sábado, 6 de diciembre de 2008

Sumario e factor X

No mes de novembro estivemos ben ocupad@s na escola recollendo froitos "raros" por todo Vide, e aprendendo todo o que poidemos deles: caquis, kiwis, alquexenxes, feixoas...acompañáronnos todo o mes co seu olor, o seu sabor e as súas múltiples cores e propiedades. Ata tivemos que achegarnos á muralla China e a Brasil para saber dalgún deles- isto da pizarra dixital é unha maravilla- e coma sempre, co producto do noso traballo puxémonos a compoñer un libro na Editorial Unitariadevide para deixar na Biblioteca A Dúas, e outro para levar para casa.
Pero esta vez non foi igual que sempre, foi parecido, porque este libro leva unha páxina nova: o sumario.
Este non era un libro que contaba unha historia. Era un libro onde nós podiamos informar sobre froitos- e unha hortaliza- do novembro de Vide, e, investigando na Biblioteca, descubrimos que estes libros levan unha páxina para axudar a buscar a información. Nuns, chamábanlle índice, noutros sumario e noutros contidos. Votamos, e decidimos que nós, chamaríamoslle a esta páxina: SUMARIO.

Foi divertido. Tivemos que numerar todas as páxinas, que foi o máis difícil porque cada libro tiña distinto número de páxinas- o libro de David tiña ¡ trinta e dúas!- e no sumario poñer tamén fotografías para que os máis pequenos poidesen facelo, pero logo pasámolo la mar de ben xogando a :
-¿Onde tes ti o kiwi?
- Eu na 5
- Eu na 8
-¿ E a granada?.....

Cando xa marchabamos para casa co libro na man, Brais dixo:
- Hoxe vou traballar toda a tarde no libro.
- ¿A traballar?, pregunteille.
- ¡Claro!, teño que rodear China,o sitio ese que ten a de "factor X" e outros sitios máis que xa non me acordo, teño que volver a escribir o 5, e teño qeu pintar ben o xuxú para que me quede ¡perfecto!

O de " factor X" ía por México.

1 comentario:

Anónimo dijo...

xa pasarei por Vide para conseguir pepitas de xuxú, que din que fai unha sopa moi rica e que adelgaza.