lunes, 30 de noviembre de 2009

PRINCESAS E PRÍNCIPES

Chegou xá a Biblioteca A2 o libro" La Cenicienta que no quería comer perdices" que as autoras, Numila López e Myriam Cameros adican a

"... todas las mujeres valientes que quieren cambiar su vida y a todas aquellas que la perdieron y nos iluminan desde el cielo".

Tiñamos a versión dixital, pero agora podemos tocalo, repasalo, levalo na carteira, lelo polo principio, polo final.... Contáronnos que se pode atopar en catalán e en euskera, ademáis do castelan , claro, pero en galego...en galego.... pois non.

Este conto, que como explican as autoras, tiveron que autoeditalo porque ninguha editorial se facía cargo, movilizou a moreas de personas, sobre todo mulleres, a través de foros de internet, portales web e blogs, e tal foi o seu éxito que Planeta agora , si se decidíu a publicalo e xa está en todas as librerías.

Como di Alicia Puleo no seu blog:

"....Originariamente escrito para adultas, creo, sin embargo, que puede ser un hermoso relato para niñas y niños que reciben una educación en la libertad, la autoestima, la igualdad y la sensibilidad hacia los demás seres vivos."

viernes, 27 de noviembre de 2009

AZUL E ROSA

A semana pasada chamoume polo teléfono a Bruxa do Campanario cando estabamos en clase para dicirme que nos mandaba dende Brasil- onde ela pasa o noso inverno- unha moneca de YACI, e houbo un "pequeno" debate.
Que se era, que se non, que se eu son unha metireeeeeeeeeira.
Todo porque cando Saray colleu o teléfono a bruxa xa colgara.
¿E que culpa teño eu diso?
Menos mal que ao día seguinte cando entramos na escola alí estaba o paquete con xogos e a moneca.
Saray aínda rosmou un pouco:
- Pero a Bruxa do Campanario non existe.
- Por favor!- dixenlle eu toda ofendida- e logo quen nos mandou isto desde Brasil?
Pareceume que diante deste "alarde" de lóxica xeografica, Saray, e @s demáis, quedaron convencid@s, pero para asegurarme, o luns, cando cheguen á escola van atopar na porta unha caixa chea de libros "noviños do trinque" e unha nova mensaxe da devandita bruxa.

Na caixa estárán uns libros publicados en galego e para os máis cativos, e que tratan os estereotipos de xénero.

É a colección Lila Lilaina de Edicións A Nosa Terra:

- Azul e Rosa.
- Roi quere ser mamá.
- Carlota e o príncipe azul.

A autora e ilustradora é Ana Pillado Veiga.

jueves, 26 de noviembre de 2009

O año

Xa sabíamos que na casa de Noemí nacera un año que non mamaba da súa nai.
Para que comera, Noemí dáballe un biberón e o añiño estaba saíndo adiante.
¡Que mágoa que chove e non podemos ir a velo!- dicíamos.

Pero a mamá de Noemí trouxo ao "bee...beee...! á escola e tod@s poidemos ver como en canto víu a Noemí botou a correr onda ela .
Noemí deulle o biberón que Ana traía preparado. Como chupaba!!
Cando Noemí se movía, alá ía o añiño atrás dela, como se fose un canciño.

Agora estamos facendo un conto novo:

O año de Noemí veu á escola.
Facía: BEee Beeeee!

Noemí deulle o biberón.
Javi tíñalle medo.

miércoles, 25 de noviembre de 2009

¡QUE NON TE ENTERAS DE NADA!

Estabamos a ver na pizarra dixital o conto de Arturo e Clementina, eu ía facendo unha lectura/dramatizada, tod@s estaban caladiñ@s, atent@s... cando chegamos xa ao final do conto e eu, facendo de Arturo dicíalle aos "meus" amigos:

"Esa Clementina era unha desagradecida! Non tiña falta de nada...
Unha das nenas- esta vez non vou dicir quen- ergueuse da silla , encarouse a min e berroume:

- NON! CLEMENTINA É MOI LISTA! E TI ERES PARVO!
- Quee?- dixen eu.
- SI! QUE ARTURO É UN PARVO
-¿QUE EU SON PARVO?- contestei convertida de novo nun Arturo alporizado.
- SI,SI, ERES UN PARVO, QUE NON TE ENTERAS DE NADA!- díxome como quen dí ...punto final, e sentouse de novo toda enfurruñada.

Terminamos de ler/ver o conto, falamos de Arturo, de Clementina, de Venecia, de escribirlle outra carta a Clementina ... xogamos.... e a mañán seguíu, pero a miña cara leva todo o día cun sorriso tonto que non dou sacado.

...e que había que ver como se me enfrentou!

lunes, 23 de noviembre de 2009

Violencia de xénero

Gracias a Gracia de Trafegando Ronseis podemos achegarnos a unha moi boa recopilación de videos que denuncian a violencia contra as mulleres.

Aqui deixo un dos que máis me impresionaron:.



E unha reflexión:

Se nos achegamos aos cartaces, videos, campañas ... que enfrentan este xeito de terrorismo seguimos observando como sobre todo, van dirixidas a nós, as mulleres: DENUNCIA!, DI BASTA! APOIÁMOSTE! ,TI PODES!.....Non estou en contra pero...e que podemos denunciar, dicir basta, buscar apoio e EL aínda así nos quita a vida, por iso penso que seguen a ser poucas as campañas na que a mensaxe vai dirixida aos agresores e cando o fan, paréceme a min que lle falta "algo" de contundencia .

Dous exemplos:

Este video, cuarto premio do Concurso "-es+" promovido polo Ministerio de Educación.



Á moza, a sociedade dille:" Te apoyamos". Ben. Ao mozo dille: "Te miramos"
¿Como? SÓ MIRAMOS PARA EL???????????. O méu estómago protestou o que pudo.

Neste outro video do Ministerio de Igualdade, da campaña "ANTE EL MALTRATADOR , TOLERANCIA CERO" sinto certo desacougo. A sociedade, representada aqui polo grupo de homes , manifesta o seu rexeito do agresor co silencio e a mirada, e cando fala di: "Cada vez que maltratas a una mujer, dejas de ser un hombre"......¿ Reprentación da tolerancia cero??????. Pra min que isto é tolerancia 3 ou 4, baixa si, pero non CERO.



Non sei, non sei...igual é que me sinto abrumada pola impotencia , por tantas mortes, por tantas mortas en vida.

Neste enlace podes atopar recursos para traballar na escola e na casa: COEDUCACIÓN

sábado, 21 de noviembre de 2009

HORA DE LER E HORA DE ESCRIBIR

Todos os días ao entrar do recreo temos a hora de ler, bueno, os dez minutos de ler,ou facer que len, caladiñ@s e soíñ@s, o que cadaquen escolleu.

Agora ademáis, cando remata a "hora de ler" comenza a "HORA DE ESCRIBIR", pero escribir no ordenador e na Biblioteca, que é onde están.
Non sei canto lles durará pero ten moito máis éxito que a de ler.

¿Como facemos?

Están organizad@s por parellas. Cada parella ten un ordenador fixo e un arquivo onde garda a súa "obra", e durante quince minutos escriben libremente.
Están aprendendo "a toda máquina" a usar o teclado: enter, borrar, ata cambiar de fonte....!

¿Que escriben?¡MARAVILLAS!

Unha parella leva días "escribindo" sumas: 2+3, 5+2....e xa anda dicindo que pasa co "igual", outra escribe palabras curtas e longas tipo: KOL e EOEIUAJADKDKAIY, algunha anda "escribindo un conto"....

Infinitas variacións de ESCRIBIR ata chegar ás dúas pequeniñas que polo de agora andan con LLLLLLLLLLLLLLLLLLLLLLLLLLLLL, e non dan levantado o dedo para cambiar de letra.

Cando anuncio que rematou o tempo sempre se escoita: "un pouquiño máis....!!, pero non negocio. Gardan, pechan o seu ordenador e á aula.
E como estamos na Biblioteca, teñen que falar moi, moi baixiño.

Entre unha cousa e outra non pasa de media hora desde que entramos do recreo.

¿Aínda hai alguén que pensa que traballar nunha Unitaria é unha mágoa?

martes, 17 de noviembre de 2009

cogomelos

Un alumno de 1º de Secundaria do IES Pazo da Mercé de As Neves, fixo esta presentación para @s seus compañeir@s. Como é de Vide, prestounola para o noso blog.
Os cogomelos que aparecen son dos que podemos atopar por Vide e os seus montes sen buscar moito, que este novembro hainos por todas partes.
E xa sabedes, coidadiño, que hai moitas amanitas faloides agachadas.

Uploaded on SlideServe by aldeatotal | Upload your own presentation

jueves, 12 de noviembre de 2009

De carballos a toupeiras


Dende hai anos temos "adoptado" un carballo que está perto da escola, no linde de varias veigas. Era un carballo pequeno que saía entre as silveiras e nestes anos converteuse nunha fermosa árbore. Chamámoslle "O NOSO CARBALLO", e visitámolo regularmente. Polo outono para recoller landras e ver como amarillean as súas follas, no inverno para ir observando as polas núas, e na primavera para ver como as novas foliñas da cor do ouro van sáindo dos gromos ata ir cubrindo todas as polas.
Este ano, o noso carballo segue empeñado en conservar todas as súas follas dunha cor verde rabiosa, e decidimos "documentar" as visitas con fotografías e cun pequeno diario.

Visitamos o "Noso carballo" unha vez ao mes, e fixamonos
- na arbore
- no que hai debaixo da árbore.

É a segunda visita que lle facemos, e debaixo do carballo as chuvias do outono tíñannos preparada unha sorpresa:

Por entre as landras e as follas secas asomaban unhas froriñas de cor morada,cólquicos- azafrán salvaxe-, e unha chea de cogumelos.

Saray e Mateo, que son moi observadores, explicáronnos como se relacionaban uns e outros:
- Este cogumelo é moi amigo desta flor. Por iso están xuntos. E estes dous están enfadados. O cogumelo mira para outra parte- dicía Saray.
- Pois todos estes cogumelos- uns que nacían apiñados sobre a madeira apodrecida- son irmáns e están xogando ás peleas- explicounos Mateo.
Jose pensaba que todos, cogomelos, landras e flores estaban xogando debaixo do carballo, que era a súa nai. Elena dicía que o carballo era o pai, non a nai..... e así seguiron.

Ao chegar á escola propúxenlles buscar no libro de plantas o cólquico e mirar as fotos dos cogumelos, pero unha vez máis eles tiñan unha proposta mellor.
- Iso o facemos mañán profe, que onte dixeches que nos ías ensinar unha foto dunha toupeira e aínda non a buscamos no "jujel"- dixo Saray- E si queres eu lle aprendo aos "pequenos" a escribir TOUPEIRA. Está chupado. É igualiño que TOMATE.
- ¿Igualiño?- saltou Elena- ¡ja! tomate NON ten A.
Estaba claro o que HABIA que facer: adicar o tempo que nos quedaba ás toupeiras. Así o fixemos.
E cando recollíamos para marchar para casa Kike fixo este comentario:
- Uf, que ben o pasei hoxe!Xa sei que os cogumelos teñen PÉ e SOMBREIRO!

¿HAI QUEN ENTENDA A ESTES NENOS?

lunes, 9 de noviembre de 2009

Cocer o pan

O remate do traballo sobre o millo era, como non, facer un bolo, cocelo e... comelo.
Peneiramos a fariña e logo levámola, nunha mochila viaxeira, ata o Souto, onde nos esperaba Isabel para facero bolo.

Misturamos a fariña milla cunha pouca triga, botámoslle un pouco de auga quente, sal, e amasamos un bolo grande e moitos pequenos, un para cada un.

Cocímolos no forno da cociña de ferro e esperamos un pouco.

Logo, cos bolos na mochila, voltamos correndo á escola, puxemos a mesa e comimos un exquisito bolo feito co millo que plantamos, cuidamos, esfollatamos, debrullamos, levamos a moer e cociñamos.

E como aínda nos quedaba un pouco de tempo xogamos a facer casiñas de tiricós.

Desta vez fomos quen de seguir un proceso completo. Quen nos ía dicir que duns grauciños pequenos que sementamos na primavera pasada podíamos tirar tanto rendemento!


viernes, 6 de noviembre de 2009

A Sopa Queima

De entre os libros novos que chegaron á nosa Biblioteca, imos presentar un especial:

A SOPA QUEIMA. Texto de Pablo Albo.Ilustracións de André Letria
Editorial OQO.Pontevedra, xullo 2009.

Como a sopa queima, María sopra e sopra para enfriala, pedirá axuda a uns e outros ata que por fin pode comela.

Contar este co
nto deu lugar a unha morea de xogos: soprar como María, como un rinoceronte, como unha formiga, como tres, como catro, como cinco.....
Levar a culler a boca e.....berrar: aaaaaaaaaaaaai!!!! !A SOPA QUEIMA!!!!
Ir facendo da mamá que sempre lle di:

- Pois sopra, María, sopra!!!
E por fin, facer que comemos a sopa: levar a culler a boca, tragar, ummmmm que rica!, repetir, ummmmm delicosa!.... e así ata que xa non queda nada.

Pero aínda quedaba o mellor:

Debuxar e pintar a María, porque María ten a cara REDONDA, o seu nariz está no centro , e por riba, os ollos, un a esquerda e outro á dereita - podes ir ao espello e comprobar que ti tamén- cunhas pestanas ben longas, e sobre cada ollo, a cella. Logo ven a boca. Aquí tes que parar e decidir si María está sorrindo, ou berrando, ou triste.
Despois hai que lle poñer as orellas, outra vez unha a cada lado, e por fin, o pelo.
¿Sabes facer rizos? ¡Pois veña rizos!
Si aínda hai ganas, podes seguir coa camisa de Maria, un cadrado con raias,
e os brazos, dous rectángulos......

E que o ilustrador, André Letria, saíuse, tal parece que estaba a pensar n@s nen@s de infantil e dixo:
-¡Esta vez imonos divertir!, e abofé que o conseguíu.

Nós levamos toda a semana divertíndonos con María e a súa sopa.

TIRICÓS

O venres pasado cando fomos ata a de Noemi para ver como funcionaba a muiñeira eléctrica, había debaixo do canasto moitos carozos, e os nen@s puxéronse a xogar con eles. Entón a avoa de Noemi contounos a historia dos TIRICÓS.

Os tiricós son unha especie de graos moi molesto e doloroso que che pode sair nas pálpebras dos ollos. E lle saen a alguén que, cando estaba a comer, unha embarazada gorentoulle a comida.

Cando xa sabes que te botaron un tiricó e queres anulalo - aquí intervén o millo- colles carozos de millo, fas un casteliño e lle prendes lume dende dentro.

O fume levará o tiricó lonxe, e quedas salvada.

Comentábamos máis tarde esta historia "antiga" a Fabiola, e ela díxonos:

- ¿Antiga?. No verán, cando estaba embarazada e comíamos todos na casa da miña nai sempre dicían:

- Botarlle primeiro de comer a Fabiola , non nos vaia botar un tiricó!!!

Mira ti por onde unha nai, que comía sempre a última, cando estaba embarazada querían que comera a primeira.... non fora a botarlles un tiricó!

A nosas tatarata......avoas, que listiñas eran.

jueves, 5 de noviembre de 2009

OS CANASTROS DE VIDE

Levamos un tempo traballando sobre o millo e como xa contamos, recorrimos a parroquia buscando canastros. Canastros cheos de millo e canastros sen millo, canastros novos e canastros vellos, canastros de catro pés e canastros de seis pés...

Aprendimos moito e recollimos moito material.
Para compartilo decidimos facer un libro para a Biblioteca.

Aquí tamén o compartimos con tod@s vós :


lunes, 2 de noviembre de 2009

SAMAÍN

O sábado pola tardiña a Biblioteca chamou aos nenos e nenas e as súas familias para celebrar o samaín nunha festa na Unitaria.

E tod@s chegaron con cabazas-cocos- e unha presa de castañas para facer tamén un magosto.

Fixemos as caveiras, comimos castañas, chourizos asados aproveitando as brasas, xogamos.... e logo, xa de noite, fomos colocar as caveiras nos balados e nos cruces.

Como dicia Elena, esta noite as ánimas non ían dar entrado en Vide.

domingo, 1 de noviembre de 2009

DE MILLO A FARIÑA


Tíñamos o millo, queríamos comer unha bola......había que moelo.

O venres pasado foi a moenda.

Primeiro fomos á casa de Noemi.

Visitamos os animais, vimos o millo gardado no canastro novo, falamos coa avoa e logo o seu avó puxo en marcha a muiñeira eléctrica e moeu un pouco do seu millo para que viran como se moe "agora".

Nós queriamos moer "como antes", nos muíños que hai onda o Termes, así que seguimos camiño.

Chegamos aos muíños da Ponte onde muiñeiro, o señor Manolo- o "Nené"- xa esperaba por nós.

Puxo o muíño a andar e botou o millo na adella.

E quedamos alí caladiñ@s, prendidos do son da auga ao caer no rodicio, do tiquitaque do tarabelo sobre a moa, do sssuuuuunnnn do millo ao esmagarse..... mentras o chan se ía enchendo de fariña.

Recollimos a fariña coa vasoira e marchamos a correr, sen peneirala, porque aínda tiñamos un bó camiño ata a escola e a mañán xa marchara enteira.

Só nos deu tempo de despedirnos do muiñeiro e darlle las gracias.

É son unhas gracias e un agradecemento ENORME dos nen@s, da mestra e de toda a parroquia, porque é o seu interés personal sen axuda de ninguén, o seu traballo, e o seu tempo o que fai posible unha experiencia como a de hoxe.

Nené, se hai que limpar a levada, avisa, que alá iremos , porque que ese muíño siga en funcionamento é responsabilidade de TOD@S os viciños.

E de paso botamos unha muiñeira. Por iso de respectar as tradicións, claro e porque...

"cantai todas, cantai todas
e que non falte ninghunha
que o cantar e o baillar
non é verghonsa ningunha"