Mostrando entradas con la etiqueta xoves da dúas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta xoves da dúas. Mostrar todas las entradas

jueves, 15 de mayo de 2014

Artur e Clementina

Neste "Xoves da Dúas"  fomos de "Paseo con libro" e.... adonde?

Pois como todos os anos, á lagoa de Medáns, que tamén é coñecida como a Lagoa do Inferno, na procura de Artur, o sapoconcho, porque Clementina xa sabemos que anda de viaxe polo mundo adiante, os últimos que souberon dela din que andaba por Venecia.

Chegar ata a lagoa non foi doado.
Non hai moito que foi Fátima e dixo que vira os sapoconchos na lagoa, nós queríamos identificalos, para comprobar que eran sapoconchos comúns, pero foi imposible. Xa nos costou chegar porque o camiño estaba inzado de silvas, herba alta, lama.... pero o peor foi cando chegamos onda a lagoa. Nin se vía. Tiñamos que ter levado unha desbrozadora.

De todos os xeitos sentámonos no camiño, merendamos, falamos dos sapoconchos, as súas características e, como non, limos o libro de "Artur e Clementina".





jueves, 8 de mayo de 2014

Xoves de cine

Como o xoves pasado vimos que na Casa da Auga o local onde se podía proxectar a película reflexaba moito o sol, decidimos trocar o "Cine na Casa da Auga" polo "Cine na Unitaria".

A película foi: "Zipi y Zape y el club de la canica"



 

sábado, 26 de abril de 2014

Xoves de cine na Casa da Auga

O xoves pola tarde, a Biblioteca organizou unha sesón de cine infantil na Casa da Auga, en colaboración coa Asociación Sociocultural Vidense.
Tivemos que resolver uns "problemiñas", pois as persianas da sala non eran quen de tapar a magnífica tarde de sol que quedou despois da chuvia, pero a película gustou tanto a maiores como a pequenos, e ao remate aplaudimos a rabiar:


lunes, 25 de mayo de 2009

Paseos con libro: O Lugar


Xoves pola tarde fomos de novo de PASEO CON LIBROS.

Esta vez foi O Lugar o noso obxectivo.

Chámase así unha pequena aldea da que só quedan unhas poucas casas en ruinas, situada por riba de O Coto e que segundo contan os máis vellos foi onde naceu Vide.
....Hai moito tempo, só había unha casa alá arriba, no Lugar....

Quedaramos de que cada nen@ habería de levar un libro na mochila e alí escolleríamos cal ler, e caseque todos os nenos e nenas cumpriron o acordado, así que tivemos que facer unha pequena exposición de libros nas pedras do Lugar.

Costounos un pouco chegar. A pista estaba desfeita, os carros dos pequerrechos non andaban, o monte estaba queimado e non tiñamos nin unha sombra na que cobixarnos... pero pagou a pena o esforzo.
E alí arriba, no Lugar, sentad@s baixo uns vellos carballos, descansamos, limos e escoitamos os contos mentras merendábamos.

jueves, 7 de mayo de 2009

Paseos con libro. O Ollo do Inferno


Hoxe comenzamos unha actividade nos Xoves da Biblioteca:

Os paseos con libro.

Por ser o primeiro paseo escollimos un paseo longo, á beira do Miño: O paseo ata a lagoa do Ollo do Inferno, a lagoa das tartarugas, pois tiñamos moi bo recordo de cando o ano pasado foramos ata alí na procura de Arturo e Clementina

O libro escollido esta vez foi Dona Carme o que nos permitíu que participaran tod@s, maiores e pequenos e que a súa lectura se convertira nun xogo colectivo.

Logo Marisol, a nai de Abel, explicounos, como lle tiña explicado a ela a súa nai, e a súa nai a súa avoa, que na lagoa estaba o Ollo do Inferno, que tan fondo era que chegaba ata o mar, pero que en Vide había dous ollos máis, un na ermida de San Antoón, xunto a vía do tren, e outro en Bermuín, por riba da furna de Guntín, que estaban agachados e non se podían atopar ata que caías neles.

Aínda estabamos intentado dixerir esta información, cando Mari Carme, a nai de Elena, contounos isto:

Hai moitos anos, no tempo da nai da miña avoa mandaron facer as campás para a igrexa de Vide en Portugal. Eran unhas campás xemelgas das de Lamas de Mouro, a aldea que queda xustiño enfrente de Vide cruzando o Miño polo Coto de Severo. Traían as campás en carro de bois, pero ao pasar pola lagoa fundiuse o carro e levou ao fondo aos bois e as campás. Ninguén poido sacalos de alí, porque cairan no Ollo do Inferno. E dende aquela, as campás de Lamas de Mouro tocan a morto por eles e polos de Vide. E si non o credes, facede a proba: veredes que si escoitades un día soar as campás de Lamas de Mouro tocando a morto, non tarda nada en escoitarse ás de Vide avisando tamén aquí.

Decidimos que desde hoxe iamos estar moi atent@s ás campás para comprobar esta historia, e tamén que o próximo xoves, si non chovera podíamos intentar descubrir onde están os outros Ollos do Inferno.

Eu e Saray estamos desexando que chova, porque....¿que pasa se caímos todos nun Ollo do Inferno deses ?

jueves, 29 de mayo de 2008

Libros de man en man

Hoxe, no Xoves de A Dúas, a tarde deu para todo:

- Inauguramos unha sección nova na Biblioteca: O andel dos "Libros de man en man", sección para o intercambio de libros. E como todo o mundo chegou cun libro na man, houbo moito para intercambiar.

- Fallamos os premios d@s Detectives Herboristas: As campeonas foron Lara e Antía. Lara escolleu de premio un vale de 10 euros para gastar na librería Xes, e Antía escolleu a mochila pequena. A tod@s os participantes- 12- regalarémoslle o libro que imos confeccionar coas fichas.

- @s máis pequen@s tiveron película: "A grande aventura dos pequenos Einsteins".

- @s maiores etiquetaron os libros novos e organizaron os andeis azuis.

- A "Comisión" descubríu gracias ao libro-disco de Luis Prego "PARA CANTAR E BAILAR" , os xogos que as súas nais e avoas xogaban de nenas, e que nós tentaremos ensinarlles ás súas netas e netos.

Ao remate, avaliación e café.


lunes, 19 de mayo de 2008

Detectives herboristas 4




Esta será a derradeira planta que @s detectives herboristas videnses teredes que descubrir. E de novo, sen pistas, pois parece que non as precisades.

A semana pasada non era doado descubrir que planta era , pero dúas superdetectives, Antía e Lara, deron con ela: o ourego

Xa sabedes onde atopar a ficha: AQUÍ

domingo, 18 de mayo de 2008

Día das Letras Galegas


O pasado Xoves da Dúas, rematamos un fermoso cartaz adicado a "Colorín" e o "mapa" da viaxe a Pontevedra. Quedaron moi ben. O venres en clase fixemos outro cartaz cos poemas que lle contaremos o martes ao río Lérez e logo fixemos un "ensaio xeral".
Pero o millor do venres foi que @s ne@s lle ensinaron á mestra para que serven as novas tecnoloxías.
Dende hai un mes temos na aula un encerado "máxico", unha pizarra dixital coa que nos agasallou a Bruxa do Campanario/Consellería de Educación, e tod@s na escola aínda estamos a asombrarnos das infinitas e diferentes posibilidades de traballo que se nos abren.
Pois ben, estabamos na roda repasando o que sabíamos de Xosé Mª Álvarez Blázquez e da súa filla Colorín cando Lucía pregunta:
-¿E como se chamaba a nai?
Antes de que me dera tempo a contestar, Carliños berrou:
-¡Pregúntalle a Jujel!
E preguntamos.Entramos no Blog da Biblioteca do IES Río Miño (Rábade) e alí limos que se chamaba Mª Luisa, pero entón Yoel quixo saber si Colorín era o nome de "verdade". Houbo que buscar un pouco máis e dimos coa solución: o nome de "verdade" tamén era Mª Luísa.
Víu entón un relatorio de fill@s que tiñan o mesmo nome que a nai, o pai, ou curmáns, padriños....
Cando esmorecía o listado María que estaba mirando para o encerado decatouse que na páxina había unha foto que podía ser de Colorín e avisounos a tod@s:
-¡Aí está Colorín!
E tocou ver fotos.
Recordei que en Trafegando Ronseis había un vídeo coa voz do poeta, díxenlles si querían e entramos no blog a escoitar.
Cando nestas estabamos, Carliños, todo cheo de razón, vai e di:
- Pero bueno ¡iso é yutú!
Pois si, era un video de you tube. ¡Menudo dominio o de Carliños!
Señores de Telefónica, a ver se nos poñen dunha vez a funcionar o ADSL que estes nen@s de Vide están que ferven, e Carliños á cabeza.

-

lunes, 12 de mayo de 2008

De volta

¡Xa estamos de volta! hoxe o ADSL rural, na nosa aldeatotal, ten a ben deixarnos a porta aberta para que poidamos entrar e ímolo aproveitar .

¿Que fixemos nestes días? ¡De todo!Vai un resume:
- O xoves, na tarde de A Dúas, como estaba mal tempo, mentras os máis pequenos vían unha película e "algún " maior fedellaba na pizarra dixital co google Earth- so pretexto de amosarnos o camiño que imos recorrer en tren o vindeiro xoves- as verdadeiramente traballadoras montamos un expositor e unha mesa que acababa de chegar para a Biblio.E digo eu, ás empresas distribuidoras de mobiliario educativo ¿quen lle dixo que @s das escolas nos gusta o bricolage?, ¿ ou é que pensan que nos ven ben algo de "traballo manual"?¿ será que dan por suposto que o noso e resolver puzles?. E poñia no catálogo: Fácil de montar...¿fácil?. Menos mal que ás de Vide estamos afeitas a "veña, entre todas" que si non, si chega a ser polas habilidades da mestra, a estas horas o que habería montado na biblioteca sería un cortello con tapadeira.
- O venres traballamos un pouco na veiga limpando herbas e "extasiándonos" coas leitugas tan divinas que temos. Os pementos nada, cada día temos un menos, pero o demáis vai indo. De todos os xeitos o mellor e máis variado son as herbas.
E pola noite fúmonos de cea. Esta vez foi en Areas: tortilla, churrasco e todo o repertorio de cantigas. Os da mesa do lado decidiron sumarse, que remedio lles quedou, pois entre as pandeiretas e Digna que non paraba de pedir¡outra, outra! fixemos unha boa festa, ao final ata se sumaron ós do furancho.
- O sábado o pai de David decidíu asumir as competencias do Concello, e visto que o patio tiña a herba tan alta como para xogar ás agachadas, e o niño de cobras que temos onda o buxo pode dar lugar a que a mestra queira dar clase no tellado da escola, co perigro subseguinte para o alumnado, decidíu, como dicía, agarrar a desbrozadora e pasar a tarde limpando o patio. E quedou o campo lustroso, pero.... no medio da herba foronse os xirasoles. Menos mal que Sandra chegou a tempo e salváronse os que tiñamos no recuncho das escaleiras.
De tódos os xeitos, o noso agradecemento TOTAL.
- E hoxe, luns, seguimos co traballo : os poemas de Xosé María Álvarez Blázquez, que os imos levar en tren ata Pontevedra o vindeiro xoves.

lunes, 5 de mayo de 2008

Detectives herboristas 2



Segunda semana e segunda planta para identificar. O xoves remata o prazo de entrega da ficha que podedes atopar premendo AQUI
A planta da semana pasada era a ruda e, despois de revisar as fichas que entregastes chegamos á conclusión de que en Vide hai "superdetectives herboristas", pois tod@s identificastes a planta e descubristes moitísimas aplicacións, tanto "máxicas" como medicinais. Noraboa.

domingo, 27 de abril de 2008

Detectives herboristas



Esta é a planta que hai que identificar esta semana. O prazo esta vez remata o mércores pola tarde, pois o xoves é festivo.

Para ver a ficha preme AQUÍ
Unha pista de regalo: o xoves, logo do paseo, houbo quen dixo que estaría ben restregar con esta planta as escaleiras da Unitaria para que o niño de serpes que seica hai no sotarrego non suban, e así non se "espante " a mestra.

jueves, 24 de abril de 2008

Xoves da Dúas


Chegou o sol e A Biblioteca A Dúas marchou a pasear por Vide.Fomos escribindo os nomes dos lugares polos que pasabamos: Xestosa, O Cristo, Souto, Xestal, Requeixo, Quinta,Porteliña, A Chan, Chan de Vide. Aquí, na carballeira paramos a descansar, tomar a merenda e ler un libro: Bruxas e Fantasmas de Vide.

En Vide, moitas personas, sobre todo as avoas, coñecen e utilizan herbas medicinais que recollen ou cultivan. O noso paseo de hoxe aproveitámolo tamén para ir recollendo e identificando as " herbas" que atopamos polo camiño: mentas, xarxa, romeu, loureiro, sabugueiro, nébeda, fiuncho,dente de león, parietaria, estralote,ourego, herbaluísa....e fomos parando nas fontes, lavadeiros e pozas de rego: na fonte dos Mexóns, co seu lavadeiro, na de A Canliña con poza, na de Escudeiro con pozo e lavadeiro...


E maiores e pequen@s quedaron emprazad@s para participar na "Olimpiada de Detectives Herboristas".Todos os luns ,ata Xuño, aparecerán carteis coa foto dunha das herbas que hoxe recollimos.Teñen de prazo ata o seguinte xoves, na tarde de "A Dúas", para averiguar o seu nome, onde se pode atopar e a súa aplicación.Dous premios para @s ganador@s: Unha mochila e un cheque para gastar na librería. Coas fichas,faremos un libro para a Biblioteca.

De regreso na escola aínda quedamos alí un bo rato. Estábase ben a gusto sentadas nas escaleiras de pedra botando unhas risas, falando e mirando @s nen@s xogar mentras caía a tarde.

jueves, 10 de abril de 2008

Parabens a você

Hoxe pola tarde celebramos o cumpreanos da nosa biblioteca. A Dúas cumpríu un ano.E celebrámolo por todo o alto.Como sabíamos que lle gusta moito a maxia- ten unha amiga MEIGA para levar a conta dos libros- xogamos con ela a facer maxia, e un amigo seu, o mago Tino, fíxonos maxia "on line".
Houbo moitos regalos: cartaces feitos con patatas máxicas, libros,o CD da Señora Carmen, bizcoitos, un proxector.... As pandereteiras tocáron para ela, e sopramos a súa vela nunha ENORME tarta de chocolate.
E tod@s, nais,pequen@s e maiores cantámoslle a cantiga de aniversario que nos ensinou o pai de Yoel e Noemí:


Parabens a você,
nesta data querida
moitas felicidades
moitos anos de vida.

Hoje é día de festa
cantam às nossas almas
para a menina A Dúas
uma salva de palmas

jueves, 27 de marzo de 2008

Xoves de Van Gogh


Xoves de chuvia con Van Gogh.
Cambiamos o paseo que tiñamos programado para sementar xirasoles por quedarnos con Van Gogh na Biblioteca A Dúas. Chovía, pero Á Dúas encheuse de nenas e nenos pintando, visitando o museu virtual de Van Gogh, comparando láminas, adiviñando o título dos cadros, xogando ás pistas...E os máis pequenos disfrutaron explicando TOOOODOOO o que sabían a uns maiores que miraban para eles coa boca aberta pero sen decir nin mu. É que, como dixo David:
- Estes maiores non saben nada, profe. Mándaos a ver a peli das Tres Mellizas.
E Saray, que XA ten tres anos,cando o obradoiro de pintura, dícíalles:
- A cor laranxa tedes que facela vos, e a verde tamén. Estades avisados. Si non sabedes me preguntades a min.
E houbo "unha maior" que fixo un descubremento mentras miraba o vídeo:
- AAAAAAAhhh, por iso se chama "la oreja de Van Gogh"!!!!!!!
E todos os pequenos fixeron ssssssssssssss!!

Pasou o tempo pitando. Pero cando xa marcharan todos decateime de que NINGÚN dos maiores levara prestado un libro.
En fin. Será que tiñan presa e marchaban "ahitos" de tanta sabeduría.

E eu quedeime mirando para o cadro "Noite estrelada" e ¿sabedes?. Escoitei como Neruda me dicia:

Puedo escribir los versos más tristes esta noche.

Escribir, por ejemplo: "La noche está estrellada,
y tiritan, azules, los astros, a lo lejos".

El viento de la noche gira en el cielo y canta

jueves, 13 de marzo de 2008

Os muíños da Ponte

Os dous muíños da Ponte, que Manolo "o Nené" se ocupa de ter en perfecto estado para moer, hoxe traballaron para nós.
Na biblioteca da escola tiñamos moi pouca información, e por iso atendimos moi ben o que o señor Manolo nos contaba para logo poder facer un libro e regalarllo a nosa biblioteca.

A auga do río Termes chega ata o muíño por una levada. A auga ao pasar por debaixo do muíño move o rodicio, e o rodicio move a moa. Na adella botamos o millo, que vai caíndo pouco a pouco e a moa ao rodar móeo, convertíndoo en fariña que cae ao chan, de onde nós a recollimos.
Mentras esperábamos pola muiñada,cantamos e bailamos muiñeiras.

Muiñeria muiñeira
muiñeira ribeirana
muiñeira muiñeira
tococha de mala gana
Maruxiña do forneiro
cando cozas faime un bolo
si mo fas faimo de millo
que eu de trigo non cho como.
Unha noite no muíño
unh anoite non é nada
unha semaniña enteira
esa si que é muiñada.


Para facer o bolo primeiro peneiramos a fariña e despois botámoslle auga quente para preparar a masa, amasamos, preparamos os bolos e....¡á tixola!
Logo fomos ata Mirenciños a merendar, e alí nos esperaban uns chourizos asados para acompañar aos bolos de millo, que estaban boísimos.


martes, 11 de marzo de 2008

pan de millo


O Xoves de A Dúas- o día que a Biblioteca abre pola tarde- estase a converter nun día viaxeiro.

O xoves pasado volvendo da lagoa, andando andando.... encargámoslle a Dina, a avoa de Fabiola, que falara coa dona do muíño, para ir alí a moer millo.
O luns pola mañá xa estaba todo preparado:

O xoves 13,ás 4,30 da tarde, a Biblioteca A Dúas vai de viaxe ó muíño da Ponte cunha saca de millo branco para intentar convertela nun bolo de pan.

¿Será posible?

Preguntando as nais e avoas averiguamos que se pode conseguir, moi fácil e sen maxia algunha, en cinco pasos:

1- Moemos o millo no muíño.Peneiramos, e xa temos fariñamilla.
2- Levamos a fariña é escola e amasámola para facer un bolo.
3- Encendemos a cociña de ferro para que se quente o forno.
4- Cocemos o bolo no forno.
5- ¡Xa temos pan!

O xoves veremos se da resultado.

Mentras na escola estamos moi ocupad@s.

Buscando palabras amigas de muiÑo: MIÑA, COCIÑA, FARIÑA, CAMIÑO.
Intentando averiguar como se amasa o bolo.
Buscando en internet o tempo que vai facer o xoves, que si chove non podemos ir.
Preguntándolle á Meiga de outras Bibliotecas si teñen libros de PAN ou de MILLO.
Buscando fotos de muiños,escoitando como soan ou escribindo os nomes.

E seguimos de fotógraf@s das nosas nais, que o prazo para presentar as fotografías remata o venres.

jueves, 6 de marzo de 2008

Na lagoa de Arturo e Clementina


Si que fomos ata a lagoa de Medáns, non vimos a Arturo nin a ningún outro sapoconcho, pero sentad@s ó pé dela escoitamos a historia de Arturo e Clementina, a histoira das campás que se afundiron cando a raiña as levaba a Compostela nun carro de bois, e soubemos porque din os vellos que nela está o "ollo do mar".
O lugar é precioso e no camiño atopamos "cola de cabalo", unha planta qeu en Galicia xa é moi dificil de ver. E tamén atopamos a Ignacio, o profe do Instituto, que nos contou que el vira había uns dias varios sapoconchos na lagoa.

Hoxe pola tarde A Dúas, a nosa bilbioteca, quedou tan contenta, que lle dixo a Lurdes- e Lurdes contounolo a tod@s- que o vindeiro xoves quería que a leváramos a ver moer o millo nun dos muiños do Termes. Dina, a avoa de Fabiola, quedou encargada de falar con Rosa, a dona do muíño , e ensinarnos a facer un bolo coa fariña de millo. Seguro que A Dúas vai quedar encantada.E nos tamén.