Mostrando entradas con la etiqueta outono. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta outono. Mostrar todas las entradas

martes, 24 de septiembre de 2013

Outono

Chegou o outono e fomos velo.

As follas das árbores amareleando, o sssssss do vento, o ceo con nubeiros, a nogueira de Camilo inzada de noces no chan, as uvas listas para vendimar, a nai de Laura traballando no tractor, as cabazas de Teresa a secar, as castañas no chan- apañámolas lixeiriños- a figueira da avoa de Samara aínda con figos..... e botamos a correr de volta para a escola, antes de que nos pillara a chuvia, coas mochilas cheas de outono.
Na escola fomos a Biblioteca a comprobar que nos andeis de "libros do contorno", ou nos andeis do "5", atopábamos "probas documentais".

E había.



jueves, 18 de octubre de 2012

Outono

Octubro sempre é un mes tan cargado que sempre "algo" queda sen facer. Temos o Outono, que nos chama cada vez que miramos para fora, o día das Bibliotecas Escolares, que non podemos deixar pasar, e por si fora pouco o Magosto e o Samaín, que o darse a primeiros de Novembro, toca preparalo agora. Este curso , gracias a una "hábilidosísima programación", esperamos non deixar nada no tinteiro.
Comenzamos polo OUTONO e aproveitando os primeiros días,que non choveu, percorrimos os arredores da escola para apañar noces na nogueira de Camilo, ourizos e castañas no "noso" castiñeiro, uvas de Xaque que quedaran sen vendimar nas videiras de Maruja, millo da tía de Noa, cogumelos na veiga da avoa de Alba, landras no monte e unha cabaza na nosa veiga. Tamén follas secas, moitas follas secas de todas as formas, tamaños e cores. Logo escollimos os mellores exemplares e preparamos unha MESA DE OUTONO que quedou ben linda. E como tiñamos tanto material aproveitamos para traballar e traballar: contamos, comparamos, pintamos e escribimos palabras ben difíciles, e se non o credes preguntadelle a Noa que cando se enterou que unha noz se escribía NOZ, e si eran moitas escribíase NOCES, e non NOZES, pasou media mañán queixándose:
 - Isto é moi raro, mooooooi raaaro!!!- mentras Alba lle dícía: - Non é raro, é DIFÍCIL, DIFÍCIL, DIFIIIICIIIIL.
 E Brandán, o pequeniño, sempre tan alegre, non paraba cantar: FI SI SIL!!!, FI SI SIL !!!
Magoa que chegou a chuvia e non pudemos asar as castañas .
Pero as NOCES comímolas todiñas!.

jueves, 10 de noviembre de 2011

O peón


Polo San Martiño
vai o peón ao camiño


Cando chegamos á escola, Lola a esqueleta tiña un peón na man, e todos os peóns dos nenos e nenas colocados aos seus pés, como se estivera xogando con eles toda a noite.

Pois se ela xoga de noite, nos xogamos de día- dixo Saul.

E xogamos.

O maís difícil era poñerlle a camisa. Non, o máis difícil era que bailase. Non, non, o máis difícil era agarralo ben coa man.

Que difícil é facer bailar un peón cando se é pequen@!!!!!

Menos mal que eu e o profe de inglés somos uns consumados "peoneiros".

Claro que tamén axudou que tod@s os nenos e nenas cantaban:

O peón, o peón danzarico danzarón
xira xira darredor
se lle das un empuxón
O peón, o peón,
danzarico danzarón
.

martes, 8 de noviembre de 2011

Dez e unha

O venres pasado quedaramos de comenzamos un traballo novo: contar as árbores do noso quinteiro.
Hoxe, saíron pitando e contaron.:
- Cinco! Tres! Nove! Seis!.....
Finalmente Noa e Iago puxeron orde, foron recorrendo as árbores e chegaron a unha conclusión:
- Hai dez e unha
.
Pois si, temos dez árbores e unha máis.

Pero a conta non quedou aquí.
Había árbores vestidos de follas e árbores nus, árbores de follas amarelas e outras de vermellas, árbores grosas e árbores fracas.....
Fartámonos de contar, comparar, describir.....

Eu propúxenlles facer fotografías para recordar como estaban as nosas árbores en novembro.
Boa festa que se montou!
Menos mal que con iso das cámaras dixitais tanto ten dez fotos como dez centos.

Mañán veremos como quedou.

Estes científic@s arrasan.

viernes, 7 de octubre de 2011

miércoles, 5 de octubre de 2011

O galo Traganoces

Como andamos a apañar noces teremos que cuidar que non nos pase como ao galo deste conto que, aproveitando, estamos a traballar esta semana:

"O galo traganoces" O autor é o contacontos Roberto Mezquita e o ilustrador portugués Bernardo Carvalho. OQO editora. 2011

Recollido da tradición oral, e un texto acumulativo e encadeado, polo tanto os máis cativos pódeno dramatizar - unha e outra vez- porque lles é moi doado de memorizar.

Nós xa estamos niso.







martes, 4 de octubre de 2011

AMABLE

Estou sentada no banco, á sombra do plataneiro, mentras eles xogan na area.

Achégase a min Soraya- 3 anos- e sinalando para o c oche que está aparcado no camiño dime:

- Profe, mira que amable é o outono. Botou as follas por riba do teu coche.


Saul
- 3 anos- sigue enchendo a carretilla da area pero intervén na conversación:

- A min gustoume moito iso que inventaches o outro día do outono, que bota as follas para abaixo, e logo as follas se pintan. É moi amable o outono. Si señor.

Alba- 4 anos- ponse de pé, e enfróntase a Saul e Soraya dicindo:

- Iso non é amable. Amable era a "nosa velliña"- a súa bisaboa morreu non hai moito- que sempre dicia: Moitos biquiños para toda a xente. PARA TODA A XENTE !!. Ela si que era amable.

E cada un seguíu coa area.

Cando entremos do recreo paréceme que vou ser moi "amable" con tod@s eles.



viernes, 30 de septiembre de 2011

Outono

Hoxe fomos dar unha volta para comprobar se o outono xa chegara a Vide.
E chegara.

Porque:

O patio da escola estaba estrado de follas secas.
A señora Maruja desfollataba o millo.
A palla estaba na meda.
A vendima feita.
O castiñeiro soltara os ourizos.
O carballo as landras.
E a nogueira de Camilo deixara as noces no chan.
Para nós collelas.

martes, 17 de noviembre de 2009

cogomelos

Un alumno de 1º de Secundaria do IES Pazo da Mercé de As Neves, fixo esta presentación para @s seus compañeir@s. Como é de Vide, prestounola para o noso blog.
Os cogomelos que aparecen son dos que podemos atopar por Vide e os seus montes sen buscar moito, que este novembro hainos por todas partes.
E xa sabedes, coidadiño, que hai moitas amanitas faloides agachadas.

Uploaded on SlideServe by aldeatotal | Upload your own presentation

jueves, 12 de noviembre de 2009

De carballos a toupeiras


Dende hai anos temos "adoptado" un carballo que está perto da escola, no linde de varias veigas. Era un carballo pequeno que saía entre as silveiras e nestes anos converteuse nunha fermosa árbore. Chamámoslle "O NOSO CARBALLO", e visitámolo regularmente. Polo outono para recoller landras e ver como amarillean as súas follas, no inverno para ir observando as polas núas, e na primavera para ver como as novas foliñas da cor do ouro van sáindo dos gromos ata ir cubrindo todas as polas.
Este ano, o noso carballo segue empeñado en conservar todas as súas follas dunha cor verde rabiosa, e decidimos "documentar" as visitas con fotografías e cun pequeno diario.

Visitamos o "Noso carballo" unha vez ao mes, e fixamonos
- na arbore
- no que hai debaixo da árbore.

É a segunda visita que lle facemos, e debaixo do carballo as chuvias do outono tíñannos preparada unha sorpresa:

Por entre as landras e as follas secas asomaban unhas froriñas de cor morada,cólquicos- azafrán salvaxe-, e unha chea de cogumelos.

Saray e Mateo, que son moi observadores, explicáronnos como se relacionaban uns e outros:
- Este cogumelo é moi amigo desta flor. Por iso están xuntos. E estes dous están enfadados. O cogumelo mira para outra parte- dicía Saray.
- Pois todos estes cogumelos- uns que nacían apiñados sobre a madeira apodrecida- son irmáns e están xogando ás peleas- explicounos Mateo.
Jose pensaba que todos, cogomelos, landras e flores estaban xogando debaixo do carballo, que era a súa nai. Elena dicía que o carballo era o pai, non a nai..... e así seguiron.

Ao chegar á escola propúxenlles buscar no libro de plantas o cólquico e mirar as fotos dos cogumelos, pero unha vez máis eles tiñan unha proposta mellor.
- Iso o facemos mañán profe, que onte dixeches que nos ías ensinar unha foto dunha toupeira e aínda non a buscamos no "jujel"- dixo Saray- E si queres eu lle aprendo aos "pequenos" a escribir TOUPEIRA. Está chupado. É igualiño que TOMATE.
- ¿Igualiño?- saltou Elena- ¡ja! tomate NON ten A.
Estaba claro o que HABIA que facer: adicar o tempo que nos quedaba ás toupeiras. Así o fixemos.
E cando recollíamos para marchar para casa Kike fixo este comentario:
- Uf, que ben o pasei hoxe!Xa sei que os cogumelos teñen PÉ e SOMBREIRO!

¿HAI QUEN ENTENDA A ESTES NENOS?

sábado, 11 de octubre de 2008

Lola ten que esperar


Quedaramos de contar a historia de Lola, a castaña de indias, pero Lola ten que esperar.
Porque aínda nos quedan moito por facer: temos que rematar de pintar ás amigas de Lola, que as fixemos en pasta de papel, temos que descubrir o feitizo que as ensine a bailar e cantar xuntas, temos que ensiñarlles a cantiga do alecrim... un feixe de traballo que non fixemos aínda porque nos xurdíu algo MOI urxente: ir ata a casa de Carliños.
Ademáis seguimos averiguando novas cosas das castañas das bruxas:
Como son das bruxas, tamén son máxicas e algunha xente as leva no peto para ter boa sorte ou para espantar o mal de ollo, por iso tamén lles chaman castañas da envexa. Erika tiña razón, son castañas das bruxas boas. Isto contounolo Ana, a nai de Noemí, e a ela contoullo a súa nai.


miércoles, 8 de octubre de 2008

Castañas das bruxas


Temos no patio un Castiñeiro de Indias , Aesculum hippocastanum, que encheu o chan de castañas. No recreo to@s andaban a xogar con elas, e u lembrei que cando era pequena, a miña avoa- que lle chamaba castañas das bruxas- facía con elas unhas monequiñas moi feitiñas, e dicíame que non as metera na boca, que eran venenosas.
Conteilles esta historia aos nen@s, pero non souben responder ás súas preguntas: ¿Por qué lle chamaban das bruxas? ¿ eran venenosas de verdade?.
Como a profe non sabía, e eles tampouco , decidimos facer a moneca coas castañas e, no entanto, facer averiguacións.
Na Biblioteca non atopamos información pero en internet descubrimos que o Castiñeiro de Indias é unha árbore moi famosa porque as súas follas, a súa cortiza, os seus froitos- as castañas- e as súas sementes, teñen propiedades medicinais.
Si premes aquí, poderás sorprenderte tanto coma nós .
Pero entón, ¿ que era iso de catañas das bruxas?. Tardamos un pouco máis en descubrilo pero agora xa o sabemos:
As castañas non se poden comer porque conteñen unha sustancia, a escina, que é tóxica. Pero como teñen un sabor moi amargo é moi difícil que alguén coma nelas.
Pero nas épocas de fame, houbo moita xente que recurríu a estas castañas para alimentarse, e puxéronse moi enfermos: vómitos, dor de cabeza, fiebre… ou morrían de parada cardiorrespiratoria.
Por isto quedoulle o nome de castañas das bruxas. Das bruxas malas, segundo aclaración de Érika.
A moneca que fixemos puxémoslle o nome de Lola.
Mañán contaremos a súa historia.