jueves, 5 de diciembre de 2013

Uñas de cores: profe, hai un problema

Chegou Antón a clase coas uñas pintadas, cada unha da súa cor. Pintáraas na casa da súa avoa e viña todo contento. Como houbo alguén que dixo que iso non era cousa de nenos,  na roda falouse, e chegaron á conclusión de que pintarse as uñas de cores estaba "guai", foras neno ou nena.

Quedamos que para o día seguinte, TODOS, iamos vir a escola coas uñas de colorines. Na hora da saída falamos coas nais e pais e quedou decidido.

E o martes as uñas de todolos nenos e nenas, mestra incluída, eran un festival de cores. Todos ensinaban as súas mans cheos de fachenda, así que aproveitamos "o tirón" para pasar a mañan traballando mans, cores, series, e suma e segue.

Pero o mércores pola mañan, á chegada, Saul achegouse a min todo cariacontrecido:

- Profe, hai un problema...
- E logo , qaue pasa?.
- Pois que os nenos da cidade non se enteran de nada....
- ....?
- Que onte fumos eu, Marcos e Diego á cidade ao cumpreanos do meu primo, e todos se riron de nós por levar as uñas pintadas! Están chouchos! Non se enteran de naaaadiña!
Entón intervén Marcos:

- De verdade que non se enteran. Tampouco sabían onde se poden cazar rás, así que mira ti.
- Profe, vas tes que ir a explicarlles ti as cousas, porque  imos ter un problema- rematou Saul.

Diego que ata aquí estaba ao seu, poñendo o mandilón, saca a man pola manga e di:

- E tamén lle explicas o do río Miño!
-........?

E marcharon os tres, Saul e Marcos e Diego, correndo e saltando pola escola adiante .

Eu quedei chantada no chan, mirando para eles.


Pois si que hai un problema......... e iso que a "cidade" era Ponteareas.........


1 comentario:

paideleo dijo...

E a xente segue a pensar que os rapaces da cidade son máis listos.