Mostrando entradas con la etiqueta pintura. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta pintura. Mostrar todas las entradas

viernes, 7 de marzo de 2014

En marzo pintando

Xa comenzamos o proxecto que todos os anos lle corresponde ao mes de marzo: EN MARZO PINTAMOS. Para iso escollemos un pintor ou pintora e todo o mes investigamos, aprendemos, buscamos, pintamos....

Este curso chegamos a marzo sen unha idea clara de sobre quen investigar, así que preparei unha pequena preswentación con cadros de varios pintores e pintoras: Picasso, Rosario Varo, Maruja Mallo, Miró, Mª Antonia Dans e Modigliani. O trato era que entre todos escollerían o cadro que máis lles gustase e sería ese o pintor ou pintora que investigaríamos.

E nin fixo falta votar.
O cadro de Miró  foi o preferido.
Pois xa está.
Este marzo, pintamos con MIRÓ, porque como dixo Soraya do cadro:

- Gústanos porque, aínda que é raro, é  moi bonito.

Esta foi a presentación:



en marzo pintando 1

Pero eu sei que escolleron Miró non tanto polo cadro, que tamén, senón polo libro:"Dessiner avec...Joan Miró", de Ana Salvador, que estivo na cesta dos libros da "Hora de ler" no primeiro trimestre, e andivo de man en man.

En canto escoitaron MIRÓ.....Tate!

jueves, 4 de abril de 2013

O violín de Paul Klee

Pau l Klee de pequeno aprendeu a tocar o violín. Os seus pais querían que fose músico , e o neno tocaba o violín tan ben que aos once anos xa  era todo un "virtuoso", pero cando rematou o Instituto, Paul decidíu que quería ser pintor, non músico, e marchou a Alemania a estudiar pintura.
E  cando pola mañán escribimos a palabra VIOLÍN:
- Que palabra tan bonita, dixo Iris.
- Como é un violín?- dixo Diego.
- Como se toca?- dixo Marcos.
.......tantas preguntas requerían unha resposta rápida, da que se encargaron Alba e Noa:
Google, imaxes, violín. Escollimos a imaxe que máis nos gustou e puxémonos a "estudiar como é un violín".

Logo you tube, axudounos escoitar un violín e observar como se toca:


UUUFFF! que marabilla!

martes, 2 de abril de 2013

PAUL KLEE, recursos

Seguimos aprendendo sobre Paul Klee, e aquí é onde buscamos información:

Preme na imaxe

jueves, 4 de marzo de 2010

MARUJA MALLO

Con Maruja Mallo e o cadro que máis nos gustou dela,"Muller con cabra" mira ti por onde,descubrimos que as palabras poden cambiar só por UNHA LETRA.

MALLO/ MILLO
CABRA/COBRA
CAN/CON

e aprendimos tamén unha letra nova, a J, que coñecíamos só por JOSÉ ÁNGEL.

Pero tamén nos gustaron outros cadros dela:
"Sorpresa do trigo", porque o trigo nace das mans da muller, e
"Cabeza de muller negra", que ten forma de corazón.



lunes, 1 de marzo de 2010

PINTORAS

Este mes de marzo celebraremos coma sempre o cumpreanos de Van Gogh, que xa é unha tradición nesta escola, pero tamén imos coñecer 3 PINTORAS GALEGAS

  • MARUJA MALLO
  • Mª ANTONIA DANS
  • MENCHU LAMAS


viernes, 4 de diciembre de 2009

Como se titula?

A escola convertida nun estudio de arte, e @s nen@s cos dedos uns, con pinceis outr@s, pintaban e pintaban.

Ao remate, chegou o memento de contar o que pintaran poñendo un título á súa obra.

Dende que entrou nas súas vidas Miró, os cadros destes nen@s levan títulos do máis "expresivo", tipo : Linea negra voando cando chove- foi o título que lle puxo ao seu José Ángel, así que xa non me sorprendo dos productos da súa imaxinación, pero xa colgáramos a secar tódalas "obras" cando me decatei que Noemi non nos dixera o título da súa.

- Noemi, non nos dixeches como se titula o teu cadro.
- Ah! titúlase OCO.
- Oco de buraco?
- Non profe! Oco de EDITORIAL OQO!

Mudiña que me quedei.

E que menos que colgalo aqui.

martes, 31 de marzo de 2009

Marzo quedou pintado



Rematou marzo e deixámolo todo pintado. Pintámolo de cadrados e rectángulos amarelos azules e vermellos con Mondrian, de círculos, estrelas e lúas con Miró e de xirasoles e amarelo con Van Gogh. Fixemos tamén unha exposición cos libros de "pintura" da Biblioteca A2, que ademáis escollíamos todos os días para a Hora de Ler.
Hoxe, recapitulando na roda, decateime que teño na escola un feixe de "erudit@s". Sandra, a nai de David escoitabao "embelesada" mentras David, recorría o mural facendo a súa exposición:

- "Este é un cadro de Mondrián ¿ves?,chámase composicións e usa cores primarias porque serven para facer outras cores, e este é Miró que era catalán e se chamaba Joan. Podes poñerlle nomes aos seus cadros se queres. Eu a este púxenlle "O corazón da lúa", e este é un autorretrato de Van Gogh que ten a orella vendada porque a cortou pelexando con Gauguin, que era o seu amigo pero non se quería quedar a vivir na casa amarela"

Eu tamén o escoitaba tan "embelesada" como a súa nai.

E rematamos o derradeiro día de marzo saíndo ao campo, á veiga de Generosa, a recoller pampillos amarelos. Con eles, sentad@s á sombra do castiñeiro de indias, cosimos uns preciosos colares para levar para casa.

lunes, 30 de marzo de 2009

Amarelo de Van Gogh



Hoxe, 30 de Marzo celebramos o cumpreanos de Van Gogh, e como todos os anos témoslle moitos agasallos.

Sabemos que a súa cor preferida é a amarela, por iso saímos a procura de frores amarelas. O pé da escola atopamos moitos pampillos cos que mañán faremos colares, botóns de ouro, celidonias, que ademáis da flor amarela tamén teñen a savia amarela, e flores amarelas de ruda, de navizas e de toxos.

As pipas de xirasol que plantamos na veiga xa brotaron e están a nacer os xirasoles. Tamén fixemos autorretratos "como os de Van Gogh", pintamos casas amarelas, sillas e ramos de xirasoles. Como dicía Marta:

- Que non se queixe, que este ano leva ben de regalos.




martes, 10 de marzo de 2009

De Mondrian a Miró

COUSAS DAS NENAS E NENOS DE VIDE

Como este ano queremos plantar millo, pedímoslle ao pai de Brais que viñera outra vez á escola a fresarnos unha tira no fondo , que está ben soleado. Chegou na hora do recreo e alí estivemos tod@s como paspáns mirando para el como traballaba. Cando chegue o tempo, imos plantar millo branco, que din que é o de aquí, millo corvo e millo de facer "palomitas", que nos trouxo a nai de Marta. Xa temos a semente de herbillas e de xudías, as pipas para os xirasois e un saco de esterco das vacas da avoa de Yanira.
Só falta que nos poñamos ao traballo, pero.. e que non damos sacado o tempo.

Esta semana o noso pintor é Miró, e si Mondrian gustou Miró arrasa. ¡Que discusións buscando títulos para os seus cadros! Hoxe o cadro "Bailarina" despois de reñida votación quedou convertido en " O corazón da lúa". Hai que ver como engancha aos nen@s este pintor. E mañán escolleremos outro cadro seu para imaxinar, crear, escribir, contar......

martes, 3 de marzo de 2009

Marzo pintado

Neste mes de Marzo na escola temos MOITÍSIMO traballo pero dous son moi importantes:

- Preparar a veiga.
- Preparar o cumpleanos de Van Gogh.

Preparar a veiga vai indo:
O pai de Brais, tal como fixera o ano pasado, veu a fresarnos a veiga, e así xa non temos que cavar. Nós, antes de que chegara, traballamos arreo recollendo os ladrillos e pedras que marcaban os espacios, e tamén os paos que aínda estaban fincados no chan. Agora, coa veiga fresada e lista só nos queda "discutir" que imos plantar este ano e poñernos a elo, si o tempo nos deixa.

Agasallar a Van Gogh vai andando:

Xa fedellamos na Biblioteca e fixemos unha exposición con todos os libros de pintura, pintores e arte. Tamén escollimos videos de pintores que nos gustan e agora estamos xogando con Mondrian para recordar as cores primarias, entre outras cousas.

O que está a piques de ser presentado, esperamos que mañán, é o conto da serea e os piratas, pois hoxe estivemos a encadernalo, e por si nos asoma a preguiza temos que poñer o día para ir plantar outra vez árbores ao Coto, que os cabalos do monte seica tiñan fame e comeron das árbores que plantamos o ano pasado.

martes, 4 de marzo de 2008

MARUJA MALLO: A Gran Transgresora do 27

Poucos saben que a soberbia triloxía formada por Lorca, Buñuel e Dalí, de sobra coñecida por todos, foi en realidade un cuarteto. Quen era esa cuarta figura, estrañamente silenciada pola historia? Por que foi relegado ao esquecemento o seu nome? Maruja Mallo foi, sen lugar a dúbidas, unha pintora xenial, á que unha suma de adversidades históricas e prexuízos sociais negaron de xeito insólito o recoñecemento que merece.

A súa peripecia vital é a de quen irrompeu na escena artística madrileña dos anos vinte decidida a romper os estereotipos e os moldes que encorsetaban tanto a arte coma as mulleres, condenadas a desempeñar o papel exclusivo de fieis esposas e lánguidas amas de casa. Os seus extravagantes atuendos, o seu desenfado, as súas correrías noturnas da man de Dalí e dos seus compañeiros da Residencia de Estudantes por un Madrid sacudido polo impacto do cine, do jazz e das ideas máis radicais, así coma o seu xogo deliberado coa ambigüidade sexual, converteron a esta moza galega, miúda e fráxil, nun emblema temperán da liberación feminina. Pero pagou a súa ousadía. En 1937 viuse obrigada a exiliarse a Arxentina, de onde voltou vinte anos despois, só para comprobar que os escándalos asociados ao seu nome remataran desdebuxando a súa verdadeira fisonomía e por eclipsar a portentosa valía da súa obra.
Nada en Viveiro no ano 1902, a profesión do seu pai -funcionario de aduanas- levouna a residir en distintas provincias españolas até a definitiva instalación da familia en Madrid en 1922. Ingresa na Academia de Belas Artes e empeza a relacionarse coa nova xuventude de poetas e artistas que irrompen na escena española. Coñece a Salvador Dalí e á poetisa Concha Méndez, que a introducen no círculo da Residencia de Estudantes, onde estreita lazos de amizade e camaradaría con Lorca, Buñuel e con Rafael Alberti, co que mantén unha relación amorosa importante e longo tempo silenciada tanto na súa biografía como na do poeta. Concha Méndez e Maruja pasearon por Madrid como mulleres modernas e emancipadas, manexando bicicletas, facendo deporte, asistindo aos cafés, a eventos literarios ou a verbenas populares. Nestes anos, Maruja crea a súa propia linguaxe artística, atenta aos ecos das distintas vangardas que empezan a chegar a España -futurismo, surrealismo, cine- e cos ollos abertos á arte popular. Mestura todo coa súa particular interpretación.

En 1928 Ortega y Gasset bríndalle os salóns da Revista de Occidente para realizar a súa primeira exposición. O debut estivo arroupado por comentarios e recensións de prensa, referendado por intelectuais e pola alta sociedade madrileña fascinada por aquelas combinacións de elementos festivos e burlescos, pola alegría da cor, as distorsionadas composicións das súas verbenas e polas atléticas mulleres que protagonizan as súas estampas deportivas.


A finais de 1928 pasa por unha inflexión e un acercamento particular cara ao surrealismo froito dos seus avatares persoais e da relación que establece con Alberto Sánchez e Benjamín Palencia. Baixo o nome da Escuela de Vallecas percorrerán as paisaxes desapracibles e duras que rodean Madrid, as zonas finais do urbano e o inicio do contorno rural. Até 1931 explora este tipo de paisaxes que darán lugar á serie "Cloacas e campanarios".
No 1931 viaxa a París onde expón a súa obra. Numerosos intelectuais e artistas como Picasso e André Bretón visitan e acollen con entusiasmo a mostra. O seu regreso a Madrid, a finais de 1932, supón un novo xiro no seu estilo. As súas novas series "Arquitecturas minerais", inspiradas en pedra, e "Arquitecturas vexetais", poboadas por estrañas froitas, son teas que aínda que manteñen a sobriedade cromática someten agora as súas formas a esquemas xeométricos. Durante esta época combina o seu traballo artístico cunha intensa actividade de compromiso coa República.
Previo ao estalido da Guerra Civil, no 1936, realiza una obra clave para o período artístico que desenvolverá ao outro lado do Atlántico: "La sorpresa del trigo". Este cadro mural, primeiro da serie "La religión del trabajo", presidirá a súa derradeira exposición en España, promovida polo grupo ADLAN. A Guerra Civil sorpréndea en Galicia, onde permanece até 1937, marchando a Bos Aires onde é recibida como unha artista de renome. Dará numerosas entrevistas e conferencias, escribe artigos e realiza a súa obra pictórica "Arquitectura humana". Seguirá traballando en lenzos que compoñen un amplo ciclo dedicado a dous temas principais: o mar e a terra. Realiza varias series: "Retratos bidimensionais" sobre rostros femininos de fronte e perfil, imaxes planas e prototípicas; "Bailarinas"; "Máscaras"; esquemáticos debuxos reunidos en "Arquitecturas" e, finalmente, "Naturezas vivas", variacións sobre estraños seres zoomórficos inspirados na xeoloxía e na fauna sudamericana. Estas últimas son unha serie de gravados, debuxo e óleo que se alongan até o ano 1960, cando decide voltar a España.


A súa obra é cada vez máis valorada por galeristas e críticos, especialmente a crítica española máis nova, que ve nela a encarnación dunha vangarda ocultada polo franquismo. Tras a morte de Franco chégalle o recoñecemento total; a súa culminación podería establecerse na Medalla de Ouro de Belas Artes, no ano 1982, e na exposición antolóxica que en 1993 lle dedica o Centro Galego de Arte Contemporánea. Para entón Maruja está xa moi enferma. Morre o 6 de febreiro de 1995 na residencia de anciáns Menéndez Pidal de Madrid.



Para saber máis:
Biografía en Cutlura galega feita pola catedrática de historia da arte contemporánea Mª Luisa Sobrino
Biografía en Wikipedia
En Ciudad de Mujeres
Entrevisa a J.L. Ferris autor da última monografía editada sobre M. Mallo


Bibliografía
GÓMEZ DE LA SERNA, R., Maruja Mallo, Buenos Aires, Losada, 1942.
MARUJA Mallo, Madrid, Galeria Guillermo de Osma, 1992
VIDAL, C., Maruxa Mallo. Vigo, A nosa terra, 1999
MARUJA Mallo, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, 2003.
FERRIS, J.L., Maruja Mallo. La gran transgresora del 27, Madrid,Temas de hoy, 2004, (Biografías).


Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da Igualdade.
Se te queres unir a esta iniciativa tes o código nesta ligazón.