lunes, 30 de junio de 2008

Excusión a Marcelle


O xoves pasado foi a excursión de fin de curso. Decidímos facela cando xa remataran as clases para que os nenos e nenas maiores que están con nós os xoves de A Dúas, poidesen acompañarnos. Alugamos un autobús e marchamos a Marcelle, en Lugo. Ao chegar alí,dividímonos en tres grupos: os máis pequenos, os medianos e os adultos, e cada grupo coa súa monitora ou monitor, pasou o día paseando polo parque, unha chea de hectareas á beira do Miño, onde cebras, muflóns,emures, linces, canguros...están en amplos cercados ou andan libres entre os carballos, moitos deles centenarios. Un lugar e un xeito diferente de achegarse aos animais e a natureza que pagou a pena visitar.

Miguel, o monitor do noso grupo estaba empeñado en convencernos de que non había Miño máis fermoso que aquel, nós calamos pero invitámolo a vir a Vide, onde o Miño rompe bravo contra as pesqueiras chamando aos nenos e nenas das dúas beiras, a portuguesa e a galega, a xuntarse con el nas augas mansas da Barxa ou do Coto de Severo, mentras Martín o vello vixía que non se acheguen ás pozas dos remuiños e lles aprende a escoitar como cantan as pedras bailando no fondo.

miércoles, 25 de junio de 2008

Fogueira de San Xoán


Son os nenos e nenas da escola quen todos os anos chaman a celebrar a festa de San Xoán cunha fogueira na Chan de Vide. E todos os anos coa axuda de tod@s, nenos e maiores, xuntase a leña, prepárase un moneco e facemos a fogueria e unha pequena festa á que cada quen leva "algo" para compartir: bizcoitos, galdrumadas, bebidas para pequenos e grandes...

Este ano tamén foi así, e o luns pola tarde xuntámonos na escola, cativos e maiores para facer o meco.Quedou feito un brazo de mar, e logo levámolo en chimpín ata o proxecto de fogueira. Alí o pai de Yoel pegou un chimpo, o pai de Antía botoulle unha man e.... o moneco quedou espetado no curuto da fogueira.

Ás doce en punto da noite prendémoslle lume e xogamos un pouco arredor dela.Era unha fogueria pequena pero ¡quen ben feita estaba! ¡e como ardía!. E logo empezou a festa. Había doces, refrescos e licores para tod@s, pandeiretas, gaitas e moitas ganas de cantar, bailar e pasalo ben. Ata un can achegouse onda nós e en canto soaba unha gaita....¡auuuuuu! ¡auuuuuuuuuuuu!¡como cantaba o demo do can!.
As gaitas soaron ata ben tarde e as pandeiretas non pararon de tocar. E cando rematou a "nosa" festa, comenzou a da mocedade: o torreiro da festa apareceu a mañá seguinte cheo de cancelas,pezas de carros e macetas.
¡Ah!e Estefania que tiña posto un ovo ao sereo,non deu adiviñado o futuro. Alí non se vía nada máis que un ovo. Pero eu, unha eficaz adiviñadora si que podo informar a todas as que se lavaron a cara coas herbas que lles espera un ano cun cutis...¡¡¡¡perfecto!!!!

viernes, 20 de junio de 2008

As herbas de San Xoán


Hoxe pola mañán saímos pola aldea a apañar as herbas de San Xoán e facer o cacho con elas.
Era mellor facelo o luns pola tarde, pero estaremos moi ocupad@s argallando un moneco para poñer no curuto da fogueira e procurando leña para arder nela.O luns pola mañán xuntarémonos na escola para preparar a festa: quen fai biscoitos, quen a queimada, quen pon a roupa para vestir o moneco..., iso contando que esta fin de semana, os rapaces maiores e os pais e nais cos tractores vaian a pola leña, que si non igual só temos fogueiriña, pero festa seguro que vai haber igual. Este ano ademáis das pandereteiras imos ter gaitier@s, e vai ser unha noite máxica total.

Pero, ademáis da fogueira, non podemos esquecer o cacho coas herbas de San Xoán, que poñeremos toda a noite nunha tina con agua para, pola mañanciña, lavar toda a familia a cara con elas, porque

a herba de San Xoán
limpa a cara de gráns

Apañamos romeu,herba luísa, fiuncho, loureiro, sabugueiro, estralote, fento macho, silveira, nogueira,xesta, hortelán e folla de figueira pero non dimos coa mais importante: a herba den sanxoán, a que espanta os demos.Fixemos o cacho igual e cada un levou o seu para casa.


Antonte estivo Sara, a avoa de Isaac, na escola a buscar a muda dunha cobra -¡¡¡enorme!!!- que Edorta e Isabel atoparon no camiño do cemiterio. Sara, que sabe moito de herbas e usa a muda das cobras para preprar un medicamento para os problemas na pel, quedouse un anaco falando con nós das herbas mediciñais e tamén da noite de San Xoán.
Contounos unha tradición que había en Vide hai anos e que agora só uns pouc@s vell@s recordan:
Na noite de San Xoán, cáscase un ovo ben fresco dentro dun vaso de auga e deixase toda a noite ao sereno, a poder ser enriba do tellado. Pola mañán vaise ver a imaxe que se formou, e por ela saberemos como nos vai ir o ano.
Paréceme a min que esa tradición ben a podemos recuperar porque, ovos frescos hainos e o saber non ocupa lugar. ¿Ou si?

domingo, 15 de junio de 2008

Hora de ler na Chan de Vide

DIARIO DA VEIGA


O xoves facía un día tan fermoso que decidimos ir comer o bocadillo e facer o recreo na Chan de Vide e de paso, facer ali a "Hora de Ler"
A "Hora de Ler" é un tempo - 10 minutos- diario, logo do recreo, no que nenos, nenas e mestra adican á lectura individual e silenciosa dun libro que escolleron e deixan preparado antes de sair, e como temos unha preciosa mochila viaxeira, enchímola cos libros para ler, e lévamola con nós.

Así que puxemos as puchas na cabeza, collimos os bocadillos, a mochila dos libros e marchamos.

Que ben se estaba alí, sentad@s na herba, á sombra dos carballos lendo!

Ao vir de volta, cando iamos no tramo da estrada, recordeilles que foran ben pola beira. Entón iniciouse unha conversa entre Erika e Marta que vos paso que contar:
- Claro, porque senón, ven un camión e mátanos- dixo Érika.
- E si nos matan morremos- contestou Marta.
- Si morremos ¿sabes que nos fan?, entérrannos. A miña tía Victoria morreu e meténonna nunha caixa que non se podía abrir e logo enterrarona. Porque iso é o que che pasa cando morres- explicou Érika.
- Pois a miña tía cando morreu foi ao ceo- dixo Marta.
- ¿E levou a caixa?- preguntou Érika toda interesada.
- Ai, iso non sei- contestou Marta sen darlle ningunha importancia.
E morreu a conversa.

martes, 10 de junio de 2008

Gaitas e libros


Onte inauguramos a "Biblioteca A2 da Casa da Auga" . As gaitas, pandereiretas e tamboriles, tocaron e tocaron e a Casa da Auga chea de xente.
Estabamos tod@s. Os nenos e nenas da Unitaria, @s de outros anos, nais, pais, avoas e avós....
Ao remate tortilla, empanada de Mónica e viño da "Nena".
Logo aínda quedamos a tocar a pandeireta e cantar unhas cantigas mentras Dina e a Nena bailaban.

Fallounos a internet rural, e a "documentación gráfica"
- Soraya:¡que fixeches!- berrei eu ¿desesperada?.
Karina mirou pra min, fixo un aceno coas mans e díxome:
-¡Ai filla! ¿que máis queres?.¡Temos tres fotos!.
E certamente, non quero nada máis.

O traballo está feito. Mañán quedamos na escola.

lunes, 9 de junio de 2008

A Biblioteca A2 na Casa da Auga



A Casa da Auga , propiedade d@s Comuneir@s da parroquia de Vide, alberga o Museu da Auga e funciona como privilexiado local social. Na Comisión de Biblioteca viñamos dende hai tempo dandolle voltas á idea de abrir nunha das súas sás unha sección para adult@s da Biblioteca A2, e por fin puxémonos mans á obra.
Hoxe pasamos a tarde ordenando os libros cos que comenzará a funcionar e mañán será a inauguración aproveitando a actuación do Grupo de gaitas e persusión da Escola de Música Municipal.
Comenzamos cunha selección de perto de 100 libros de narrativa actual, e esperamos ampliala pouco a pouco con novas seccións: historia, arte, medio ambente...
Queda moito por facer pero temos todo o verán por diante. E si as cousas van ben para o Setembro igual nos atrevemos cun Clube de Lectura.
Puxemos cartaces convocando ao acto, falamos coa xente.... e esperamos que mañán a Casa da Auga rebose de veciños e veciñas de Vide.

Un conto pola mañán para pola noite


Todos os días pola mañán,á hora de entrada, as nais e @s nen@s achéganse ata a Biblioteca a escoller o libro que van ler pola noite. Logo cada neno e nena, dille á Meiga da Biblioteca o seu número e o número do libro que escolleu para que o apunte no ordenador, e a súa nai levao para casa. Será o conto para ler pola noite.
Cando non veñen a escola porque están enfermos, non é raro que se achegue a nai a escola a buscar os libros "de pola noite".
Este préstamo diario de libros comenzou, como acontece moitas veces na Unitaria, de xeito casual.
Algunhas nais, ao comenzo do curso achegábanse á Biblioteca pola mañán a coller un libro para a noite e pouco a pouco tod@s @s nen@s foron "obrigando" ás súas nais/avoas a coller un libro tamén para eles. Tamén pouco a pouco comenzaron as discusións nai/fill@ sobre que libro levar. Agora as nais ,ou eu, "opinamos" pero poucas veces nos fan caso. O que falan entre eles sobre os libros que van levando, ou o seu desexo, conta máis que o que nós lles dicimos. Así, cando Érika quixo levar o libro de Mozart, con CD, a nai e máis eu mirámonos e pensamos: hoxe pola noite fracaso total. Pois non. Quedou co libro varios días porque "había moito que escoitar", e logo seguíu con Beethowen, con Rossini.... e Marta e David seguiron o seu exemplo.

Así é que agora empezamos o día botando unhas risas coas discusións mañanceiras.
A nai de Saray dicindo desesperada:
-¡Outra vez Cocorico!
A nai de Elena recorrendo a biblioteca trala filla dicíndolle:
- Pero Eleniña, este libro xa o sabes de memoria, ¿porque non colles outro?, e Elena nin caso.
Brais indo a deixar no andel o libro que colleu a súa nai e Merchi repetindo todos os días:
- ¡Mira Brais, fai o que queiras!
Porque o que nós "programamos" era que foran as nais, non eles, quen escolleran o libro . Pero claro, tamén eu tiña pensado que o sistema de préstamo ía funcionar cun libro á semana, e así nos vai: de sorpresa en sorpresa, superadas por uns nen@s de infantil empeñados en destrozar os "coñecementos previos".

miércoles, 4 de junio de 2008

Visita ao CEIP de As Neves


Onte eu e @s 5 alumnos e alumnas de 5 anos collimos o autobús escolar pola mañán e fumos pasar o día no CEIP de As Neves.O curso que ven será a "súa" escola.
O cambio de escala foi o que máis lles chamou a atención ao chegar:
- ¡Mi madriña, cantos pasillos!- dicía Lucía.
- ¡Cantas profesoras!- dicía Yoel.
- ¡Cantos campos de fútbol- dixo Iván.
- ¿E temos que subir todas estas escaleiras?- preguntaba María.
Guiomar mentras, calaba. A ela preocupáballe a comida.Pero a comida non foi problema. Había filetes de peituga de pito robozados acompañados de patacas fritas, e de postre...¡xelado!
Estiveron en clase de inglés, de informática, no polideportivo....atoparon as compañeiras e compañeiros do ano pasado, a veciñ@s e curmáns.
Cando chegou a hora da saída unha morea de nenos e nenas de infantil agardaban na entrada para ir coas súas mestras ata o autobús, no medio deles habían de estar os meus.¿Como localizalos?
Alcei a voz e moi seria, dixen:
- Por favor, as nenas e nenos máis intelixentes, educados e maravillosos que veñan onda min.
Cinco nenas e nenas saíron correndo e agarráronse a min berrando:¡nós! ¡nós!
Ben.Esta claro que están preparad@s para a nova escola.