Mostrando entradas con la etiqueta veiga. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta veiga. Mostrar todas las entradas

jueves, 10 de abril de 2014

Aínda que andamos moi ocupados con Miró, como deixou de chover corrimos a preparar a veiga da escola.

 Nesta semana: limpamos as herbas, preparamos os bancais, botamos o esterco que nos trouxo Fátima, a nai de Marcos e Diego, e logo espichamos as plantas que trouxo a nai de Ruth: leitugas, tomates, pementos, berenxenas, pepinos, repolos....



Moito traballo pero... que ben  nos quedou!

viernes, 3 de mayo de 2013

A veiga da escola

Aínda que moi tarde este curso- por mor do tempo- na derradeira semana de abril comenzamos coa veiga da escola.
Preparamos a terra, botámoslle esterco e logo plantamos:
leitugas, tomates, pementos, berenxenas, cocos, feixóns e millo.
regamos e agora a esperar que medren, que nós seguirémolas cuidando.

sábado, 23 de junio de 2012

Leitugas da nosa veiga

Ainda que este curso falamos pouco dela no blog, a nosa veiga está PETIOSA - no idioma particular de Iris e Noa- .

Entre as herbas que nos afanamos por arrincar nos recreos, foron medrnado as LEITUGAS, ESPINACAS, CEBOLAS, TOMATES, ERVELLAS, REMOLACHAS, XUDÍAS,  ACELGAS e XIRASOLES.

Observade que marabilla:






Non podíamos pasar sen probar as leitugas, así que recollimos unha leituga marabilla - ENOOORME- e unha leituga folla de carballo, e cuns ovos cocidos que nos trouxo Fátima, a nai dos xemelgos, fixemos unha ensalada/pallaso, adornándoa cun pouco de tomate.

 Estaba exquisita e...artística!









martes, 22 de mayo de 2012

Na veiga

Non temos contado nada da veiga da escola, pero dende abril estamos traballado nela, e, non sin tempo, hoxe imos dar conta do feito.
Logo de que a nai de Noa fresara, preparamos a terra para poder plantar nela as plantiñas que nos medraran no alcoube: XUDÍAS, XIRASOLES- para Van Gogh- ERVELLAS e CABAZAS, e tamén as plantas que nos mandou a tía de Noa, a nai de Saúl e a avoa de Samara: TOMATES, LEITUGAS, CEBOLAS, ESPINACAS, REMOLACHA  e  ACELGAS.
Botamos esterco e preparamos dous tipos de bancais: uns cubertos, para non ter que arrincar as herbas, e outros sen cubrir.
E puxémonos ao labor.
Choveu e logo víu o sol e agora na nosa horta as plantiñas van para arriba e da xenio velas medrar. Claro que tamén medra a herba, e nos recreos, aos poucos imos limpando a veiga de herbas, e de pedras!.
Aínda nos queda moito que traballar pero en nada,  xa veredes a nosa PRODUCCIÓN.


martes, 27 de marzo de 2012

primavera na veiga

Levamos todo o mes preparando os alcoubes para sementar tomates, pementos, herbellas e xudías na veiga. Agora tocaba prepara a terra, pero había que cavar moito nela, por iso pensamos que era mellor fresala. Dito e feito.
Hoxe Bea, a nai de Noa, sorprendeunos aparecendo coa fresadora, e nun periquete deixou a veiga lista para a primavera.




Tamén fresou un anaco de terra para que plantaramos nela os xirasoles de Van Gogh. Mañán o faremos, pero o resto deixámolo para despois das vacacións de Pascua.

sábado, 26 de marzo de 2011

ERVELLAS


Onte sementamos ervellas- pisum sativum- .
Un pouco tarde, pero......

Non nos custou moito sementar, non. Eu fixen os regos,un para cada nen@. Botaron esterco nos regos. Cadaquén puxo no peto do mandilón unha presa de ervellas e .... que gusto m
e daba velos tan concentrados poñendo con cuidado as sementes no seu rego, dúas de cada vez, dúas cuartas de separación, tapar con terra......

Non sei se teremos moita colleita, pero meréceno.

domingo, 20 de marzo de 2011

Xirasoles


Chega a primavera e a veiga ten que estar preparada para plantar nela.
Manolete, o pai de Jose Ángel xa víu fresala e como "EN MARZO PINTAMOS" e celebramos o cumpreanos de Van Gogh, pedímoslle que fresara unha tira máis para plantar os xirasoles, o noso regalo para Van Gogh.
O venres plantamos as
pipas.
Plantamos as pipas?
Fixemos dous regos mooooooooooooi longos, botamos esterco nos regos, logo botamos as pipas...., coas mans tapamos
con terra e despois....despois pisotearon os reg
os, a terra, as pipas, o esterco e todo o que se
puxo por diante.

Foi a emoción.

Eu, intentando poñ
er un pouco de orden díxenlles:
- Cuidado!!! Estades pisando todo o campo de xirasoles!!!!Que vai dicir Van Gogh???
- Que hai que poñer un c
artel-dixome Noa- para que non se pise.
Quedeime mirando para Noa, a campeona das pisoteadoras e ....que CONTESTAR?
Pois iso, que vale, que o luns faremos a cartaz.

domingo, 18 de abril de 2010

NOVA TAREFA

A semana pasada iniciamos un novo blog de tarefas.


TAREFA: DIARIO DA VEIGA 2010

e a tarefa marcada deunos traballo para toda a semana. Como xa temos experiencia non foi moi difícil pero o meu empeño en plantar as leitugas cubrindo a terra con plástico para librarnos de ter que andar a limpar as herbas- que é o que MENOS lles gusta a tod@s- complicou un pouco o proceso de plantado de leitugas.

Este ano levaremos dous Diarios da veiga, un en papel e individual: O CADERNO DA VEIGA , e outro no blog e colectivo.

Esta primeira semana temos ademáis un "documento gráfico", este:



jueves, 25 de marzo de 2010

De noces e landras

Como xa chegou a primavera fomos ver o alcouve onde sementaramos noces e landras.

Atopamolas a piques de se converter en arboriñas e pasámolas a macetas para que teñan máis sitio para medrar. Cando se fagan máis grandes irémolas a plantar no baldío.

lunes, 26 de octubre de 2009

veiga de inverno


Manuel, o pai de José Ángel pola mañán cedo falou con nós:

- Que pasa coa veiga?. Non ides traballala?. Da pena vela toda chea de herbas. Nin tan sequera limpastes os restos dos tomates e das xudias. A veiga non se pode ter asi,hai que atendela.

@s nen@s e eu mirámonos uns aos outros, sen saber moito que dicir, nin que disculpa dar.

E que nós só traballamos a veiga cando chega a primavera- dixen eu.

Entón, con moita paciencia, explicounos que a horta se traballa todo o ano, o que vai cambiando é o que se pode plantar. Agora, dixo, é tempo de plantar cebolas de inverno, fabas, que xa debían de estar postas, tirabeques, navizas...en fin, plantas que aguantan o frío e veñen para o inverno. Non é moito traballo, eu pásovos a fresadora, e así xa non tedes que cavar a terra, e traiovos as cebolas, que si queredes as poñedes con rede, como fixestes coas leitugas.

¿Como dicirlle que non?

Daquela este ano imos traballar por primeira vez a veiga todo o ano.

Nós limpamos a terra- sobre todo Mateo que os demáis tiñan poucas ganas de traballar-, Manuel fresou e trouxonos as cebolas, Isabel deunos semente de fabas e tiraveques e Tereixa ofreceunos semente de navizas.

Se non chove, esta semana a nosa veiga quedará "como Dios manda"

jueves, 30 de abril de 2009

Visitando un CIFP


O BLOG DAS LEITUGAS


Hoxe fomos visitar o CIFP " A Granxa"- Centro Integrado de Formación Profesional- en Ponteareas, para ver as súas hortas , os seus invernadoiros e tamén para coñecer este centro de referencia agrícola en toda a nosa bisbarra.
Para trasladarnos ata alí fomos nos coches das nais e pais que nos acompañaron na visita , asi como os irmáns maiores que hoxe non tiñan clase, porque en As Neves era festivo local.
Os cativos plantaron pementos e tomates e recolleron fabas e zenorias. Tod@s escoitamos moi atentamente as explicacións dos mestres que ao remate prepararon un obradoiro para que aprendéramos a facer o nos propio compost.

Foi unha mañán ben aproveitada. Tod@s, maiores e pequenos aprendimos a cultivar a horta de xeito eficiente e ecolóxico, divertímonos xuntos, e descubrimos unha opción de formación na agricultura ou na enoloxía.

Erika non deixaba de repetir.

- Eu de maior vou vir estudiar aquí.

E a súa irmá Vanesa dicíalle:

- Ti non sei, pero eu seguro.

sábado, 25 de abril de 2009

SI CHOVE CÓNTAME UN CONTO

Onte tiñamos que ir visitar a horta da nai de Elena, e alá fomos.
Paramos no camiño con Eugenia, que tamén nos ensinou a súa horta, paramos coas ovellas que estaban pacendo no camiño , e desviámonos ata un lugar secreto que coñecía Jose Ángel, onde medraban os marotes, pero non collimos ningún. Como eran poucos, deixámolos estar.
Ao pouco de chegar, cando a nai de Elena nos estaba a ensinar unhas leitugas que lle naceran no xardín, púxose a chover e fumos correndo para o cuberto.

¿Que facemos agora?¡¡¡¡Un conto, un conto!!!, e Elena trouxo un conto e púxose a ler. Era La vaca que puso un huevo. Gustounos tanto que alí mesmo decidimos compralo para a Biblioteca.

Ah! aínda que o conto viña en castelán Elena leuno en... ¡galego!. Tradución simultánea, como dicía o seu pai.

Cando parou de chover, Carmen, a nai de Elena, levounos ata a horta . Tamén tiña as leitugas coas cebolas, vese que son moi amigas, pero había moitas máis hortalizas e verduras, e aprendimos alí mesmo os seus nomes.

Logo de pasar a saudar ás galiñas, años e coellos, marchamos correndo para a escola, porque empezaba a poallar outra vez.
Corrimos e corrimos todo o camiño. Cando por fin chegamos, estabamos un "pouco" mollad@s e un "moito" esgotad@s.

Tanto, que David dixo:

- Eu ao chegar a casa voume deitar a durmir.
E unha chea de voces contestaron:
- Eu tamén!


Aquí queda o "documento gráfico", e si queres ver as leitugas de
Carmen ou de Eugenia , podes ir ao Blog das leitugas



miércoles, 22 de abril de 2009

Investigando leitugas apareceron lampreas


Quedaramos de ir ata a casa de Sita, a nai de Marta, para ver a súa horta e sobre todo as leitugas que tiña plantadas. Ata alí fomos e Sita respondeu a todas as preguntas cunha paciencia ¡infinita!. Logo invitounos a unha merenda que tod@s agradecimos.

Á volta pasamos pola veiga de Isabel, que tamén nos foi ensinando as distintas variedades de leitugas que plantara.

Tanto Sita como Isabel tiñan posto plástico no solo dos bancais, cousa que nós non facemos, pero acordamos probar tamén na nosa veiga , nun bancal novo, e comprobar a diferencia.

A crónica desta saída atoparédela no Blog das Leitugas.

Pero Isabel tíñanos unha sorpresa:
Levounos ata o seu cuberto e alí vimos colgadas máis de vinte lampreas escaladas.

E isto foi o que nos explicou:

Chámanse lampreas escaladas, as lampreas secas, saladas e afumadas que logo se usarán para facer recheas, asadas ou en empanada.

Para escalalas ábrense en canal e co seu sangue se impregna toda a carne. Logo póñense en sal e máis tarde ábrense ben colocándolle unhas caniñas, cólganse e afúmanse.

Deste xeito poden conservarse algún tempo e logo, para cociñalas, só tes botalas en auga unhas horas para que perdan o sal e "engorden".

martes, 17 de marzo de 2009

Enxertadores

Había que enxertar a viderira da nosa veiga XA, que o tempo,dicíannos tod@s, estaba enriba, pero non parecía que ninguén tivera gana de facer este traballo. Ata hoxe, que Carliños, Jose e Mateo se apuntaron á equipa de enxertadores dispostos a converter riparia en albariño.
Despois si, cando xa estabamos en faena tod@s querían colabourar, pero xa era tarde, dixo Carliños, agora só podedes mirar. Ata Marta e Érika, que na roda de pola mañán dicían que era mellor facer un feitizo que así non había que traballar,ofrecéronse para axudar.
E o enxerto quedou feito,agora a esperar que prenda.
Carliños, Jose e Mateo quedaron moi satisfeitos do seu traballo. E eu deles.

miércoles, 11 de marzo de 2009

Aprendendo das avoas

Hoxe cando fomos a polo legón para traballar un pouco na veiga atopámonos cun problema: caía polo mango abaixo . Así non se podía cavar.

- ¿Pero que pasou aquí? ¿E agora que facemos?- dixen eu.
As ideas non faltaban:
- Clávalle unha punta.
- Facemos un feitizo.
- Collemos outro.
E outra proposta máis repetida:
- Méteo na auga!

Sentámonos na herba e organizamos a discusión, entón Noemi contounos que a súa avoa pasáballe iso moitas veces co sacho, entón metíao na auga e xa estaba solucionado.
Marta, Carliños, Elena... explicaron que eles tamén llo viran facer moitas veces ás súas avoas.

Decidimos probar e...funcionou!

Eu non estaba moi convencida. ¿Alguén fixo un feitizo?.

Non, non, dixo Noemi. Como o mango é de madeira si o metemos en auga incha, e entón xa non cae. A min contoumo a miña avoa. ¿Ti non o sabías?

¿De verdade?- dixen eu.

E Carliños e Noemi, moi ufanos, explicáronnos a tod@s, que a madeira seca encolle pero si lle botas auga incha, por iso agora o legón xa non se movía no mango ¡PORQUE A MADEIRA BEBERA AUGA E ESTABA INCHADA!

Como a Marta lle parecía que eu aínda non entendera ben díxome:

- Como aquel día que a porta non abría ben, ¿non te acordas?.¡Como chovera estaba inchada!

¡¡Hai que ver o que saben as avoas!!!!

martes, 10 de marzo de 2009

De Mondrian a Miró

COUSAS DAS NENAS E NENOS DE VIDE

Como este ano queremos plantar millo, pedímoslle ao pai de Brais que viñera outra vez á escola a fresarnos unha tira no fondo , que está ben soleado. Chegou na hora do recreo e alí estivemos tod@s como paspáns mirando para el como traballaba. Cando chegue o tempo, imos plantar millo branco, que din que é o de aquí, millo corvo e millo de facer "palomitas", que nos trouxo a nai de Marta. Xa temos a semente de herbillas e de xudías, as pipas para os xirasois e un saco de esterco das vacas da avoa de Yanira.
Só falta que nos poñamos ao traballo, pero.. e que non damos sacado o tempo.

Esta semana o noso pintor é Miró, e si Mondrian gustou Miró arrasa. ¡Que discusións buscando títulos para os seus cadros! Hoxe o cadro "Bailarina" despois de reñida votación quedou convertido en " O corazón da lúa". Hai que ver como engancha aos nen@s este pintor. E mañán escolleremos outro cadro seu para imaxinar, crear, escribir, contar......

martes, 3 de marzo de 2009

Marzo pintado

Neste mes de Marzo na escola temos MOITÍSIMO traballo pero dous son moi importantes:

- Preparar a veiga.
- Preparar o cumpleanos de Van Gogh.

Preparar a veiga vai indo:
O pai de Brais, tal como fixera o ano pasado, veu a fresarnos a veiga, e así xa non temos que cavar. Nós, antes de que chegara, traballamos arreo recollendo os ladrillos e pedras que marcaban os espacios, e tamén os paos que aínda estaban fincados no chan. Agora, coa veiga fresada e lista só nos queda "discutir" que imos plantar este ano e poñernos a elo, si o tempo nos deixa.

Agasallar a Van Gogh vai andando:

Xa fedellamos na Biblioteca e fixemos unha exposición con todos os libros de pintura, pintores e arte. Tamén escollimos videos de pintores que nos gustan e agora estamos xogando con Mondrian para recordar as cores primarias, entre outras cousas.

O que está a piques de ser presentado, esperamos que mañán, é o conto da serea e os piratas, pois hoxe estivemos a encadernalo, e por si nos asoma a preguiza temos que poñer o día para ir plantar outra vez árbores ao Coto, que os cabalos do monte seica tiñan fame e comeron das árbores que plantamos o ano pasado.

lunes, 2 de marzo de 2009

ENXERTOS




Hai dous anos plantamos na nosa veiga unha videira de riparia para utilizala como portaenxerto dunha puga de albariño. A riparia medrou e este ano xa podemos facer o enxerto.

A avoa de Lara é unha das poucas mulleres que en Vide enxertan, pois esta actividade tradicionalmente fana os homes. Fomos onda ela e "tomamos apuntes" e agora intentaremos facelo nós. Só nos queda esperar á semana que ven, que hai lua nova, pois tal como nos explicou, débese enxertar en lúa nova ou menguante, así a videira ten máis sabia e agarra mellor o enxerto.Faise con fendidura simple, tal como se reflexa nas fotos que tomamos.




viernes, 30 de mayo de 2008

Estaban as leitugas....

Estaban
as leitugas
tan enormes,
tan tenras,
tan verdes
na viega
que....

¡había que comelas!