¿Onde se garda o millo?
No CANASTRO.
Pegadiño á escola, o canastro de Teresa estaba cheíño de millo.
Teresa explicou aos nen@s:
- O noso canastro é de madeira, pero usamos os pés doutro canastro máis vello, por iso son de pedra, e temen usamos as moas.
PÉS, MOAS...dúas palabras novas.
Cando nos achegamos ata o eido do "Galiño", que tamén tiña o canastro co millo, Elena decatouse que este canastro era diferente:
- Este canastro é como o da miña avoa, ten pedra e madeira, non é como o da Teresa.
E Kike dixo:
- É máis grande, ten seis pés. O de Teresa tiña catro.
Entón Mateo falou:
- Na miña casa temos un HORREO, igualiño a ese canastro, pero non ten millo dentro, ten patacas.
Descubrimos entón que a un canastro tamén se lle pode chamar hórreo , e que se non cultivas millo podes gardar nel outros productos, como patacas.
Na casa de Felipe , a súa avoa levounos a ver os dous canastros que tiña na eira .
- ¿Sabedes o que son as moas?
-¡¡¡¡Si!!!!!!
- Hai quen lle chama TORNARRATOS porque se os ratos suben polo pé do canastro para ir rillar no millo, petan nesa pedra e caen para abaixo. E agora fíxádevos no CUMIO, ten un cruceiro, e pola outra parte un monxe, e hai outros canastros que teñen un reloxio de sol.
Entón fumos ver o canastro do "Grilo" que tiña un reloxio de sol adornando o cumio.
Atopamos a avoa de Mari , que nos dixo que tamén habia en Vide canastros de 8 pés.
- Tedes un ahí detrás, ide velo.
-¿De quen é?- preguntou Saray.
- Ai!, ese canastro é de varios, unha parte é nosa, e outra parte é do "Blanquiño"
Saray tirou da miña chaqueta :
- Mira profe, comparten. Nós tamén sabemos compartir.
E volvéndose á señora Maruja díxolle.
- Facedes moi ben. Nós na escola tamén compartimos.
E fomos ver o canastro "compartido" e contar os oito pés.
Parecía que o día dera ben de si, pero aínda nos esperaba unha sorpresa.
Pero xa volo contaremos mañán.
1 comentario:
Parabens pola iniciativa de blog.
Colaboro ca Asociación Amigos dos Rolxos de Sol e me gustaría saber a aldea na que se atopa o hórreo do Grilo, o que ten un reloxo de sol.
graciñas
Publicar un comentario