martes, 16 de diciembre de 2008

¡a bailar!

O éxito da actuación dos verdes foi tal que os máis pequenos, amarelos e azuis, ESIXIRON participar tamén no espectáculo cos seus bailes.
E aquí están.
Pasen e vexan:
¡¡¡Os Amarelos!!!
Send your own ElfYourself eCards


E agora...

¡Os máis pequenos: Mateo e Javier!!!!

Send your own ElfYourself eCards

Persépolis


Para este Nadal, un regalo perfecto para ti, para a túa nai, para as amigas da túa nai, para a avoa, a tía ou a veciña, e co que tamén poderías agasallar ao amigo,familiar ou coñecido que decidas, é Persépolis, novela gráfica- que é como se lle chama agora aos cómics- da iraní Marjane Satrapi.
É a historia autobiográfica da autora, Margi no libro, dende os dez ata os dezanove anos nun Irán que pasa da modernidade ao integrismo islámico.
Se abres o libro é imposible non quedar pegada, e serás Margi mentras pelexa pola súa identidade no seu país, ou fora del.

¡Canto me gustou a min este libro!

Pero aínda me queda por ver a película , pois Marjane Satrapi converteu esta novela nunha longametraxe de animación coa colabouración do director de cine Vincent Paronnaud.

Terémola na Biblioteca A Dúas por reis, mentras ahí vai un adianto:

lunes, 15 de diciembre de 2008

Gracias a sereas sen cadeas ímonos divertir un pouco cos nenos e nenas de cinco anos, que bailan de maravilla neste video que vos presentamos hoxe


Send your own ElfYourself eCards

viernes, 12 de diciembre de 2008

David, o profe dos números


Dende que fixemos o libro Novembro en Vide, esta de "moda" un novo xogo na Biblioteca A Dúas: Buscar no índice.

Este xogo ben sendo así:
1. Buscas un amig@.
2. Escolles un libro que teña índice- se queres ser rápid@, vai ao 5 que é máis seguro.
3. Abres polo índice e....comenza o xogo: buscar páxinas seguindo as indicacións, e se podes, averiguar de que trata a páxina en cuestión.

Se vos parece que é un xogo tonto, estades moi, moi equivocad@s. É un xogo DI FI CI LÍ SI MO!!!!.

Listado de razóns fundamentais según Marta:

-¿Como sabes se tes pasar as follas para adiante ou para atrás?
- Hai trampas: En Pregúntalle a Dra. Peteiro sobre os reptís, en navegación pon: 13 e 31, e entón ¿que fas?
- Hai moitos números de dous números.
- A profe non deixa pasar as follas rápido.

E neste xogo hai un MÁQUINA, David. Tod@s recurren a el preguntando:
- David, ¿que número é o 1 e o 9?
- David, o 2 e o 7 é para adiante ou para atrás?
- David, ¿este que número é?
- David.....

e David SABE TODO, xa lle chaman o profe dos números

miércoles, 10 de diciembre de 2008

Dous xoguetes e unha casa

Onte comenzamos a traballar o tempo de Nadal na escola.Este ano decidimos adornar a nosa árbore, e a aula, só con adornos feitos por nós. Xa fixemos unha estrela dourada e temos en espera bolas, botas e cadeas de papel.Como estamos preparando as Xaneiras seguimos aprendendo novas panxoliñas para ir cantar cos maiores, ademáis pensamos sorprender a tod@s acompañando coa pandeireta unha cantiga: o Nadal de Luíntra.
E como é tempo de reis e xoguetes, hoxe a roda tiña un tema: a carta aos reis.
Érika, que foi a primeira en pedir a palabra, propuxo discutir antes cantos xoguetes se lle podían pedir aos reis. Ela pensaba que só un, pero Saray lle dixera que se podían pedir dous.
As palabras sucedíanse e o problema era matemático:
- ¿Un xoguete só?, entón ¿a quen? ¿a Papá Noel ou aos Reis?
- ¿Dous xoguetes?, ¿un a Papá Noel e outro aos Reis?
- ¿Dous xoguetes a cada un?. ¡Ah, pero iso son catro xoguetes!¡Imposible- dicía Marta- non hai tantos xoguetes para repartir entre todos os nenos do mundo, algún vai quedar sen nada!
Como non había acordo propuxen que alguén fixera unha proposta e votabamos.
Brais levantou a man:
- ¡Só se pode pedir un!¡Iso é asi, ademáis tamén mo dixo a miña nai!E eu quero dicir unha cousa moi importante: ¡vou facer unha casa!
-¿Vas facer unha casa?- dixo Carliños- pois eu axúdote, que sei botar a placa.
- Vale, pois ven pola tarde e me axudas, que vou facer unha casa pequena para min, con tellado e todo. Hoxe pola tarde o meu pai vai ir co chimpín a areeira a buscame area para facer a masa, e xa teño uns bloques preparados.
- Eu tamén vou -dixo Elena- que sei poñer as plaquetas, así, unha ao ladiño da outra. Dáseme moi ben.
- Pois eu tamén - dixo José Ángel- e fágoche a porta. Collo unha taboa, logo outra, e cunhas puntas e un martelo voulle dando.
- Pero entón - dixo Carliños- antes hai que saber onde vai a porta para deixarlle o sitio, que senón hai que romper a parede.
- ¡Pois facemos un debuxo!¿podemos profe?- dixo Marta- e logo Brais escolle a casa máis bonita e todos lle axudamos a facela,¿vale?.
- Pois valerá, dixo a profe, abraiada diante de tal entusiasmo colabourativo.
E tod@s se puxeron a "diseñar" casas para Brais e pintalas no papel.
Cando remataron, Brais foi mirando un por un. Abaneaba a cabeza,volvía a mirar...Tod@s espectantes esperaban a súa decisión.
Entón , pousa os papeles na mesa e di:
- Isto está moi ben pero, primeiro hai que ver como sae a masa, logo....xa falaremos.
E sorprendentemente tod@s estiveron dacordo.

Mañán buscaremos solución ao problema matemático.

sábado, 6 de diciembre de 2008

Sumario e factor X

No mes de novembro estivemos ben ocupad@s na escola recollendo froitos "raros" por todo Vide, e aprendendo todo o que poidemos deles: caquis, kiwis, alquexenxes, feixoas...acompañáronnos todo o mes co seu olor, o seu sabor e as súas múltiples cores e propiedades. Ata tivemos que achegarnos á muralla China e a Brasil para saber dalgún deles- isto da pizarra dixital é unha maravilla- e coma sempre, co producto do noso traballo puxémonos a compoñer un libro na Editorial Unitariadevide para deixar na Biblioteca A Dúas, e outro para levar para casa.
Pero esta vez non foi igual que sempre, foi parecido, porque este libro leva unha páxina nova: o sumario.
Este non era un libro que contaba unha historia. Era un libro onde nós podiamos informar sobre froitos- e unha hortaliza- do novembro de Vide, e, investigando na Biblioteca, descubrimos que estes libros levan unha páxina para axudar a buscar a información. Nuns, chamábanlle índice, noutros sumario e noutros contidos. Votamos, e decidimos que nós, chamaríamoslle a esta páxina: SUMARIO.

Foi divertido. Tivemos que numerar todas as páxinas, que foi o máis difícil porque cada libro tiña distinto número de páxinas- o libro de David tiña ¡ trinta e dúas!- e no sumario poñer tamén fotografías para que os máis pequenos poidesen facelo, pero logo pasámolo la mar de ben xogando a :
-¿Onde tes ti o kiwi?
- Eu na 5
- Eu na 8
-¿ E a granada?.....

Cando xa marchabamos para casa co libro na man, Brais dixo:
- Hoxe vou traballar toda a tarde no libro.
- ¿A traballar?, pregunteille.
- ¡Claro!, teño que rodear China,o sitio ese que ten a de "factor X" e outros sitios máis que xa non me acordo, teño que volver a escribir o 5, e teño qeu pintar ben o xuxú para que me quede ¡perfecto!

O de " factor X" ía por México.

viernes, 5 de diciembre de 2008

la chica que soñaba con un bidón de .......


Xa temos na Bilioteca o segundo libro de Milenium: "La chica que soñaba con un bidón de gasolina y una cerilla".

Despois do que nos gustou o primeiro: Los hombres que no amaban a las mujeres , este segundo libro, foi chegar á Biblioteca e desaparecer nans mans de Sita, a máis rápida, ou a máis madrugadora. Esta vez só contamos cun libro, en troques dos tres que rolaron do título anterior, así que esperamos que Sita se dea prisa en ler, que a lista de espera é longa.

Hai unha "afortunada" que xa o leu. Pillouno na librería o mesmo día que saíu, e na fin de semana andivo co libro para todas partes. Dí que lle gustou aínda máis que o primeiro, o que non está nada mal para unha segunda parte. Se a progresión segue,¿que nos deparará o terceiro libro de Milenium?

Aproveitamos esta entrada do blog para informar a quen interese que os catro libros da saga de vampiros que comenza con "Crepúsculo" viaxarán o martes para a Biblioteca do instituto onde hai unha morea de rapaces a esperar por eles. Estamos ben contentas con este intercambio bibliotecario.

jueves, 4 de diciembre de 2008

Prestando libros


Contounos un paxariño que entre os rapaces e rapazas do Instituto, un libro, Crepúsculo, está a facer furor.
Pois na Biblioteca A Dúas de Vide hai unha semanas fixéronnos un agasallo: OS CATRO LIBROS desta saga vampírica de Stephenie Melyer:
- Crepúsculo
- Luna Nueva.
- Eclipse.
- Amanecer.
Así que xa sabedes, si queredes ler Crepúsculo,antes de ver a película, ou saber como continúa a historia de Bella e Edward, só tedes que pasar pola nosa Biblioteca, ou pasar pola Biblioteca do voso centro e solicitar un préstamo interbibliotecario.

miércoles, 26 de noviembre de 2008

hoxe non hai pandeireta

Tan cedo
compañeira

martes, 18 de noviembre de 2008

Coquis e caquis

O Coqui nunca fai caso- dixo Elena- bótase a correr detrás das ovellas e aínda que o chames non volve, e as ovellas escapan. Eu teño que ir correndo a buscalas, e tampouco me fan caso. Todo por culpa do Coqui, que é un can moi, moi malo.
- ¡Profe!- di David- os coquis son como os kiwis, pero en can. Hai coquis de comer e coquis de can.
- ¡Non!- dixo Marta- porque os que de comer son CAQUIS.
- ¡Os de comer tamén son coquis!- berralle David.
Marta vai correndo ata a mesa das froitas, colle o cartaz dos caquis e pono diante da cara de DAvid:
- ¿Ves?¡¡¡ CAAAAquis, os de comer son CAAAAAquis!
- COOOOOquis- se empeña David- pon COOOOquis.
Noemí, deulle un trincazo ao bocadillo, e coa boca chea sentencia:
- Aí pon CAAAqui, de CAAAAAca.
-¿Ves?,¿ves?- berra exultante Marta- ¡¡¡son CACAS, non COCOS!!!
David mira para min con cara de desconcerto. Elena tírame da manga e con voz agoniada dime:
- Profe, o meu Coqui é moi boiño, eu o quero moito.

lunes, 17 de noviembre de 2008

kiwis


Hoxe comenzamos con outro froito de inverno bastante común en Vide: o kiwi,e este si que o atopamos na Biblioteca, porque no libro da Editorial Linteo ¿Que tal vexetal? Alimentos con sentementos, atopamos unha páxina adicada a este froito. Gustounos tanto que decidimos "copiala" cos nosos kiwis o vindeiro venres. Mentras, temos moreas de traballo por facer.

Xa fomos ver unha parra de kiwis que hai perto da escola, aprendimos a escribir KIWI,cortamos, contamos, tocamos e pintamos kiwis mesturando pintura ata dar coa cor: sae perfecto se mesturas roxo e verde, logo preparamos o cartaz que mañán cubriremos con todos os lugares que coñecemos de Vide onde hai kiwis, e por fin fómonos a Google a escribir Kiwi e ...¡¡¡¡sorpresa!!!! Hai un kiwi vexetal, e un kiwi animal.
Foi terrible, o "noso" kiwi perdeu todo interés:
-¿é unha galiña?
- ¿onde hai?
-¿como nace?-
-¿que é Nova Zelanda?
-¿podemos ter un?
- busca máis fotos.
-¿ten plumas?
Pola mañán, na roda, tivera que empregarme "a fondo" para que o kiwi resultara ser "interesante". Si non chegan a "descubrir" o libro da Biblioteca...xa me miraba tirando deles como dun carro, e agora, a última hora, aparecía outro kiwi que ameazaba tirar todo o meu "traballo" pola borda.
Pero esta vez, non. A programación vai adiante.Faltaría máis.
Só unha pequena cesión. Xa lles teño preparado un conto dun Kiwi que quería comer kiwis.
Veremos este video tan entrañable , que eu lles contarei en versión infantil. O Kiwi,marchou voando ata atopar un kiwi. A Bruxa do Campanario fíxolle ese regalo. Fin.
E a seguir cos kiwis de comer.

sábado, 15 de noviembre de 2008

Cantos para o Nadal

Ainda que pareza un pouco cedo, xa estamos a preparar os cantos para o Nadal porque este ano temos pensado ir polas portas das casas da parroquia, cantando as xaneiras e os reises, e pedindo o aginaldo,claro.
Na Biblioteca A Dúas tiñamos varios Cds e cintas :
- Galicia canta ao neno, de Fuxan os ventos
- Cantigas de Nadal. Berrrogueto, Muxicas, Os Cempés…
- Aghinaldo, de Malvela
- Cantos para o Nadal. O Quiquiriquí.. Vari@s.
- Panxoliñas, de Maria Manuela e Xoan Rubia.
- Panxoliñas- Villancicos, de María do Ceo

Convocamos un “Martes da Dúas” a todos os nen@s e maiores que quixeran vir con nós, e xa temos o grupo feito:
Edorta co acordeón, Fabiola e Sabela á gaita, Darío co tamboril, as pandereteiras coas súas pandeiretas e un feixe de cantareiros e cantareiras de todas as idades. Só nos falta que se anime co bombo o pai de Noemí.
Despois dunha farta de escoitar música escollimos o que nos pareceu ben e fixemos unha libretiña coas letras e un Cd que repartimos entre tod@s.
Agora e ata fin de ano, os martes pola tarde a Biblioteca, e a escola, é unha festa .
Levamos dous martes de “ensaio” e isto vai que arde. Xa andamos a pensar nun xeito de locomoción “enxebre” por se chove , ou por si non chove , que hai moita casa e moita costa en Vide .

No lateral do blog tedes o caderno de letras e algunhas das cantigas por si queredes ilas aprendendo

E neste vídeo vai unha clase práctica¡¡¡¡¡¡ANIMO!!!!!!

jueves, 13 de noviembre de 2008

O peón

Como
Polo San Martiño
o peón vai ó camiño

e nós somos moi ben mandad@s, ao chegar estas datas collemos uns días para sacar os peóns e facelos baillar no camiño, no patio, no chan da escola... e de paso aprendemos a poñerlle a capa ben apretada, que non é doado se tes catro anos ou cinco anos, a escribir O PEÓN, a contar e pintar peóns de todas as cores e aínda temos tempo de descubrir que tamén se lle pode chamar TROMPO, BUXAINA ou BAILARETE, pero sobre todo adicámoslle tempo a tirar do cordel para que baille. Tiramos "á señorita" e "por riba" e os nosos peóns baillan como poden: uns co cu para abaixo e outros co cu para arriba.
A avoa de Mateo que de pequena xogaba co peón - aínda que iso non lle gustaba nadiña aos seus pais, que dicían que era cousa de nenos-, veu hoxe a xogar con nós. Ao principio o peón no lle quería baillar, porque tiña unha corda moi pequena, pero logo, tirando á señorita, o peón por fin baillou, e todos os nenos e nenas berraron:
¡¡¡Cristina!!!¡¡¡¡Cristina!!!!¡¡¡¡Cristina!!!!¡¡¡¡Cristina!!!!

E si qeredes saber como se fan os peóns aqui tedes un video que atopamos en xogos populares cando estabamos "investigando"

Vide tropical

No mes de novembro, se das un paseo pola parroquia de Vide, igual te pensas que estás nos trópicos, porque vas atopando árbores, arbustos e prantas cargados de froitas que "non son do país". Viñeron de Brasíl, de Colombia, de Perú... e en Vide atoparon un lugar onde vivir e unhas xentes que os cuidan, os podan e "as veces" ata comen os seus froitos.
Xa falamos do ben que se dan aquí as granadas e os morangos, pero tamén podes ver árbores de aguacates nos que asoman os froitos que recolleremos na primavera, ou caquis que semellan adornados para o nadal de bolas laranxas, verdes feixoas ou parras de kiwis cheiñas de froitos, plantas de alquejenjes, maracuyas... e nas hortas os extraños xuxús.
Temos na escola unha mesa chea destes froitos, e cando remate novembro Editorial Unitariadevide publicará un libro no que contaremos todo o que estamos descubrindo: de onde viñeron, que propiedades teñen, como saben....será o noso agasallo de nadal para a Biblioteca A Dúas.

domingo, 9 de noviembre de 2008

citas

Entereime hoxe que ven de sair publicado un novo libro de Henning ManKell e pareceume que xa tiña por onde empezar un exercicio de citas e ligazóns que tiña pendiente vía A nosa Biblioteca. O novo libro titúlase El Chino,penso lelo axiña e espero que o amigo Henning non me defraude pois seica custa ¡¡¡¡20 euros!!!!. Logo, para empezar o exercicio propiamente dito fixen un percorrido polos Biblioblogues Escolares Galegos,abrín BiblioArzúa e atopeime con mil soles espléndidos.

Estremceuseme a alma.

E lembrei aquel poema de García Calvo: Te quiero libre, que hai anos eu e as miñas amigas cantabamos berrando a todo pulmón, superando con moito a interpretación un tanto mística de Amancio Prada :

Libre te quiero
como arroyo que brinca
de peña en peña,
pero no mía.
Grande te quiero
como monte preñado
de primavera,
pero no mía.
Buena te quiero
como pan que no sabe
su masa buena,
pero no mía.
Alta te quiero
como chopo que al cielo
se despereza,
pero no mía.
Blanca te quiero
como flor de azahares
sobre la tierra,
pero no mía.
Pero no mía
ni de Dios ni de nadie
ni tuya siquiera.

via Antología poética Multimedia

¿Para cando?

viernes, 7 de noviembre de 2008

mochilas viaxeiras


Hoxe a oca do padriño de Yoel, que mira que casualidade, ven debuxada nos cartaces da Biblioteca e nas mochilas, foise de excursión con dúas mochilas cheas de libros da Biblioteca A Dúas.
Unha levouna ata Taboexa, para deixala na escola Unitaria, e outra tiña que deixala na escola Unitaria de Rubiós. Deste xeito podemos compartir a nosa Biblioteca cos nenos e nenas das outras Unitarias do Concello de As Neves.
Despois de preparar as mochilas aínda tivemos tempo de rematar o cartaz das granadas e "estudiar" os ramos de morangos que nos deixara na escola Sita, a nai de Marta.
En Vide chámanlle morangueiros aos madroños e morangos aos seus froitos, e os morangueiros, danse moi ben aquí. No eido de Felipe hai un enorme que plantou o seu avó, e tamén no eido de Sita e no da avoa de Yoel hai morangueiros que nestas datas están cheos de froitos.
A avoa de Yoel díxonos que non podíamos comer máis que uns pouquiños, que senón podíamonos marear (emborrachar). Comimos con cuidado pero foi unha magoa non poder comer máis porque estaban moi ricos, cun sabor moi doce parecido ás cereixas.

miércoles, 5 de noviembre de 2008

granadas


Sita, a nai de Marta trouxonos un caneco cheo de morangos e granadas do seu quinteiro. Mañán falaremos dos morangos, que NON son amorodos, porque hoxe estivemos moi ocupad@s coas granadas. Fomos á Biblioteca a investigar: buscamos no Diccionario granada e descubrimos que ademáis do froito do granado pode ser un proxectil.Logo buscamos en google e encontamos máis granadas:unha cidade en Andalucía e outra en América.

As nosas granadas estaban todas abertas da chuvia, e parecían caras que sorrían ensinando os dentes. David, que era hoxe o encargado, pensou que estaría ben que os pequenos pintaran granadas con poucos dentes mentras os maiores pintaban granadas con moitos dentes. Fixémoslle caso e de entrada atopámonos cun problema. ¿De que cor pintar a pel? logo de discutir moito e comparar todas as granadas que tiñamos decidimos utilizar tres cores: amarelo, verde e vermello, pero entón Érika que hoxe estaba moi discutidora, atopou outro problema. ¿Cantos eran poucos dentes?
Ai amigo! iso si que foi un problemazo. Fartámonos de debrullar granadas, contar dentes, poñelos en pratos de papel e non nos demos posto de acordo. Aos que tiñan fame de granada o moito parecíalles pouco, e os que xa avisaban que non querían comer granada o pouco parecíalles moito.

Resolvimos que cadaquen pintara moitos ou poucos dentes como deus lle dera a entender- ous as ganas de pintar- e que rematado o traballo distibuiríamos os dentes para comelos. OS MOITOS DENTES con azucre, e os POUCOS DENTES nunha tartiña feita cunha galleta cun chisco de leite condensado.
A solución satisfizo a tod@s e fómonos para casa coa barriguiña chea de moitos/poucos dentes de granadas de Sita.

sábado, 1 de noviembre de 2008

Samaín


Eran as cinco da tarde e chovía.
¿Que facer coa festa do Samaín?.O teléfono non paraba de soar.
- ¿Que facemos?
- Pois suspenderemos a festa. Chove e vai moito frío- dicía eu.
Pero achegueime á escola por si aparecía alguén
Había varios coches aparcados con nen@s dentro. As nais, ou pais, baixaban as ventaniñas:

-¿Que? ¿Suspendemos?.
-¡Que remedio!
Os coches foron marchando, pero ían chegando máis coches, nenos andando cargados coas cabazas e o paraugas, Yanira, que viña andando coa súa avoa dende a Porteliña, outr@s viñan con castañas....
E parecía que quería escampar.
Abrimos a Biblioteca e nun tris púxose a funcionar: unha película para os máis pequenos, outros nas mesas e na alfonbra lendo, os maiores "ocupando" os ordenadores... e fora, no cuberto, as mulleres deciamos:¡magoa de día!

Xa non chovía pero a "terrible festa" que tiñamos preparada quedara en nada.
E NISTO CHEGOU TEREIXA.
-¿Como que non hai festa?¡Veña esas cabazas, que hai que preparalas!E as castañas,¿onde están as castañas e a candea?¡Pois claro que imos facer un magosto!¿ e non hai chourizos?, pois que vaia alguén a mercalos.

Fabiola, que chegaba naquel momento dixo:
- Eu traio dúas tortillas e unha empanada de mazán.
- Eu teño aquí un saco de candeas e pan e galdrumadas- dixo Dina.
- Eu velas para prender nas caveiras- dixo Mónica.
E outra tiña bebidas no coche, outra chulas, outra máis candeas e castañas....

E noutro tris,con Tereixa e Fabiola ao mando,houbo caveiras, magosto e merenda.
Cando xa noite pecha, marchabamos coas caveiras para colocalas nos valados e nos cruces dos camiños dicía Ana:
-¡ Ai Sabela, cando se enteren as que mandaches de volta para casa vante matar!
- ¿A min?¡ A Tereixa!






*Isto aconteceu o venres 31 de Octubro pola tarde, aínda que o contemos en sábado e as fotos digan que foi un xoves.

viernes, 31 de octubre de 2008

As chulas de Isabel

Comenzou a mañán cun traballo duro pero moi gratificante: converter os cocos en caveiras.Logo, recollimos as sementes para plantar na nosa veiga na primavera, limpamos a aula e as mans e fumos comer un bocadillo e a xogar un pouco no patio.
Pero o día estaba tan sorprendentemente fermoso, cun ceo tan limpo e azul que decidimos ir a dar un paseo e apañar castañas do castiñeiro da "arxentina" para o magosto de pola tarde. É un vello castiñeiro de castañas das "nosas", pequenas pero moi sabrosas.
Ao pouco de chegar de volta á escola petaron na porta e era Isabel, a nosa veciña.
Traíanos chulas recien feitiñas!

Deliciosas!

Hai no mundo unha escola cunha veciña tan maravillosa como a nosa?

Isabel, eres a veciña que todos os nenos e nenas do mundo quixeran ter, e eres...¡A NOSA!

jueves, 30 de octubre de 2008

Chulas, cocos e caveiras

Xa temos os cocos preparados para mañán pola mañán facer as caveiras.
E si non chove, pola tarde faremos unha terrible festa de samaín no patio da escola, con obradoiros de caveiras, magosto e... ¡chulas!
Logo, á noitiña iremos en procesión coas caveiras a deixalas nos balados e nos cruces de camiños, para escorrentar ás ánimas.

E por si queredes ir preparando xa as chulas, ahí vai a receta:

Collese un bo coco dos anaranxados, que son os mellores para as chulas e, despois de pelalo e limparlle as sementes, córtase a pulpa en anaquiños e cócese cun pouco de sal.
Logo, escúrrese , esmágase cun tenedor e facedes unha masa botándolle fariña, ovos, azucre, raiadura de limón e un pouquiño de canela.
Cando a masa está lista, cunha culler a ides botando nunha tixola con aceite ben quente, e facedes fritos.
Logo un pouco de azucre por riba e....¡a comelas!.
Iso se non vos quedaron duras por levar demasiada fariña, ou aguadas por non escurrir ben o coco, ou se non se queimaron porque non fostes quen de sacalas da tixola a tempo.

A nós sempre nos saen.....¡EXQUISITAS!!!

miércoles, 29 de octubre de 2008

De visita

Hoxe as nenas e nenos das Escolas Unitarias de Taboexa e Rubiós viñeron ata Vide a visitar a Biblioteca A Dúas.
Magoa que só dispoñan de transporte de nais-taxis, porque Vide lles queda un pouco lonxe para poder repetir o día de hoxe máis a miudo.
Pero a semana que ven, A Dúas vai preparar dúas mochilas viaxeiras para, coa oca do padriño de Yoel, viaxar ata Rubiós e Taboexa cheas de libros de A Dúas.De volta, traeranos puzles e xogos, e así poderemos seguir compartindo contos, xogos e historias.

sábado, 25 de octubre de 2008

El cuento de la criada


A escritora canadiana Margaret Atwood ben de ser galardonada co Premio Príncipe de Asturias das Letras, e nós temos un libro dela na Biblioteca A Dúas da Casa da Auga: "El cuento de la criada", escrito en 1985 e premiado có Arthur C.Clarke de 1987 e finalista tamén dos premios Nébula
Un bo libro que ler. Recorda un pouco a "1984" de Orwel, pero aquí a protagonista é unha muller, unha criada,que así se chaman as mulleres fértiles dun futuro envolto en guerras nucleares e gobernado por un grupo fundamentalista relixioso, no que as mulleres fértiles son un ben escaso, e, recluídas e desprovistas de calquera dereito están destinadas a cumplir o "seu" papel de procreadoras asignadas aos Comandantes. As outras, as non-mulleres, permanecen en campos de concentración e adoctrinamento.
Cando lin este libro puxeraseme un nudo no estómago e deixeino na mesa, era demasiado "posible". Pero volvino a coller e xa non puiden parar ata rematalo.
Hoxe volvín a el.

Moira estaba afuera, en algún lugar. Estaba en libertad, o muerta. ¿Qué haría? El pensamiento de lo que haría se expandió hasta ocupar toda la habitación. En cualquier momento podía producirse una explosión que lo destrozara todo, los cristales de la ventana caerían hacia adentro, las puertas se abrirían de par en par... Ahora Moira tenía poder, la habían puesto en libertad, se había puesto a sí misma en libertad. Ahora era una mujer libre.
Creo que nos pareció espantoso.
Moira era como un ascensor con los costados abiertos. Nos producía vértigo. Ya estábamos perdiendo el gusto por la libertad, ya nos parecía que estas paredes eran seguras. En las capas más altas de la atmósfera podrías desintegrarte, vaporizarte, no habría presión para mantenerte unida.

viernes, 24 de octubre de 2008

Visitando Bibliotecas

Antes de nada, por si alguén quere saber máis dos Encontros de Bibliotecas Escolares da semana pasada, premede aqui e atoparedes unha magnífica reportaxe, con fotos incluídas, do blog o Segrel do Penedo.

E agora,si queredes saber que fixemos hoxe, continuade a ler.

Pois hoxe, Día das Bibliotecas, fúmonos de visita á Biblioteca Escolar do Ceip de As Neves, e á Biblioteca Pública de As Neves.

Para @s nen@s de Vide foi moi emocionante ir ata o Grupo Escolar, a onde van "de maiores". José Ángel estaba tan nervoso que foi o primeiro en chegar a escola pola mañán, e fixo vir correndo á súa nai todo o camiño, e iso que veñen dende a Escaravilleira, porque tiña medo de chegar tarde.
Ao chegar ao grupo esperábanos o profesor Jose, que nos ensinou a Biblioteca e explicounos como funcionaba. Agora xa saben que cando vaian ao "Grupo", na Biblioteca teñen que buscar libros con etiqueta amarela,e que poden buscalos por todos os andeis, logo haberá que apuntalo na Libreta de Préstamos, porque a Meiga aínda non chegou a As Neves. Atopamos un libro que a nosa Biblioteca non ten Palabra de Cocodrilo , e levámolo prestado para lerllo.

Logo fomos ata a Biblioteca Pública, que está nos baixos do concello.Alí estaba a esperarnos a Bibliotecaria, que abríu a Biblioteca para nós, pois só abre polas tardes.É unha Biblioteca pequeniña, pero fixemos unha roda no chan e contámoslle e cantámoslle o conto de Cocorico.

E despois de tanta visita fomos ata o parque a comer o bocadillo e xogar un pouquiño mentras esperabamos que chegaran as mamás e os papás, os nosos taxistas, para levarnos de volta a Vide.

En Vide contámoslle a nosa viaxe a A Dúas e fixémoslle outro regalo que levábamos pintando toda a semana: un cartaz enorme de Cocorico.

E aínda non sabe que lle temos unha sorpresa: o mércores da semana que ven, os nenos e as nenas das Escolas Unitarias de Taboexa e Rubiós van vir pasalo día lendo, xogando e cantando con ela, coa Biblioteca A Dúas. Xa vos contaremos.