DIARIO DA VEIGA
Hoxe pasou a mañán nun sospiro. Había presa ata no aire. Todas as conversacións ían e volvían á excursión de mañán:
- A miña nai díxome que temos que andar moitísimo- dicía Yoel.
- Eu son pequeniña e me canso- queixouse Saray.
- Pois eu -di Carliños- non me canso nada que levo o boi eu só e non pode conmigo.
Lucía, preocupada, recordoume:
- Tes que avisar a miña nai que leve o carro para Alba, que a miña irmá pesa moito e logo a miña nai dóelle a espalda.
E así toda a mañán.
Como estaban tan emocionad@s aproveitei para propoñerlles un traballo que non lles gusta NADA: limpar as herbas na veiga. Sacamos tres carretillas de herba, pero tamén Yoel encontrou un grilo e Carliños a flor do pepino.
Cando fomos a escribir no DIARIO DA VEIGA descubrimos que @s nen@s dunha escola de A Coruña, no Ceip José Cornide Saavedra, pintaron noites estreladas de Van Gogh, e estivemos a ver os fermosos cadros que fixeron.
Antes de marchar para casa deixámoslle unha nota á Bruxa do Campanario:
POR FAVOR, FAI UN FEITIZO DE DÍA SEN CHUVIA.
E outra para o Fantasma dos Ollos Azuis:
SE QUERES PODES VIR CON NÓS NO TREN.
No hay comentarios:
Publicar un comentario