sábado, 31 de diciembre de 2011

viernes, 23 de diciembre de 2011

Cantando os reis en As Neves

Hoxe as 10 da mañán xa estabamos na escola dispostas a subir aos coches e marchar a As Neves a cantar os reis. Dixérannos que tiñamos que ir cedo, pois a xente ía á feira a primeira hora.
E alí estabamos as dez e media, chantados na praza do concello, cheíños de frío pero dispostos a traballar arreo e recoller o aguinaldo. Eramos unha morea de xente: nenos e nenas, nais, pais, avós, tías, irmáns....
Malia o cambio de hora na feira pouca xente había, así que fomos de recorrido. Nós veña a cantar, tocando as pandeiretas e as piñas, acompañados os nosos cantos co acordeón de Edorta, o pai de Antón, mentras Bea, a nai de Noa, e Digna, a avoa de Fabi, non deixaban escapar a ninguén sen "pagar aginaldo".
No bar da praza de As Neves invitaronnos a chocolate- que boa falta facía tan quentiño- e nós en agradecemento cantamos e cantamos.
Logo de volta en Vide repartimos as galdrumadas e contamos os cartiños, que gardamos no bote para xuntar e poder alugar unhas boas colchonetas.
Que ben cantamos as de Vide, e que ben o pasamos!
Agora a esperar ao día 4 de xaneiro, que sairemos en Vide.
E que non chova!.



martes, 20 de diciembre de 2011

lunes, 19 de diciembre de 2011

A escola en Nadal.



Sempre en decembro enchemos a escola de adornos e libros. Esta vez ata fixemos a árbore de nadal de nadal de libros, que quedou la mar de ben.
Temos un mural do Apalpador, para non esquecelo saber máis cousas del, e, coma sempres unha exposición con libros MARAVILLOOOSOS!!! que lle poderemos pedir aos reis:

domingo, 18 de diciembre de 2011

Decembro: as árbores do quinteiro

O mes pasado decidiramos adicar un día cada mes a observar as árbores do noso quinteiro, fotografialas e comparalas co mes anterior.

Este é o resultado no mes de decembro. Comprobamos que agás o carballo americano qu ese resiste a perder as follas, todas as outras árbores caducas estan espidas.
A sobreira, como é unha árbores de folla perenne segue quentiña chea de follas.

jueves, 15 de diciembre de 2011

Boletín de Nadal

O Nadal é un tempo no que os nenos e as familias intercambian agasallos. Dende a Biblioteca da Unitaria de Vide vos propoñemos estes magníficos regalos :

domingo, 11 de diciembre de 2011

10 de decembro: Día dos Dereitos Humanos

63 anos despois da súa proclamación, segue sendo necesario lembrar esta data, 10 de decembro, na que a Asamblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración dos Dereitos Humanos.

Necesario porque nin tan sequera nos países que asinaron esta declaración están garantidos estes dereitos en igualdade de condicións para toda a poboación. Non hai máis que botar unha ollada ao noso arredor, asomarse ás noticias.

Mais aínda así cabe pensar que un outro mundo é posible, que hai arrecendos espallados no ar que nos permiten prender unha candea pola esperanza, por estas xeracións, hoxe nen@s, adolescentes, que medran nas nosas aulas, ao abeiro das nosas Bibliotecas -das súas lecturas, da súa información, da súa formación- nen@s e adolescentes que se implican ilusionad@s e con empeño en proxectos coma "Coñecernos para querernos", nun intercambio persoal e de coñecementos con nen@s dos campamentos saharahuis, para quenes a apertura dunha biblioteca con (o Bubisher) ou sen (O Niño do Bubi) rodas, supón moito máis que un mundo de oportunidades. Para acceder á ilusión, aos soños, á formación, ao coñecemento doutras culturas, doutro idioma.

E con esa candea acesa, brincan faíscas que prenden en case un cento de Bibliotecas Escolares Galegas, que por todo o país escollen cada unha un fermoso álbum ilustrado para agasallar a ese recén estreado Niño do Bubi, porque, coma nas nosas propias Bibliotecas, toda inauguración é unha festa. A esa festa que é a lectura, nesas bibliotecas acubilladas na area, queremos enviar estes álbumes como aves portadoras de boa sorte, como bubishers* cheos de cor, imaxes, historias. Porque as nosas bibliotecas, @s nos@s lectores e lectoras, compartimos co Bubisher, cos lectores e lectoras das súas bibliotecas a crenza firme nos Dereitos Humanos, dende o seu 1º artigo: "Tod@s nascemos libres e iguais en dignidade e dereitos"

* O bubisher (Oenanthe leucopyga e Oenanthe leucura) é un paxariño tímido que vive na Península e tamén en África, aquí chamámoslle collalba negra e no Sáhara o seu nome significa paxaro da boa sorte, no dialecto hassaní é Bubchir بوبشير (o da boa nova) porque adoita aniñar e criar despois das choivas, o que quer dicer que medrará a herba, algo moi importante para quen ten gando.

Bubisher é tamén o nome dun autobús-biblioteca que circula entre os campamentos do Sáhara para levar lectura e información. Ou sexa, unha biblio... pero con rodas!!!


Se queredes unirvos á iniciativa de Álbumes para o Bubisher, só tedes que poñer os vosos datos xunto ao resto das Bibes Galegas.


Texto de Maribel Serantes (CEIP Os Casais)


miércoles, 30 de noviembre de 2011

Fame de vento

Levounos varios días de traballo pero ao fin os papaventos estiveron listos para que voaran papando o vento.

Saímos fora, corría un vento suave e botámonos a correr tirando do fío.

A verdade e que correr...como corrían os nenos e nenas polo camiño abaixo!!!, pero o vento traicioneiro non quería axudar e en canto os papaventos se erguían por riba das cabezas, alí quedaba e non daba subido máis, pero non nos importou.
Menos a Noa, que cansada de correr viuse onda min e díxo:
- Profe, estes papaventos non teñen fame.
- Fame?- dixen eu.
- Non queren comer vento!!!!

Así e todo, cando colgamos os papaventos na árbore para que saudaran ás nais e pais cando viñeran á hora da saída, todos miraban para eles cheos de fachenda polo traballo feito.

Non lle faltaba de nada, si ata tiñan dentes!!!

lunes, 28 de noviembre de 2011

Papaventos e cometas

A pasada semana foi de papaventos.
O martes a nai de Antón trouxonos dous papaventos moi sinxelos, feitos con

bolsas de lixo e "celo" que ao voar imitaban un dragón "papando o vento".
Saimos a facelos voar e despois de correr detrás deles, sin importar que o vento os levara ou non, decidimos converternos por un días en "papaventeiros" . Era de esperar.


Organizamos o traballo e puxémonos en acción despois de debatir- á proposta de Alba- sobre cometas-papaventos e papaventos que non papan ventos.

Procuramos imaxes de papaventos " de todo tipo" e fúmonos ao traductor para saber como lle dicían ao papaventos noutras partes do mundo:

portugués e inglés:Kite
castellano: cometa
catalán: estel.
francés: cerf-volant
euskera: miru

Conteilles logo unha historia dun neno chino que hai muiiiitos anos puxo un dragón de papel no ceo a voar e deixamos o "proceso de fabricación" para outros días.

miércoles, 23 de noviembre de 2011

Mércoresdadúas

Pola tarde na escola non entraba nin unha agulla.
Nenos e nenas pequenos e grandes, nais, pais, avoas... e ata algunha tía. Tod@s dispostos a ensaiar os cantos que levaremos cando no Nadal vaiamos cantar os Reis pedindo o aghinaldo polas casas da parroquia.

E cantamos, tocamos coas pandeiretas e as piñas- menudo invento- e eu tan entusiasmada estaba que esquecín " o documento gráfico", e iso que tiña a cámara de fotos preparada.
Logo as 7 fun á "Casa da Auga" para abrir a "Biblioteca da Dúas na Casa da Auga" e atopeime que Fabiola xa se encargara ela de abrir e tódolos ordenadores estaban ocupados con xente traballando.

Hai días que todo sae ben.

Deixo aquí a letra da cantiga nova deste ano. Un arreglo "creativo" dun texto que atopamos:


OS TRES CAMELOS

Os tres camelos dos reis
ao chegaren a Galicia
como non viron deserto
morrían os tres de risa

E ao veren tanta auga
nos regatos e nas rías
Que catarro imos coller
como veña unha chovisca!

Melchor tocaba unha gaita
Baltasar un tamboril
o Gaspar que non é músico
alumea cun candil

Os camelos coa risa
montaron tal foliada
que saíu a xante fora
para ver o que pasaba.

Entón dixeronlle os reis
á xentiña do lugar:
deannos o aguinaldo
porque lles vimos cantar.

martes, 22 de noviembre de 2011

Facendo memoria

Hai dúas cantigas do noso repertorio de nadal/reis que conviña darlle un repaso para mañán pola tarde, así que volas deixo :

- Nadal de Luíntra.
- Reis de Rinlo





lunes, 21 de noviembre de 2011

Noa e o lobo

Noa manda, e manda ben.
No recreo mandou facer unha roda e que todos sentaran no chan para xogar ao
Alba tentou explicar que así non era, que había que xogar á roda mentras se cantaba, non estar sentados no chan, pero Noa fitou para ela e dixo con moita autoridade:
- Hoxe faise como digo eu.

E todos sentaron , tamén Alba, e xogaron ao lobo.

Para saber a quen lle tocaba ser lobo, Noa contaba:

Rei, rei, cantos anos durarei, vintecinco non o sei, un dous tres, e sorprendentemente o tres sempre caía en Iago, ata que Marcos protestou , entón Noa díxolle:

- Vaale! a proxima vez O TRES tócache a ti. E tocoulle.

E mirando para min explicou:

- E que hoxe eu son a encargada, por iso mando.

Cristalino!!!!!



Si non sabes este xogo tan divertido:
Aquí podes atopar un video.
Nós cantamos así:

Imos xogar ao bosque
porque o lobo non ven.

miércoles, 16 de noviembre de 2011

CANTAR OS REIS

Como todos os anos queremos ir no nadal a cantar os Reis por toda a parroquia.

O mércores pola tarde comenzan os ensaios. Esperámoste!!!


jueves, 10 de noviembre de 2011

O peón


Polo San Martiño
vai o peón ao camiño


Cando chegamos á escola, Lola a esqueleta tiña un peón na man, e todos os peóns dos nenos e nenas colocados aos seus pés, como se estivera xogando con eles toda a noite.

Pois se ela xoga de noite, nos xogamos de día- dixo Saul.

E xogamos.

O maís difícil era poñerlle a camisa. Non, o máis difícil era que bailase. Non, non, o máis difícil era agarralo ben coa man.

Que difícil é facer bailar un peón cando se é pequen@!!!!!

Menos mal que eu e o profe de inglés somos uns consumados "peoneiros".

Claro que tamén axudou que tod@s os nenos e nenas cantaban:

O peón, o peón danzarico danzarón
xira xira darredor
se lle das un empuxón
O peón, o peón,
danzarico danzarón
.

miércoles, 9 de noviembre de 2011

Árbores en novembro

Xa está feita a presentación coas nosas árbores de novembro. Se todo vai ben, todos os meses repetiremos este traballo e como bos científicos observaremos os cambios. Si é que os hai.



martes, 8 de noviembre de 2011

Dez e unha

O venres pasado quedaramos de comenzamos un traballo novo: contar as árbores do noso quinteiro.
Hoxe, saíron pitando e contaron.:
- Cinco! Tres! Nove! Seis!.....
Finalmente Noa e Iago puxeron orde, foron recorrendo as árbores e chegaron a unha conclusión:
- Hai dez e unha
.
Pois si, temos dez árbores e unha máis.

Pero a conta non quedou aquí.
Había árbores vestidos de follas e árbores nus, árbores de follas amarelas e outras de vermellas, árbores grosas e árbores fracas.....
Fartámonos de contar, comparar, describir.....

Eu propúxenlles facer fotografías para recordar como estaban as nosas árbores en novembro.
Boa festa que se montou!
Menos mal que con iso das cámaras dixitais tanto ten dez fotos como dez centos.

Mañán veremos como quedou.

Estes científic@s arrasan.

lunes, 7 de noviembre de 2011

Xa me tardan estes Magos

Preparar os cantos de Nadal e Reis leva o seu tempo. Nós imos empezar escoitando o novo traballo de Mamá Cabra que ben de entrar na Biblioteca este mes:

Xa me tardan estes Magos.
Mamá Cabra. Antón Cortizas, Antonio García Teijeiro,Gloria Sánchez, Gloria M. Roel, con ilustracións de Kristina Sabaite
Edita Galaxia, colección sonárbore. Vigo. 2011

Se premes aquí podes descargar unha delas: "Tres reis en bicicleta"



viernes, 4 de noviembre de 2011

María Wonenburguer


Hoxe, 4 de novembro de 2011 celébrase o Día da Ciencia en Galego, que este ano homenaxea a unha matemática galega, María Wonenburguer.

María Wonenburger- 1927- é unha matemática e alxebrista de referencia para a comunidade científica internacional pero con escaso recoñecemento no seu pais. Nun Congreso Mundial de Matemáticas celebrado en Santiago na década dos 90 ao que acudieron afamados alxebristas de diferentes países, ela non estivo presente. Os asistentes preguntábanse por qué unha científica da súa categoría e coa mesma nacionalidade que os anfitrións non acudira ao congreso.

Pois é que non a invitaran.

- Como? Que é galega...- con ese apelido non se me pasou pola cabeza, ademáis matemática, estaba claro que tiña que ser extranxeira-

Que me dices!!!. Que naceu en Oleiros e estudiou o bachiller no Instituto Eusebio da Guarda- PÚBLICO!!!- en A Coruña?.

E que agora vive en Oleiros? - Non mo podo crer!-

En 2006, dúas profesoras de Matematicas da UDC publican un artículo no Boletín da Real Sociedade Matemática Española no que a dan a coñecer á comunidade matemática española e galega.

A partires de entón darán comenzo timidamente os recoñecementos. En 2006 o Goberno Galego creará o premio Mª Josefa Wonenburguer, un recoñecemento ao impacto social e recoñecemento da muller galega na ciencia. O concello de Oleiros dedicaralle en 2010 un parque en Montrove, a súa localidade natal, e no mesmo ano será nomeada Doctora Honoris Causa pola Universidade de A Coruña . Dende xuño de 2001 conta cun monolito no Parque de Santa Margarita en A Coruña.

E no día de hoxe eu coñecín a unha muller galega de 85 anos, que de pequena lle chamaban "a sabia" porque xogaba cos números, que se licenciou en matemáticas en Madrid e se doctorou en Yale, que foi docente e investigadora en Canada e EEUU, que de maior lle chamaron "a nai da Teoría de Kac-Moody, e que en 1983 volveu á súa casa para cuidar a súa nai enferma, e aqui quedou- porque quería moito aos números pero quería máis a súa nai-

Na escola falamos de María e das científicas e decidimos solucionar un problema científico:

¿Cantas árbores hai no quinteiro da escola?

SIN AXUDA!!!





jueves, 3 de noviembre de 2011

QUE FAI FALTA?

Na hora do conto, onte limos o libro:
QUE FAI FALTA?, de Gianni Rodari, editado en galego por Kalandraka.

E como sempre pasa con Rodari, axiña os cativos colleron o conto, refixéronno, contáronno, e sobre todo participaron. Tanto, que sobre a marcha aprareceron novos contos.

Como xa era hora de sair prometinlles facer unha presentación para hoxe. Aquí está.



Transcribo uns dos contos "orixinais"

- QUE FAI FALTA PARA TER UNHA CASTAÑA?

- FAI FALTA UN CASTIÑEIRO!!!

- E PARA TER UN CASTIÑEIRO?

- UNHA CASTAÑA!!!

martes, 1 de noviembre de 2011

Noite do Samaín

Tiñamos todo preparado. As cantigas ensaiadas, a Casa da Auga coas arañeiras postas, as cabazas situadas estratexicamente, os disfraces de mortos, ánimas bruxas e esqueletes no corpo, a merenda preparada e as castañas e as candeas recollidas.



Todo listo para unha "alucinante" festa do Samaín, e apareceu unha invitada indesexada: A CHUVIA, unha chuvia pesada e pertinaz que parece que non pode vivir sen vir as nosas festas . Non nos quedou mais remedio que deixala entrar e gobernarnos como puidemos.

Aínda así cantamos, xogamos, comimos, fixemos caveiras, e aproveitando que a chuvia, curiosa, entrou na casa da Auga a ver que pasaba, para sair correndo a colocar as
caveiras no cruceiro e no peto das ánimas.

Pero quedamos sen magosto.

Visto o visto todas as "festiñas" van ter que ir cun "plan B" con auga.
Xa vou empezar a preparar os "Cantos de Reis da Auga"

viernes, 28 de octubre de 2011

Caveiras

Moito traballamos hoxe para deixar todo preparado para a festa do Samaín.
Facer as caveiras non foi doado, pero pouco a pouco fomos convertendo os cocos en "monstruiños",como lles chamou Saul. Limpalas por dentro ata foi divertido, aínda que se escoitaba a Alba dicir:
- Que noxo, parece vómito!
Con todo, cando ao fin colocamos as caveiras ao redor de Lola e cantamos a canción dos esqueletes, Diego oíu como Lola, a esqueleta tamén cantaba: tumba, tumba, tuuuumba! e tod@s riron porque eran as caveiras máis "monstruosas" do mundo.
Antes de limpar recollemos sementes de cada tipo de coco para plantar na veiga na primavera.

Vemonos o luns na festa na Casa da Auga!!!!





miércoles, 26 de octubre de 2011

Ler no Samaín

A noite do 31 é a noite do Samaín.
Á tardiña, na Casa da Auga de Vide faremos un Magosto e un obradoiro de CABAZAS, para pola noite ir colocalas convertidas en caveiras, nos cruces de camiños, balados e cruceiros.
Ímos pasar un medo....!!!.

Pero mellor que pasar medo será pasalo de medo. Proba a ler os libros que te propón a Biblioteca A2 para este Samaín.

Podes atopalos todos na Biblioteca.


martes, 25 de octubre de 2011

Lola e o samaín

Onte "alguén" decatouse que Lola, a nosa esqueleta, seguro seguro que a noite de Samaín ía sair coas ánimas a recorrer os camiños, e ao mellor- ou pior- se lle ocurría ir á casa de "alguén".

Decidimos entón coller a Lola e explicarlle iso do Samaín:

- Mira Lola, a noite do 31 de Octubro, a porta que separa o noso mundo do "outro" faise tan delgada que as ánima
s poden pasar e veñen visitarnos.

Pode pasar que a túa ánima colla o esquelete para andar mellor, e si un supoñer, foras ata a nosa casa non te vaias asustar coas caveiras.Nós poñemos caveiras para asustalas e que marchen.

Lola non dixo nin mu, pero Diego "sentíu" que dicía que tiña frío.

Frio?
Nun visto e non visto fixémoslle un vestido de ánima/bruxa con sombreiro que lle quedou perfecto.
E sacámoslle fotos e todo.

Antes de marchar, Diego recordoulle a Lola:

- E non te rompas. E logo volve para a escola, que nos costaches moitos cartiños.

lunes, 24 de octubre de 2011

Día das Bibliotecas e votación


Hoxe é o día das Bibliotecas.

E puxémonos a pensar: cal será o noso agasallo?

Logo de moito discutir vimos que iso de votar pode ser moi democrático pero pouco entendible para @s pequenos, sobre todo para os que vían como as súas ideas "perdían" unha e outra vez.

Así que decidimos que ganara:

A MAIORÍA,
A MINORIA
e a MEDIANÍA.

E tod@s contentísim@s saltando e berrando:
Ganamos, ganamos!!!!!!!

Como resultado, a nosa Biblioteca no "seu Día" tivo tres agasallos moi especiais:

1: Deixala "PRESIOSA"logo de revisar os andeis, ordenarlle os libros e deixalo tod
o ben limpiño- limpiño xa estaba antes, Alba-

2: Un maravilloso cartaz do Samaín que nos deu unha chea de traballo facer, cortando papeliños e pegando- isto non me gusta nada, Noa-

3: Uns deslumbrantes marcapáxinas/Samaín que plastificamos e todo- xa verás como se enfada condo vexa que o levamos para casa, Iago-


miércoles, 19 de octubre de 2011

Biblioburro


O curso pasado chegou á Biblioteca un libro de Jeanete Winter- xa tiñamos dela a historia de Wangari- que nos contaba , outra vez, unha historia verdadeira:
A dun home, Luis, que cos seus dous burros, Alfa e Beto recorre as montañas de Colombia levando libros para os cativos.Paga a pena lelo, peque@s e grandes. Titúlase asi: Biblioburro, de editorial Juventud



jueves, 13 de octubre de 2011

Rock do Samaín

Buscando buscando atopei este rock Do Samaín en youtube, e gustoume tanto que andiven a indagar máis. O autor é Xabier CR, e atoparédelo en "Música para ratiños":

A bailaar!!

miércoles, 12 de octubre de 2011

xogo samaín

Para comenzar a pensar no Samaín, imos xogar a disfrazarnos un pouquiño

Preme na imaxe e xoga:




E agora a pintar un coco:

viernes, 7 de octubre de 2011

miércoles, 5 de octubre de 2011

O galo Traganoces

Como andamos a apañar noces teremos que cuidar que non nos pase como ao galo deste conto que, aproveitando, estamos a traballar esta semana:

"O galo traganoces" O autor é o contacontos Roberto Mezquita e o ilustrador portugués Bernardo Carvalho. OQO editora. 2011

Recollido da tradición oral, e un texto acumulativo e encadeado, polo tanto os máis cativos pódeno dramatizar - unha e outra vez- porque lles é moi doado de memorizar.

Nós xa estamos niso.







martes, 4 de octubre de 2011

AMABLE

Estou sentada no banco, á sombra do plataneiro, mentras eles xogan na area.

Achégase a min Soraya- 3 anos- e sinalando para o c oche que está aparcado no camiño dime:

- Profe, mira que amable é o outono. Botou as follas por riba do teu coche.


Saul
- 3 anos- sigue enchendo a carretilla da area pero intervén na conversación:

- A min gustoume moito iso que inventaches o outro día do outono, que bota as follas para abaixo, e logo as follas se pintan. É moi amable o outono. Si señor.

Alba- 4 anos- ponse de pé, e enfróntase a Saul e Soraya dicindo:

- Iso non é amable. Amable era a "nosa velliña"- a súa bisaboa morreu non hai moito- que sempre dicia: Moitos biquiños para toda a xente. PARA TODA A XENTE !!. Ela si que era amable.

E cada un seguíu coa area.

Cando entremos do recreo paréceme que vou ser moi "amable" con tod@s eles.



viernes, 30 de septiembre de 2011

Outono

Hoxe fomos dar unha volta para comprobar se o outono xa chegara a Vide.
E chegara.

Porque:

O patio da escola estaba estrado de follas secas.
A señora Maruja desfollataba o millo.
A palla estaba na meda.
A vendima feita.
O castiñeiro soltara os ourizos.
O carballo as landras.
E a nogueira de Camilo deixara as noces no chan.
Para nós collelas.

jueves, 29 de septiembre de 2011

Elefantes

Moitas veces son os nosos veciños do outro lado do río quen nos ensinan novas cantigas, como esta do ELEFANTE, que seguro vai ter tanto éxito como "O pitiño amareliño", "O sapo non lava o pé" ou "A camiño de Viseu" que xa forman parte do "Repertorio de Vide" .

E para que poidades cantala connosco deixámosvos o video:



martes, 27 de septiembre de 2011

Wangari Maathai, a nai das árbores

Vimos de saber que o pasado domingo morreu Wangari, a "nai das árbores".
Coñecimos a Wangari co proxecto "As árbores da Paz".

Traballamos co conto "Wangari e as árbores da paz" , fixemos un "Blog das tarefas", creamos traxes de Wangari, recollimos sementes e plantamos árbores e con ela aprendimos de Kenia, dos seus homes e mulleres, da súa vida e os sus costumes, da importancia da defensa da natureza como un medio para o desenvolvemento das comunidades locais e a identidade cultural.

Wangari sempre estará viva para nós. En cada semente que recollamos, en cada árbore, en cada home o muller, neno ou nena que entenda como ela que a defensa medioambiental é un dos camiños para a paz, o respecto e os dereitos humanos.



viernes, 23 de septiembre de 2011

A Biblioteca dos pequenos

Axudar aos pequenos a utilizar e coñecer a biblioteca é o traballo que estamos a facer esta vez "por partes".

Primeiro e antes de nada, saber que cando entran na Biblioteca teñen que falar moi moi baixiño, e moverse amodo, sen correr. Aprendérono deseguida.

Pero a biblioteca para eles e ENORME. Decidín entón irllela presentando e aprendendo a utilizar o material aos poucos.
Comenzamos na Zona de infantil polo andel da P. Neste andel están os libros de tapas duras, uns troquelados e outros non, pero sobre todo con predominio de imaxes. Todos os libros teñen unha pegaina coa P .Collín os libros da P e puxémolos noutro moble, máis accesible para poder aprender a "colocar" o libro: con cuidado e de canto, coa etiqueta azul abaixo.
Non é doado para os máis pequenos, pero pouco a pouco vai indo, e sempre, antes de marchar da biblioteca o "encargad@ de día" revisa a correcta colocación dos libros.
Tamán puxemos unha mesa ao lado cos puzles máis sinxelos.

E así xa aprenderon a coller libros libremente, devolvelos correctamente ao seu lugar, sentarse a lelos na mesa ou na alfombra e xogar cos puzles nas mesas, sempre sentados e devolvelos "feitos" ao seu sitio.
Aínda non rematou o mes e xa comenzan a facerse cos espacios e os materias. Quédome no medio da biblioteca , mirando para eles, e danme ganas de comelos a bicos, do serios e "maiores" que parecen.



miércoles, 21 de septiembre de 2011

CURSO 2011 2012


Comenzamos un novo curso e pola primeira vez só hai alumnado de 3 anos e de catro anos.12 en total e non hai ningún de 5 anos. Son tod@s tan pequeniños!E temos dúas parellas de xemelgos: dúas nenas igualiñas igualiñas, Iris e Noa, e dous nenos en 3 anos, Marcos e Diego, que aínda que parecidos non hai problema e saber quen é quen.

O primeiro día tivemos que "castigar" a nosa esquelete Lola.

Samara,en canto se sentou na roda díxome moi enteira, pero con cara de susto:

- Maestra, castiga a esa nena!!
- A Lola?- dixen eu.
- Si. Mándaa para fora!
Para fora non a mandei pero leveina para ben loxe, na entrada da biblioteca. E desde aquela Samara de cando en vez aínda me recorda que "a nena está castigada, verdade?" Pois si, e dame que vai ter para largo.

E asi estamos:preparados, listos.....XA!!!!

jueves, 15 de septiembre de 2011

Homenaxe a mª Dolores





Comezamos o curso con tristeza.







Temos que despedir á compañeira Mª Dolores Martínez Tobío, docente no IES Luis Seoane de Pontevedra e responsable da biblioteca escolar do centro. Hai só uns meses que Mª Dolores nos puxo a Salvar Libros por centros de toda Galicia. Salvar os libros que valen a pena, as linguas nas que se escriben eses libros, as bibliotecas nas que se gardan... a memoria dunha mestra que día a día traballou a favor da cultura e a educación.


Este é un documento colaborativo como tantos outros nos que Mª Dolores adoitaba participar co seu habitual entusiasmo. Desgraciadamente convocounos hoxe a súa despedida e pensamos nesta pequena homenaxe que xorde da mesma rede que ela axudou a tecer. Canto tempo e ilusión dedicados a Biblioiris, a súa bitácora vinculada á biblioteca escolar do instituto!  Por iso os nosos blogs lamentan hoxe a súa ausencia. Por iso esta entrada será publicada por moitos outros centros, ademais dos que aquí figuran. Esperamos que este documento saiba representar tamén a tantas persoas que, desde a rede PLAMBE das bibliotecas escolares galegas, desexan expresar o seu pesar e as súas condolencias á familia e amigos da nosa compañeira. Son tantos os centros que a súa relación excede as dimensións deste documento.


Grazas Mª Dolores polas palabras, polas reflexións, polas propostas, polo tempo, polo que fixemos xuntos e que permitirá seguir camiñando pola ruta das bibliotecas escolares.



Cristina Novoa


Pilar Sampedro


Asesoría Bibliotecas Escolares

















posanollocurtiscambre 
jdoloresj
 teisolgamuxiavictorsaenztaragonacatoiraquintelatrafgegandoImaxe das ligazóns: Rapaza lendo. Gustav Adolf Hennig