viernes, 30 de mayo de 2008

Estaban as leitugas....

Estaban
as leitugas
tan enormes,
tan tenras,
tan verdes
na viega
que....

¡había que comelas!


jueves, 29 de mayo de 2008

Libros de man en man

Hoxe, no Xoves de A Dúas, a tarde deu para todo:

- Inauguramos unha sección nova na Biblioteca: O andel dos "Libros de man en man", sección para o intercambio de libros. E como todo o mundo chegou cun libro na man, houbo moito para intercambiar.

- Fallamos os premios d@s Detectives Herboristas: As campeonas foron Lara e Antía. Lara escolleu de premio un vale de 10 euros para gastar na librería Xes, e Antía escolleu a mochila pequena. A tod@s os participantes- 12- regalarémoslle o libro que imos confeccionar coas fichas.

- @s máis pequen@s tiveron película: "A grande aventura dos pequenos Einsteins".

- @s maiores etiquetaron os libros novos e organizaron os andeis azuis.

- A "Comisión" descubríu gracias ao libro-disco de Luis Prego "PARA CANTAR E BAILAR" , os xogos que as súas nais e avoas xogaban de nenas, e que nós tentaremos ensinarlles ás súas netas e netos.

Ao remate, avaliación e café.


martes, 27 de mayo de 2008

Virus e escola colaborativa

A fin de semana comenzou cos virus.Virus informático que nos deixou sen Carmiña Vacaloura, e virus humano que botou á mestra para a cama deixándoa sen voz. Están por todas partes.

E contra os virus, puxemos en funcionamento a "escola colaborativa".
E a maxia.

Porque o venres o portátil da PDI estaba mudo, mortototal, RIP. E o martes- por intentalo antes de mandalo de viaxe- démoslle ao power e velahí estaba: ¡Resucitado!. Quedamos tan abraiadas que dimos en pensar que iso da Bruxa do Campanario, ao mellor, é dicir, se cadra...

A escola colaborativa é unha característica de supervivencia intrínsica á escola unitaria. E esta colaboración funciona de xeito moi versátil adaptándose as diferentes situacións e necesidades.

Hoxe, supuxo que Merchi fotocopiara as fichas do conto de Carmiña, que Sita e María quedaran coa mestra ata que o traballo d@s nen@s estivo encarrilado, que @s ne@s falaran baixiño toda a mañán - casi- , que Karina se ocupara, á hora da saída, de lerlles en voz alta o conto de todos os días, que Rocío quedara encargada das chaves e abrir a escola pola tarde, Lurdes de ensaiar coas pandereteiras, e Fabiola de pasar pola casa da mestra, á noitiña, e darlle conta das novidades da tarde.

E funciona. Dou fe.

jueves, 22 de mayo de 2008

Carmiña Vacaloura e Carliños

Carliños en canto se sentou empezou a falar:
- Onte collín unha "caxxxxxa" na leña e ateina cun cordel e deixeina colgada da antena da tele e mañán vouna traer a escola e voucha botar e verás como escapas.
- ¿Unha que?.
- Unha "caxxxxxxa"
Como Carliños non o podía dicir millor, intentámolo polo método "científico":
- Descripción do obxecto, características,localización...e chegamos a:
cor: negra.
tamaño: indefinido.
localización: na leña.
características: ten cornos e voa.
¿Será un escornabois?. Chegou a nai de Iván e plantexámoslle o problema.
-¡É unha carroucha!- dixo de inmediato, e ampliou a descripción:
- Parece un escaravello xigante e negro se non fora pola cabeza con cornos.
Propuxen entón ir á Biblioteca a buscar nun libro de insectos pero esquecín que Carliños e un fan das "novas tecnoloxías".
- ¡Millor no Jujel!
E alí estaba: escornabois= vacaloura=carroucha.
Carliños, moi listo, decidíu que ao bicho que tiña na casa - igualiño que o da foto- íalle chamar vacaloura. Iso non o salvou de "traballar" carroucha, el e tod@s.
Xa pasara media mañán e as preguntas batían en min coma pedras:
-¿Que come?
-¿Onde vive?
-¿Ataca?
-¿Onde ten os ollos?
E eu con dous problemas:
a:hoxe tocaba " a viaxe en tren"
b:deste insecto, e de outros, sabía o nome e pouco máis.
Procedía chegar a un trato:
- Mañán "estudiamos" a vacaloura todo o día e hoxe rematamos de facer os traballos do tren ¿vale?
Pero a Carliños aínda lle quedaba unha:
- ¡ Falta mirar no "yutú"!
E apareceu Carmiña Vacaloura.


¿Quen pode contra isto?
Eu non.
E aquí estou, documentándome e preparando unha proposta de traballo para mañán e para a semana que ben, con Carmiña Vacaloura, grilos e insectos varios que mestra prevenida vale por un cento.

miércoles, 21 de mayo de 2008

O tren

Xa fomos a Pontevedra en tren e xa estamos de volta. Pero ¡como estamos!
Desfeitas,cheas de maniotas, agotadas,sen folgos....nós, que @ nen@s están como rosas.
E que a viaxe tiña a súa "complicación".
Eramos 15 nais,unha mestra, un pai, 20 nenas e nenos - dúas pequeniñas de meses-, mochilas grandes das nais,mochilas pequenas de cada nen@, carros, pañais,...
Collimos o tren para Vigo, corrimos para coller o tren que estaba esperando por nós para levarnos a Pontevedra- o revisor chamara para avisar que esperara que iamos con retraso- e por fin chegamos a Pontevedra. A estación de Pontevedra. Dende alí dando "un paseo" chegamos ata o centro onde Iria esperaba por nós na Fundación Caixagalicia- como somos de aldea confundímonos e fomos primeiro á de Caixanova, onde moi amables ofrecéronnos unha película-.
O obradoiro que Iria lles tiña preparado, un éxito TOTAL- gracias Iria-. O título pode asustar un pouco si non eres de Vide: " As culturas precolombinas amazónicas".Pero para nós, un chincho. A Brasil é a onde vai a Bruxa do Campanario de vacacións e o río Amazonas onde pesca a lamprea, como nós no Miño. Por iso cando Iria lles falou do enorme río de mil cores,dos homes e mulleres que pintaban o seu corpo e cazaban animais na selva, tod@s entenderon e escoitaron asombrados a historia do paxaro gurugú e o sapo da voz maravillosa, buscaron ras verdes- as venenosas-, paxaros e mouchos nas pezas de cerámica que Iria lles ía amosando e logo foron pintar o río Amazonas con mil cores, e pintaron o río, as mans, a cara e a roupa.
Comimos na Alameda - Rocío e Karina extenderon manteis e todo- e logo deixamos xogar a rapazada no parque mentras descansabamos nós un pouco.
Despois recollimos todo e outro "paseo" ata a Ponte da Barca onde baixamos ata o río Lerez. Falamos co río, contámoslle os poemas de Xosé María, vimos os pantaláns cos barcos e chegou a hora de regresar á estación de tren.Un paseo "enorme" pero esperábannos os xelados prometidos e a merenda no parque que hai ao pé dela. Aquí era para grabarnos. Os maiores derrengad@s e @ nen@s veña a saltar e brincar por todas partes. Ata nos deu tempo de cantar o noso repertorio mentras o tren non chegaba.
Pensabamos que ían quedar durmidos no tren, pero non, o que quedou durmido foi "o pai".
Ao pasar por Redondela a mestra fixo un feitizo para facer voar o tren, e funcionou, aínda que Lucía estaba empeñada en dicir : "mintireira, mintireira era unha ponte".

Só faltou que nos apagaran as luces nos túneis, como nos fixeran na viaxe de ida, para que o día- para eles- fose perfecto.

Hoxe en clase discutíase se o millor foran os xelados, os túneis a escuras,o río Lérez, o paxaro gurugú ou correr dende un tren a outro berrando: " espera por nós , espera por nós" arrastrando mochilas, carros e bebés. Non houbo acordo.

lunes, 19 de mayo de 2008

Detectives herboristas 4




Esta será a derradeira planta que @s detectives herboristas videnses teredes que descubrir. E de novo, sen pistas, pois parece que non as precisades.

A semana pasada non era doado descubrir que planta era , pero dúas superdetectives, Antía e Lara, deron con ela: o ourego

Xa sabedes onde atopar a ficha: AQUÍ

O día antes

DIARIO DA VEIGA

Hoxe pasou a mañán nun sospiro. Había presa ata no aire. Todas as conversacións ían e volvían á excursión de mañán:
- A miña nai díxome que temos que andar moitísimo- dicía Yoel.
- Eu son pequeniña e me canso- queixouse Saray.
- Pois eu -di Carliños- non me canso nada que levo o boi eu só e non pode conmigo.
Lucía, preocupada, recordoume:
- Tes que avisar a miña nai que leve o carro para Alba, que a miña irmá pesa moito e logo a miña nai dóelle a espalda.
E así toda a mañán.

Como estaban tan emocionad@s aproveitei para propoñerlles un traballo que non lles gusta NADA: limpar as herbas na veiga. Sacamos tres carretillas de herba, pero tamén Yoel encontrou un grilo e Carliños a flor do pepino.


Cando fomos a escribir no DIARIO DA VEIGA descubrimos que @s nen@s dunha escola de A Coruña, no Ceip José Cornide Saavedra, pintaron noites estreladas de Van Gogh, e estivemos a ver os fermosos cadros que fixeron.

Antes de marchar para casa deixámoslle unha nota á Bruxa do Campanario:

POR FAVOR, FAI UN FEITIZO DE DÍA SEN CHUVIA.

E outra para o Fantasma dos Ollos Azuis:

SE QUERES PODES VIR CON NÓS NO TREN.

domingo, 18 de mayo de 2008

Día das Letras Galegas


O pasado Xoves da Dúas, rematamos un fermoso cartaz adicado a "Colorín" e o "mapa" da viaxe a Pontevedra. Quedaron moi ben. O venres en clase fixemos outro cartaz cos poemas que lle contaremos o martes ao río Lérez e logo fixemos un "ensaio xeral".
Pero o millor do venres foi que @s ne@s lle ensinaron á mestra para que serven as novas tecnoloxías.
Dende hai un mes temos na aula un encerado "máxico", unha pizarra dixital coa que nos agasallou a Bruxa do Campanario/Consellería de Educación, e tod@s na escola aínda estamos a asombrarnos das infinitas e diferentes posibilidades de traballo que se nos abren.
Pois ben, estabamos na roda repasando o que sabíamos de Xosé Mª Álvarez Blázquez e da súa filla Colorín cando Lucía pregunta:
-¿E como se chamaba a nai?
Antes de que me dera tempo a contestar, Carliños berrou:
-¡Pregúntalle a Jujel!
E preguntamos.Entramos no Blog da Biblioteca do IES Río Miño (Rábade) e alí limos que se chamaba Mª Luisa, pero entón Yoel quixo saber si Colorín era o nome de "verdade". Houbo que buscar un pouco máis e dimos coa solución: o nome de "verdade" tamén era Mª Luísa.
Víu entón un relatorio de fill@s que tiñan o mesmo nome que a nai, o pai, ou curmáns, padriños....
Cando esmorecía o listado María que estaba mirando para o encerado decatouse que na páxina había unha foto que podía ser de Colorín e avisounos a tod@s:
-¡Aí está Colorín!
E tocou ver fotos.
Recordei que en Trafegando Ronseis había un vídeo coa voz do poeta, díxenlles si querían e entramos no blog a escoitar.
Cando nestas estabamos, Carliños, todo cheo de razón, vai e di:
- Pero bueno ¡iso é yutú!
Pois si, era un video de you tube. ¡Menudo dominio o de Carliños!
Señores de Telefónica, a ver se nos poñen dunha vez a funcionar o ADSL que estes nen@s de Vide están que ferven, e Carliños á cabeza.

-

miércoles, 14 de mayo de 2008

Cambio de plans

Mañán era o día da excursión en tren a Pontevedra. Era, porque a chuvia- mañán choverá, seguro- fíxonos refacer a programación da semana.
Xa non iremos mañán a levarlle ao río Lérez os poemas que as lampreas trouxeron polo Miño arriba ata Vide. Poemas que José María Álvarez Blazquez adicou á súa filla Colorín e que @s nen@s da escola levan unha semana aprendendo para poderllos cantar ao río Lérez.
Pois non será mañán, será o martes 20 cando nos acheguemos a Pontevedra e logo de traballar no obradoiro que na Fundación Caixagalicia nos teñen preparado, iremos como non, xunto ao Lérez, a levarlle recordos do Miño e contarlle:

Fuxe chuvia, fuxe sol,
fuxe roda de color
que a neniña quer brincar
coas areas do areal.

E tamén:

O coello vello
anda no cortello.
O galo ralo
rubiuse no valo,
i a galiña tiña
está na cociña.


Guiomar seguro que está ben contenta do cambio, pois agora, poderá ir con ela o seu pai e a súa nai. E tamén poderemos rematar o cartaz e facer o mapa da viaxe que o temos a medio facer.

E como quedamos en Vide, poderemos no Xoves de A Dúas preparar cos maiores da parroquia a actividade da semán que ven: a "Feira de libros de man en man" na que si ves cun libro ata a Biblioteca, poderás cambialo por outro en galego.

Estou a ver que como siga así vou rematar por darllelas gracias á señora chuvia.

lunes, 12 de mayo de 2008

Detectives herboristas 3



Si, a planta da semana pasada era a melisa. Pero chegou aos meus oídos que andan contando por aí, uns e unhas detectives moi chulit@s, que esta investigación esta "chupada", que si non fora polo do nome científico xa non tiñan que investigar nada, pois era tan fácil, tan fácil adiviñar as plantas das fotos e saber as súas aplicacións, que cando haxa que nomear @s gañador@s vai ser un lío porque TOD@S van ser medalla de ouro.
¡ja,ja,ja!
¡Non tedes nin idea do pérfida e malvada que pode ser esta Bibliotecaria!
Certo que estou ben sorprendida coas vosas respostas. Sabedes moito, e sabedes a quen preguntar e onde buscar. Iso está ben pero esta semana, por chulit@s, non hai pistas e dame a min que esta planta vai ser un "pouco" máis complicada de investigar,aínda que as vosas avoas seguro que saben onde atopala.

O prazo remata o venres, que o xoves estamos de excursión en Pontevedra, e a ficha atoparédela premendo AQUI

De volta

¡Xa estamos de volta! hoxe o ADSL rural, na nosa aldeatotal, ten a ben deixarnos a porta aberta para que poidamos entrar e ímolo aproveitar .

¿Que fixemos nestes días? ¡De todo!Vai un resume:
- O xoves, na tarde de A Dúas, como estaba mal tempo, mentras os máis pequenos vían unha película e "algún " maior fedellaba na pizarra dixital co google Earth- so pretexto de amosarnos o camiño que imos recorrer en tren o vindeiro xoves- as verdadeiramente traballadoras montamos un expositor e unha mesa que acababa de chegar para a Biblio.E digo eu, ás empresas distribuidoras de mobiliario educativo ¿quen lle dixo que @s das escolas nos gusta o bricolage?, ¿ ou é que pensan que nos ven ben algo de "traballo manual"?¿ será que dan por suposto que o noso e resolver puzles?. E poñia no catálogo: Fácil de montar...¿fácil?. Menos mal que ás de Vide estamos afeitas a "veña, entre todas" que si non, si chega a ser polas habilidades da mestra, a estas horas o que habería montado na biblioteca sería un cortello con tapadeira.
- O venres traballamos un pouco na veiga limpando herbas e "extasiándonos" coas leitugas tan divinas que temos. Os pementos nada, cada día temos un menos, pero o demáis vai indo. De todos os xeitos o mellor e máis variado son as herbas.
E pola noite fúmonos de cea. Esta vez foi en Areas: tortilla, churrasco e todo o repertorio de cantigas. Os da mesa do lado decidiron sumarse, que remedio lles quedou, pois entre as pandeiretas e Digna que non paraba de pedir¡outra, outra! fixemos unha boa festa, ao final ata se sumaron ós do furancho.
- O sábado o pai de David decidíu asumir as competencias do Concello, e visto que o patio tiña a herba tan alta como para xogar ás agachadas, e o niño de cobras que temos onda o buxo pode dar lugar a que a mestra queira dar clase no tellado da escola, co perigro subseguinte para o alumnado, decidíu, como dicía, agarrar a desbrozadora e pasar a tarde limpando o patio. E quedou o campo lustroso, pero.... no medio da herba foronse os xirasoles. Menos mal que Sandra chegou a tempo e salváronse os que tiñamos no recuncho das escaleiras.
De tódos os xeitos, o noso agradecemento TOTAL.
- E hoxe, luns, seguimos co traballo : os poemas de Xosé María Álvarez Blázquez, que os imos levar en tren ata Pontevedra o vindeiro xoves.

miércoles, 7 de mayo de 2008

Finalistas Premios Espiral 2008

Varios blogues de Bibliotecas escolares son finalistas do II Premio Espiral de Edublogs08. A todos os coñecemos de visitalos para coñecer o seu traballo. Son algunhas das ventás que abrimos para "que o mundo entre". Traballando nestes blogues, nestas biliotecas, están persoas coas que contamos e nas que nos apoiamos para levar adiante o traballo no noso blog e na nosa biblioteca: Loli, Isa, Bea...

¡¡¡¡¡Noraboa, noraboa, NORABOA!!!!!


- Blog da biblioteca do CEIP Fermín Bouza Brey. Ponteareas.
- Ceip Quintela-Moaña :Bibliotecadocole
- Biblioteca Mestres Goldar.Vigo: O recanto de Mik
- Blog da Biblioteca do IES de Fene: O Segrel do Penedo
- Biblioteca IES Alexandre Bóveda.Vigo
- Blogue de Anxo e Gracia: Trafegando ronseis

E tamén o noso agasallo a todas as compañeiras e compañeiros que día a día,"inmunes ao desalento" seguides abrindo ventás, portas e escadas dende as vosas bibliotecas e os vosos blogues.

martes, 6 de mayo de 2008

Tan, tarán ...

DIARIO DA VEIGA


Onte, en canto chegamos, fumos á veiga para ver que tal lle sentaran os días de sol con un pouco de chuvia. As leitugas e tomates están que hai que velos,¡enormes! e todo o demáis, menos os pementos, medrando. Os xirasoles medraran unha cuarta e a herba tamén, por iso hoxe o traballo era arrincar herbas.

Pero había poucas ganas de arrincar herbas, polo que ao pouco decidimos deixalo para mañán e hoxe, facer matemáticas na veiga.

E puxémonos a contar leitugas, tomates, calabacíns...Contamos todo o que se nos puxo por diante. Averiguamos si había máis calabacíns que pepinos, cantas leitugas máis que tomates, cantos xirasois grandes, cantos medianos.... ata que nos cansamos e volvimos á escola a escribir no blog da veiga e na pizarra dixital todos os números que recordábamos.

Logo descansamos escoitando a "Serenata nocturna" de Mozart, e acompañamos aos violíns cantando:

TAN,TARÁN
TARÁN TARÁN
TAN TAN
TAN, TARÁN
TARÁN TARÁN TAN TAN.

Hoxe, ¡por fin! ninguén se acordou do "Chiqui chiqui".

lunes, 5 de mayo de 2008

Detectives herboristas 2



Segunda semana e segunda planta para identificar. O xoves remata o prazo de entrega da ficha que podedes atopar premendo AQUI
A planta da semana pasada era a ruda e, despois de revisar as fichas que entregastes chegamos á conclusión de que en Vide hai "superdetectives herboristas", pois tod@s identificastes a planta e descubristes moitísimas aplicacións, tanto "máxicas" como medicinais. Noraboa.