
Hoxe pola mañán saímos pola aldea a apañar
as herbas de San Xoán e facer o cacho con elas.
Era mellor facelo o luns pola tarde, pero estaremos moi ocupad@s argallando un moneco para poñer no curuto da fogueira e procurando leña para arder nela.O luns pola mañán xuntarémonos na escola para preparar a festa: quen fai biscoitos, quen a queimada, quen pon a roupa para vestir o moneco..., iso contando que esta fin de semana, os rapaces maiores e os pais e nais cos tractores vaian a pola leña, que si non igual só temos fogueiriña, pero festa seguro que vai haber igual. Este ano ademáis das pandereteiras imos ter gaitier@s, e vai ser unha noite máxica total.
Pero, ademáis da fogueira, non podemos esquecer o cacho coas herbas de San Xoán, que poñeremos toda a noite nunha tina con agua para, pola mañanciña, lavar toda a familia a cara con elas, porque
a herba de San Xoán
limpa a cara de gráns
Apañamos romeu,herba luísa, fiuncho, loureiro, sabugueiro, estralote, fento macho, silveira, nogueira,xesta, hortelán e folla de figueira pero non dimos coa mais importante: a herba den sanxoán, a que espanta os demos.Fixemos o cacho igual e cada un levou o seu para casa.

Antonte estivo Sara, a avoa de Isaac, na escola a buscar a muda dunha cobra -¡¡¡enorme!!!- que Edorta e Isabel atoparon no camiño do cemiterio. Sara, que sabe moito de herbas e usa a muda das cobras para preprar un medicamento para os problemas na pel, quedouse un anaco falando con nós das herbas mediciñais e tamén da noite de San Xoán.
Contounos unha tradición que había en Vide hai anos e que agora só uns pouc@s vell@s recordan:
Na noite de San Xoán, cáscase un ovo ben fresco dentro dun vaso de auga e deixase toda a noite ao sereno, a poder ser enriba do tellado. Pola mañán vaise ver a imaxe que se formou, e por ela saberemos como nos vai ir o ano.
Paréceme a min que esa tradición ben a podemos recuperar porque, ovos frescos hainos e o saber non ocupa lugar. ¿Ou si?