
que hai moito científico/detective/herborista en Vide.

Houbo os que non tiveron sorte:

- preguntaron só a nai, que dixo "nin idea"
- preguntaron á familia e logo a algún  veciño e "nada, nadiña".
- botaron man de internet , xunto coa súa nai e non deron "co demo da planta esa"

Houbo quen "casi, casi.." pero era outra planta .

E por fin, houbo os e as que aplicando un método parecido deron coa solución:

-En internet apreceu unha foto igualiña, igualiña e...era!
-A avoa sabía como se chamaba a planta.

..e así chegamos a : LAMIUN MACULATUM,  coñecida como chuchamel ou estruga morta.

Logo da posta en común, para confirmar o resultado buscamos nunha nova fonte: dous libros da Biblioteca da escola:



e xa podíamos resumir:


CHUCHAMEL OU ESTRUGA MORTA
VIVE Á BEIRA DOS CAMIÑOS.
PARÉCESE Á ESTRUGA PERO NON PICA. 
SE CHUPAS A FLOR SABE DOCE.
SERVE PARA TRATAR A DIARREA, AS VARICES  E AS QUEIAMDURAS.


Para rematar saímos a recoller máis chuchameles e "estudiámolos" con moito cuidado:

- as follas, o talo, a flor, as cores, o tamaño, a forma, o cheiro.....

Puxémolo nunha ficha e ....TRABALLO FEITO!!!!!!!




jueves, 21 de marzo de 2013

Detectives primaverais

"O mércores enterouse de que chegara a primavera e botou fora as nubes para que entrara o sol polo ceo adiante"- versión de Uxúe logo de ir ver o ceo para o calendario-

Tal parecía, pois despois de semanas de chuvia e nubes, o mércores chegou cun sol radiante anunciando a primavera.

Non podíamos desaproveitar a ocasión, así que collimos a cámara de fotos e saímos á procura de follas  e flores nacendo nas árbores.


E xa postos a ser científicos/detectives escollimos unha planta con flores que abunda moito ao pé da escola, esta:

para levar a casa e investigar:

- Cal é o seu nome?
- é unha planta útil para........

preguntando a quen pode saber:

- familia, veciños..... ou  en internet, como se encarga de recordarme Noa, e a quen rápido Iago apostilla:

- Ou nun libro!
Pois iso.








miércoles, 14 de marzo de 2012

Aguacates

Xa levamos uns días preparando alcouves: de tomates, pementos.... Hoxe tocou preparar noces de aguacate

Espichamos tres palillos en cada noz e logo colocámolas en tarros con auga, na ventá que da ao norte, para que teñan moita claridade pero non sol.

En Vide, como xa sabedes danse moi ben as árbores "que non son do país": caquis, feixoas, quiwis, xuxús, maracuyás.... e sobre todo os aguacates, árbores frondosos de brillantes follas verdes que agora están cheíños de deliciosos froitos.

Como había algún dos nenos da escola que non recoñecía o aguacate pola semente, buscamos en Google imaxes da árbore e do froito, pero logo decidimos facer unha saída ata Chan de Vide, pois alí Tereixa da Regueira ten un enorme aguacate rebordando de froitos.

Recollimos os maduriños que caíran ao chan e levámolos para a escola.
Probalos foi un "experimento" par algún dos nenos, aínda que eu os animaba dicíndolles o rico que sabían, algúns como Noa e Soraya explicáronme polo miúdo que NON LLES GUSTABAN!!!!! e correron a cuspir o seu anaco en canto puideron.

O de probar novos sabores éche un bo problema......




jueves, 25 de marzo de 2010

De noces e landras

Como xa chegou a primavera fomos ver o alcouve onde sementaramos noces e landras.

Atopamolas a piques de se converter en arboriñas e pasámolas a macetas para que teñan máis sitio para medrar. Cando se fagan máis grandes irémolas a plantar no baldío.

martes, 12 de mayo de 2009

COUSAS QUE PASAN NA ESCOLA CANDO CHOVE


O BLOG DAS LEiTUGAS


Onte choveu e hoxe tamén.

Fixemos unha lista coas cousas "especiais" que pasan na escola cando chove. Quedou así:


COUSAS QUE PASAN NA ESCOLA CANDO CHOVE:








  • ÉRIKA TRAE UN QUEIXO QUE FIXO COA SÚA TIA.
  • NACEU O MILLO.
  • A HERBA DO PATIO MÓLLASE MOITO.
  • CANTAMOS "CHOVE, AI COMO CHOVE..."
  • O PAI DE JOSE TROUXO UN COELLIÑO QUE ATOPOU NO CAMIÑO.
  • PUXEMOS AS BOTAS E PISAMOS AS POZAS.
  • XOGAMOS DENTRO Á MARIQUITILLA DA ALFOMBRA.
  • MARTA TRAE UNHA FRAUTA DE CANA.
  • A BRUXA DO CAMPANARIO TROUXONOS UNHA TENDA DE XOANIÑA.