Onte comenzamos a traballar o tempo de Nadal na escola.Este ano decidimos adornar a nosa árbore, e a aula, só con adornos feitos por nós. Xa fixemos unha estrela dourada e temos en espera bolas, botas e cadeas de papel.Como estamos preparando as Xaneiras seguimos aprendendo novas panxoliñas para ir cantar cos maiores, ademáis pensamos sorprender a tod@s acompañando coa pandeireta unha cantiga: o Nadal de Luíntra.
E como é tempo de reis e xoguetes, hoxe a roda tiña un tema: a carta aos reis.
Érika, que foi a primeira en pedir a palabra, propuxo discutir antes cantos xoguetes se lle podían pedir aos reis. Ela pensaba que só un, pero Saray lle dixera que se podían pedir dous.
As palabras sucedíanse e o problema era matemático:
- ¿Un xoguete só?, entón ¿a quen? ¿a Papá Noel ou aos Reis?
- ¿Dous xoguetes?, ¿un a Papá Noel e outro aos Reis?
- ¿Dous xoguetes a cada un?. ¡Ah, pero iso son catro xoguetes!¡Imposible- dicía Marta- non hai tantos xoguetes para repartir entre todos os nenos do mundo, algún vai quedar sen nada!
Como non había acordo propuxen que alguén fixera unha proposta e votabamos.
Brais levantou a man:
- ¡Só se pode pedir un!¡Iso é asi, ademáis tamén mo dixo a miña nai!E eu quero dicir unha cousa moi importante: ¡vou facer unha casa!
-¿Vas facer unha casa?- dixo Carliños- pois eu axúdote, que sei botar a placa.
- Vale, pois ven pola tarde e me axudas, que vou facer unha casa pequena para min, con tellado e todo. Hoxe pola tarde o meu pai vai ir co chimpín a areeira a buscame area para facer a masa, e xa teño uns bloques preparados.
- Eu tamén vou -dixo Elena- que sei poñer as plaquetas, así, unha ao ladiño da outra. Dáseme moi ben.
- Pois eu tamén - dixo José Ángel- e fágoche a porta. Collo unha taboa, logo outra, e cunhas puntas e un martelo voulle dando.
- Pero entón - dixo Carliños- antes hai que saber onde vai a porta para deixarlle o sitio, que senón hai que romper a parede.
- ¡Pois facemos un debuxo!¿podemos profe?- dixo Marta- e logo Brais escolle a casa máis bonita e todos lle axudamos a facela,¿vale?.
- Pois valerá, dixo a profe, abraiada diante de tal entusiasmo colabourativo.
E tod@s se puxeron a "diseñar" casas para Brais e pintalas no papel.
Cando remataron, Brais foi mirando un por un. Abaneaba a cabeza,volvía a mirar...Tod@s espectantes esperaban a súa decisión.
Entón , pousa os papeles na mesa e di:
- Isto está moi ben pero, primeiro hai que ver como sae a masa, logo....xa falaremos.
E sorprendentemente tod@s estiveron dacordo.
Mañán buscaremos solución ao problema matemático.
No hay comentarios:
Publicar un comentario