viernes, 7 de noviembre de 2008

mochilas viaxeiras


Hoxe a oca do padriño de Yoel, que mira que casualidade, ven debuxada nos cartaces da Biblioteca e nas mochilas, foise de excursión con dúas mochilas cheas de libros da Biblioteca A Dúas.
Unha levouna ata Taboexa, para deixala na escola Unitaria, e outra tiña que deixala na escola Unitaria de Rubiós. Deste xeito podemos compartir a nosa Biblioteca cos nenos e nenas das outras Unitarias do Concello de As Neves.
Despois de preparar as mochilas aínda tivemos tempo de rematar o cartaz das granadas e "estudiar" os ramos de morangos que nos deixara na escola Sita, a nai de Marta.
En Vide chámanlle morangueiros aos madroños e morangos aos seus froitos, e os morangueiros, danse moi ben aquí. No eido de Felipe hai un enorme que plantou o seu avó, e tamén no eido de Sita e no da avoa de Yoel hai morangueiros que nestas datas están cheos de froitos.
A avoa de Yoel díxonos que non podíamos comer máis que uns pouquiños, que senón podíamonos marear (emborrachar). Comimos con cuidado pero foi unha magoa non poder comer máis porque estaban moi ricos, cun sabor moi doce parecido ás cereixas.

No hay comentarios: