Mostrando entradas con la etiqueta lampreas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta lampreas. Mostrar todas las entradas

miércoles, 22 de abril de 2009

Investigando leitugas apareceron lampreas


Quedaramos de ir ata a casa de Sita, a nai de Marta, para ver a súa horta e sobre todo as leitugas que tiña plantadas. Ata alí fomos e Sita respondeu a todas as preguntas cunha paciencia ¡infinita!. Logo invitounos a unha merenda que tod@s agradecimos.

Á volta pasamos pola veiga de Isabel, que tamén nos foi ensinando as distintas variedades de leitugas que plantara.

Tanto Sita como Isabel tiñan posto plástico no solo dos bancais, cousa que nós non facemos, pero acordamos probar tamén na nosa veiga , nun bancal novo, e comprobar a diferencia.

A crónica desta saída atoparédela no Blog das Leitugas.

Pero Isabel tíñanos unha sorpresa:
Levounos ata o seu cuberto e alí vimos colgadas máis de vinte lampreas escaladas.

E isto foi o que nos explicou:

Chámanse lampreas escaladas, as lampreas secas, saladas e afumadas que logo se usarán para facer recheas, asadas ou en empanada.

Para escalalas ábrense en canal e co seu sangue se impregna toda a carne. Logo póñense en sal e máis tarde ábrense ben colocándolle unhas caniñas, cólganse e afúmanse.

Deste xeito poden conservarse algún tempo e logo, para cociñalas, só tes botalas en auga unhas horas para que perdan o sal e "engorden".

lunes, 20 de abril de 2009

lampreas

Hoxe estivemos moi ocupado@s coa palabra leituga e logo escribindo a primeira entrada do noso novo blog:
O BLOG DAS LEITUGAS

pero logo tivemos unha visita coa que nos divertimos moito:

O señor Pepe, o Curro, cando volvía da pesqueira que se chama Paneliña, de levantar as lampreas, parou na escola e abriu o saco....

¡¡¡Viñan dúas lampreas enormes!!!

Érika, Marta e Carliños, sen medo algún a eses bichos un pouco feos que parecen serpes, botaron man delas mentras as lampreas se retorcían e querían escapar abrindo e pechando a súa boca/ventosa.
Houbo quen escapou berrando, eu, e quen se fartou de rir, tod@s.
Despois, vimos que José o Camiña ía para as pesqueiras, tamén a levantar as lampreas e pedímoslle a Luís, que o acompañaba, que levara a nosa cámara para sacar unhas fotos.

Cando as trouxo, explicounos que o rio ía moi cheo e pasaran moito traballo para levantar as redes, e que só poideran levantar a da pesqueira que se chama Carreteira, pero que tamén colleran dúas boas lampreas.

Vimos todas as fotos e escollimos as que máis nos gustaron.
Deixámolas para que vós tamén pasedes un poquiño de medo.

¡Co feas que son e o ricas que saben!