lunes, 28 de abril de 2008

Tocando o piano con Edorta


¡Que maravilloso xeito de comenzar a semana!
Pola mañán fumos ata As Neves porque no auditorio, esperábanos Edorta co seu piano de cola.
Os nenos e as nenas estaban nervosos, levábamos unha semana preparándonos. Escoitaramos música de piano, puxeramoslle unha letra nosa a "Baby Mine" da película Dumbo para cantala, por suposto vimos a película, buscamos en internet imaxes de pianos e escoitamos como soaban, aprendimos a escribir PIANO, pero hoxe....¡hoxe tocaron o piano! e hoxe, ¡o pianista tocou só para eles!

Pasará o tempo e o que fixemos na escola pode que se esqueza pero dificilmente esquecerán o día no que Edorta lles ensinou a buscar o Do no piano, o día que cantaron mentras Edorta os acompañaba ao piano....e non digamos o "descomunal" rok que bailaron no escenario mentras Edorta tocaba.

Gracias Edorta por regalarlles aos nenos e nenas de Vide unha mañán inolvidable. E gracias ás nais por facelo posible poñendo o voso tempo , e os vosos coches, a disposición da escola.

domingo, 27 de abril de 2008

Detectives herboristas



Esta é a planta que hai que identificar esta semana. O prazo esta vez remata o mércores pola tarde, pois o xoves é festivo.

Para ver a ficha preme AQUÍ
Unha pista de regalo: o xoves, logo do paseo, houbo quen dixo que estaría ben restregar con esta planta as escaleiras da Unitaria para que o niño de serpes que seica hai no sotarrego non suban, e así non se "espante " a mestra.

jueves, 24 de abril de 2008

Xoves da Dúas


Chegou o sol e A Biblioteca A Dúas marchou a pasear por Vide.Fomos escribindo os nomes dos lugares polos que pasabamos: Xestosa, O Cristo, Souto, Xestal, Requeixo, Quinta,Porteliña, A Chan, Chan de Vide. Aquí, na carballeira paramos a descansar, tomar a merenda e ler un libro: Bruxas e Fantasmas de Vide.

En Vide, moitas personas, sobre todo as avoas, coñecen e utilizan herbas medicinais que recollen ou cultivan. O noso paseo de hoxe aproveitámolo tamén para ir recollendo e identificando as " herbas" que atopamos polo camiño: mentas, xarxa, romeu, loureiro, sabugueiro, nébeda, fiuncho,dente de león, parietaria, estralote,ourego, herbaluísa....e fomos parando nas fontes, lavadeiros e pozas de rego: na fonte dos Mexóns, co seu lavadeiro, na de A Canliña con poza, na de Escudeiro con pozo e lavadeiro...


E maiores e pequen@s quedaron emprazad@s para participar na "Olimpiada de Detectives Herboristas".Todos os luns ,ata Xuño, aparecerán carteis coa foto dunha das herbas que hoxe recollimos.Teñen de prazo ata o seguinte xoves, na tarde de "A Dúas", para averiguar o seu nome, onde se pode atopar e a súa aplicación.Dous premios para @s ganador@s: Unha mochila e un cheque para gastar na librería. Coas fichas,faremos un libro para a Biblioteca.

De regreso na escola aínda quedamos alí un bo rato. Estábase ben a gusto sentadas nas escaleiras de pedra botando unhas risas, falando e mirando @s nen@s xogar mentras caía a tarde.

miércoles, 23 de abril de 2008

Yoel e Marta

Pola mañán,un pouco antes de sair ó recreo, Yoel e Marta pelexaron. Separeinos e leveinos fora.
Preguntei con voz e cara de "mala malísima":
-¿Queee pasouuuu?
E Yoel, moi nervoso, vai e contestame:
- Profe, e que Marta non sabe resolver os problemas.
- ¿Queee?, dixen eu, sin dar creto ó que oía.
- Deixame falar- di Yoel- que eu che explico. Carliños e Iván andaban a tirarlle das tiras da camiseta a Marta, e eu, como son os meus amigos tamén lle tirei, pero Marta en vez de falar conmigo, e dicirme que non llo fixera nunca máis,vai e báteme.Eu só me defendía, non lle quería bater. E ademáis lle dicía. "Marta non me batas, fala conmigo".¿Entendes profe?. A culpa toda foi de Marta. Si ela falara conmigo en vez de baterme, eu lle pedía perdón e lle dicía que non llo ía facer nunca máis e solucionábamos.
Eu, mantiña a cara de "mala málísima" a duras penas, e entón vai Marta e dí:
- E que a min se me esqueceu falar porque xa me estaban fastidiando.
-¿Ves profe?- di Yoel entusiasmado- ¡é ela!, ¡é ela que non sabe solucionar, solo sabe bater!
E Marta sen inmutarse, impasible o ademán, dille:
- Si, pero batinche amodiño,que nin choraches nin nada.Así que non te queixes.

Eu xa non sabía por onde sair.

Collín a cada un por separado e solteilles unha conferencia- media hora discutindo con Yoel que non daba o brazo a torcer- e deixeinos sós "solucionando".

¡Ah!pero falaron, déronse un bico e unha apreta e cando Yoel xa baixaba as escaleiras, mira para min e dime:

-¿Ves profe, como había que falar?

¡Agggggggg! ¡ Pitu, por favor, venme dar outro "curselo"!

Ollos morados. O libro.

Hoxe é o Día do Libro, e en Edicions Unitariadevide pasamos o día facendo libros. Cada neno e cada nena fixo o seu propio libro co conto que Érika nos contou onte.
Mañán os encuadernamos e levarano para a biblioteca da súa casa.



martes, 22 de abril de 2008

Ollos morados

Hoxe estabamos no Contacontos contando historias, cando Erika pedíu a palabra.

Contounos unha historia tan bonita que decidimos escribila, e mañán, que é o Día do Libro, traballar con ela para facer un novo libro para A Dúas. Seguro que ademáis poderemos facer cartaces, unha obriña de teatro e ata unha cantiga.

Esta é a historia que nos contou Érika:

- ONTE POLA NOITE O FANTASMA DOS OLLOS AZUIS ESTIVO NA MIÑA CASA, E ESTIVEMOS OS DOUS MIRANDO A TELE.

EU ESTABA SENTADA NO SOFÁ GRANDE. O FANTASMA ESTABA SENTADO AO MEU LADO.

CHEGOU O MEU PAI E COMO NON VÍU AO FANTASMA, SENTÓUSELLE ENRIBA.

METEULLE UN COTOVELO NUN OLLO.

AGORA O FANTASMA DOS OLLOS AZUIS TEN UN OLLO MORADO.

Preciosa historia ¿verdade?, ademáis con moito "aquel"

Dramatizar o "suceso" foi inmediato. Por suposto Erika sempre fixo de Erika e só quedaron dúas presonaxes para ir rotando: o fantasma e o pai. Carliños desesperado porque non lle daba tocado chegou a ofrecerse para facer de sofá- ¡ía en serio!-

Converter a cor azul en morada foi doado sobre todo cando Lucía nos explicou a fórmula:

AZUL + SAGUE = MORADO.

¡Vaites con Lucía!

Escribir, ler, debuxar, buscar na Biblio.... non será problema, pero facer a cantiga, non sei, dame que o vou ter complicado.

E que levamos dúas semanas que fora do "chiqui chiqui" non existe nada que lles page a pena. ¡E como bailan! ¡E como cantan!

Uno, el bikivan
dous, el curaito
tres, el mikelaso.....

lunes, 21 de abril de 2008

A veiga asulagada

Diario da Veiga

Choveu tanto que a nosa veiga quedou toda asulagada.
Hoxe a terra xa se bebera case toda a auga e fomos ver como quedaran as nosas plantas.

Moitas leitugas e berenxenas estaban enterradas e algúns pementos doblaron, pero os calbacíns, os tomates e as couves resistiron todos dereitiños. Os xirasois aproveitaron tanta auga para brotar por todas partes e o augacate que plantamos o curso pasado, aínda que coas follas un pouco feridas, aguantou.

Mándámoslle aviso á Bruxa do Campanario para que vaia compoñendo un feitizo de cuidado para a veiga, que boa falta lle fai.


domingo, 20 de abril de 2008

O Fantasma dos Ollos Azuis


A Unitaria de Vide é moi velliña, construíronna a comenzos do século XX cos cartos que dende Brasil mandaron os viciños que alá estaban emigrados.
E como todo o mundo sabe, aos fantasmas góstanlles as casas velliñas.

Pero tardamos moito en enterarnos de que na Unitaria de Vide, ás veces, vivía un fantasma.

Dende sempre pasaban cousas extranas: tremaban as ventás, a porta abríase sóa, os papeis saían voando, os cartaces caían ó chan, marchaba a luz... e un día, hai moito tempo, decidimos escreber unha carta á Bruxa do Campanario, que daquela estaba de vacacións no Brasil. Ao pouco, ao chegar pola mañán atopamos unha nota . Dicía:

NON VOS PREOCUPEDES. É UN FANTASMA AMIGO MEU. XA FALEI CON EL E NON PRETENDE ASUSTARVOS.SÓ QUERE SER O VOSO AMIGO.CUIDA DA ESCOLA E MÁNDAME AVISO CANDO PASA ALGO.

¿Un fantasma?. ¡Un fantasma!

¡Menudo follón se montou!Pero Isaac, un neno que agora xa é un maior, comenzou a falar e dixo:

- Eu xa sabía que había un fantasma. Unha vez falei con el no cuberto da casa da miña avoa. Non se pode ver ben porque é invisible,pero eu sabía un feitizo, que agora non me acordo, e puiden velo un pouquiño. Ten os ollos azuis e estaba un pouco triste porque non tiña amigos-.

Carla dixo entón que ela tamén o vira un día na porta da cociña da súa casa, e que si, que tiña os ollos azuis.

Dende ese día,sabemos que temos un novo amigo. Chamámoslle O Fantasma dos Ollos Azuis, e cando a porta da escola se abre sóa, non nos asustamos porque sabemos que é o noso amigo que quere xogar. Si estamos acupados dicímoslle:
-!Fantasma dos Ollos Azuis, vai dar unha volta, que estamos traballando e agora non podemos xogar contigo!
Pero outras veces saimos ao patio e xogamos con el. Semella que é o vento, pero nós sabemos que é o fantasma dos ollos azuis xogando con nós.

miércoles, 16 de abril de 2008

A Bruxa da Cova de Enfrente

Diario da veiga


Se estás no patio da escola e miras para o sur, verás unhas enormes montañas. Na máis alta, que parece que se xunta co ceo inzada de muiños de vento, hai unha cova moi profunda.

Nesa cova vive unha bruxa: a Bruxa da Cova de Enfrente.


É unha bruxa vixiadora que se senta nun banco á porta da súa cova para ollar ao lonxe e enterarse de todo o que pasa en Vide e en Portugal.

O problema é que esta bruxa non é boa.É unha bruxa malvada que gosta de facer malfeitizos, sempre enfurruñada e rosmando.

Antes, tiñamos medo dela, pero a Bruxa do Campanario contounos un segredo: cando a Bruxa da Cova de enfrente escoita rir aos nenos e ás nenas, empeza a doerlle a cabeza e tense que meter na cama ¡tres días!, e como a súa cama esta no fondo máis fondo da cova, neses tres días non se entera de nada do que acontece en Vide nin en Portugal.

Claro que a Bruxa da Cova de Enfrente, como sabe que coñecemos o seu segredo, fai malfeitizos para que os nenos e as nenas non teñan ganas de rir.

Hai un malfeitizo destes, que o manda polo vento sempre que pode ata a escola, e ás veces lle funciona. Con ese malfeitizo, aos nenos e nenas éntranlle ganas de meterse o mandilón na boca, ou ós botóns, ou a plastilina, e así pódenlle sair pupas na boca, ou doerlle a barriga, e logo non teñen ganas de rir.Pero agora, que xa o sabemos, cando notamos que está chegando o malfeitizo, avisámonos uns aos outros, aguantamos as ganas e.... poñémonos a rir, para que a bruxa se teña que ir para cama outros tres días.

Outras veces fai o malfeitizo "bate non fales".Ese si que é un malfeitizo malísimo. Os nenos e as nenas esquecen que poden falar para resolver os problemas e baten uns nos outros, ou se empurran, ou se berran, e logo póñense tristes e choran. A bruxa do Campanario tivo que facer un feitizo especial para combatelo, e todos os nenos e as nenas, e ata as nais e os pais e as avoas, aprendémolo . É o feitizo "fala que podes" e funciona así: se tes un problema con alguén, porque che magoou, ou che colleu a silla, por exemplo, vas onda el e lle explicas que che doeu, ou che molestou o que che fixo. Entón, tenche que pedir perdón e dicirche que non cho vai a facer NUNCA MÁIS, vos dades unha apreta moi forte, un bico e...¡xa está solucionado o problema!. É moi importante seguir TODOS os pasos para que funcione ben.

A Bruxa da Cova de Enfrente ten que estar aborrecida cos nenos e nenas da Unitaria. Eles a rir e a bruxa ¡a durmir!.

lunes, 14 de abril de 2008

A Bruxa do Campanario

Hoxe, como estamos en ABRIL LIBROS MIL, decidimos comenzar a facer un libro para a Biblioteca . Un libro de seres máxicos. Uns son amigos nosos, outros non tanto. Pero é importante coñecelos a todos porque si andas por Vide ou pola escola, podes atopalos.


A Bruxa do Campanario é a máis importante, e vai ir na primeira páxina.
Fixemos moitas “fotos “ dela, pero escollimos a que fixo Iván , porque saíu moi guapa.

A Bruxa do Campanario vive no campanario da igrexa de Santa María de Vide.
É unha bruxa sabia e xenerosa. Sabe miles de feitizos, pero os mellores son os “feitizos para cuidar” e os feitizos para “resolver problemas”. Tamén están os “feizos sorpresa” que dan alegría e fan rir.
Si marcha de viaxe, a Brasil por ejemplo, deixa os feitizos pegados nas campás, e cando Edu, que é o encargado, ponse a tocar as campás, os feitizos se soltan e comenzan a funcionar.
Si as campás din:
Don, don, don….. saen os feitizos de cuidado.
Pero si din:
Talán, talán
Talán, talán…..os que saen son os feitizos para resolver problemas.
Os feitizos sorpresa saen cando as campás soan así:
Tántalan, tántalan,
Tántalan , tántalan….

O ano pasado David, que aínda era pequeño, non podía dormir porque había un monstruo no pasillo da súa casa. A Bruxa do Campanario ensinounos un feitizo e axudounos a resolver o problema.

Si un neno ou unha nena berra moi alto: ¡¡¡¡BRUXA DO CAMPANARIO!!! e logo da tres palmadas, o monstruo queda pechado no “Castelo das nubes de lonxe”, de onde non poden sair ata que se fan bos e prometen non dar sustos nunca maís.

Cando os maiores que xogaban ao fútbol romperon o freixo do patio, a Bruxa do Campanario fixo un feitizo de cuidado e tod@s poidemos ver como o freixo se recuperaba. Tamén cando imos de paseo levamos un feitizo de cuidado para que os camións da mina se aparten de nós. Este feitizo só funciona se imos pola beiriña da estrada.

E a Bruxa danos moitísimos feitizos sorpresa. O tobogán, a casiña, o xogo das pistas cando as acampadas de verán, o video…..Noemí e Lucía din que a Biblioteca A Dúas, foi un feitizo sorpresa da Bruxa do Campanario. ¿Será posible?.

domingo, 13 de abril de 2008

Videblogueiros

Diario da veiga

Esta foi unha fin de semana intensa.
O venres pola tarde Darío, que xa vai en quinto de Primaria, inaugurou o seu blog:Dous en Vide. É un proxecto que vai levar con Adrián, o su amigo.Estiveron toda a tarde dándolle voltas e "programando".
O sábado o pai de Marta instalounos o encerado dixital na aula.Agora só falta que a mestra aprenda axiña a "funcionalo"- esta nelo, está nelo-.
Pola noite, todas as pandereteiras , mulleres e nenas, fomos ó serán de Angudes e , como sempre, pasámolo moi ben cantando tocando e bailando.Entre unha cantiga e outra falamos de Darío e Adrián e acordamos que o vindeiro "Xoves de A Dúas", haberá película para os máis pequenos e para os maiores un "obradoiro blogueiro".

Por algo din que:

....somos as de Vide
o sol do condado....


Eu mentras, collo a pandeireta e cantolles:

"Axudaime compañeiras
botademe unha axudiña
que non me podo axurade
desta miña gargantiña"

jueves, 10 de abril de 2008

Parabens a você

Hoxe pola tarde celebramos o cumpreanos da nosa biblioteca. A Dúas cumpríu un ano.E celebrámolo por todo o alto.Como sabíamos que lle gusta moito a maxia- ten unha amiga MEIGA para levar a conta dos libros- xogamos con ela a facer maxia, e un amigo seu, o mago Tino, fíxonos maxia "on line".
Houbo moitos regalos: cartaces feitos con patatas máxicas, libros,o CD da Señora Carmen, bizcoitos, un proxector.... As pandereteiras tocáron para ela, e sopramos a súa vela nunha ENORME tarta de chocolate.
E tod@s, nais,pequen@s e maiores cantámoslle a cantiga de aniversario que nos ensinou o pai de Yoel e Noemí:


Parabens a você,
nesta data querida
moitas felicidades
moitos anos de vida.

Hoje é día de festa
cantam às nossas almas
para a menina A Dúas
uma salva de palmas

miércoles, 9 de abril de 2008

amistosas leitugas


Diario da veiga

Hoxe, entre as leitugas plantamos tomates cherry e couves.Aproveitamos que as nubes se apartaron un pouquiño para poñernos as botas e sair correndo á veiga.
As leitugas son unhas plantas ás que non lle importa compartir o seu terreno con outras plantas, e ademáis como son as primeiras e sair e en ser recollidas,non lle quitan o sol nin o alimento á súas amigas.

Ó rematar o traballo as botas estaban cheas de lama e fumos lavalas ás pozas de auga de chuvia que había diante da escola.As botas quedaron brillantes, a roupa non tanto. Pero..o que nos rimos!

lunes, 7 de abril de 2008

¡que frío!

Diario da Veiga


Aínda que hoxe @s nen@s opinaron que facía moito frío para sair á veiga, a mestra contoulles o conto dunhas leituguiñas que estaban nun balde listas para plantar dende o venres, e "chegouse" a conclusión de que había que plantalas XA.
Pero non querían nin poñer as botas da veiga. María, a nai de María José axudounos a facer os regos para poder rematar máis axiña.
Mentras traballaban ían fungando:¡que frio!,¡que frío!

Cando logo fixemos a lista de palabras, frío foi a primeira.

FRÍO, REGO, ESTERCO.
LEITUGA, TERRA, APRETAR.

UN REGO, DOUS REGOS, TRES REGOS.

E saíunos un xogo.

Menos mal que xogando a un rego, dous regos, tres regos esqueceron un pouco que hoxe era o día que non querían ir traballar á veiga.

Pero eu sei que non era o frío o problema.

Era que a mestra non se enterou de que o venres pasado houbo circo en As Neves e hoxe tiña que ser o día, a semana, do CIRCO, non das leitugas.

miércoles, 2 de abril de 2008

O diario da veiga



Onte inauguramos un novo blog, O Diario da veiga e colocamos o enlace na barra lateral

Este blog escríbeno as nenas e nenos, contando o seu traballo na veiga.
E facemos asi:
Antes de sair a traballar falamos do que imos facer ese día e como o faremos.
Cando estamos traballando fora, sacamos algunha fotografía.
Logo na escola, entre tod@s construímos o texto e Sabela escríbeo nun cartaz.
As tres persoas que lle toque ese día- temos unha lista coas quendas- copian no blog o texto.
Mentras , os demáis, vemos no ordenador as fotogradías e escollemos as que imos poñer.
Sabela se encarga de subir as fotos e correxir o texto máis tarde.
O día seguinte, á entrada, nen@s e nais abrimos o blog e nos felicitamos polo ben que quedou.