miércoles, 30 de septiembre de 2009

APAÑANDO O MILLO


Estes días andivemos a pasear pola parroquia para ver os campos de millo. Moitos xa estaban apañados e só quedaban os cañotos.
Outros estaban a medio apañar e aínda había algúns nos que non empezaran a traballar.
Entre o millo, nalgúns campos, tiñan plantado cocos e feixóns.

Nós decidimos apañar xa o millo da nosa pequena veiga .

Non escochamos, senón que apañamos as espigas coas follas e levámolas para escola para desfollatar
con cuidado pois temos pensado facer co follato
monecas de millo.
Outro día cortaremos a palla, que aínda ten o pendón, e faremos con ela unha meda.
Logo hai que debrullar as espigas para poñer os graos de millo a secar, pois habémolos de levar ao muíño de Nené para facer unha muiñada.
Os carozos gardarémolos, que fan moi boa brasa.
E virá Isabel á escola para ensinarnos a facer unha bola.
Tamén iremos ver o canastro da avoa de Elena, que seica está cheíño de millo.

O que vaiamos aprendendo irémolo compartindo con vós.

martes, 29 de septiembre de 2009

Editorial Unitariadevide

Hoxe rematamos de compoñer un novo libro para a biblioteca da Editorial Unitaria de Vide, co traballo feito cos Tomates.

Cada un levou o seu para casa, e cunha mestura de todos fixemos o libro que, coma sempre, quedará na Biblioteca A2

Velahí vai:

martes, 22 de septiembre de 2009

Marmelada de tomate



Os tomates pódense comer crús, moi ricos e refrescantes , restregados no pan cun pouquiño de aceite, deliciosos, pero tamén poden cociñarse.

Nós fixemos marmelada de tomate.
É moi doada de facer e está
RIQUÍSIMA

Se botas a marmelada de tomate por riba dun pouco de queixo fresco comprobarás que o seu sabor é
EXQUISITO.



Para facer a marmelada colles 1 k de tomat
es ben maduros e tritúraos, incorporas 750 grs de azucre, zume de limón e un chisco de canela. Coces a lume lento 50 minutos, deixas enfriar e ¡¡¡listo!!!.

domingo, 20 de septiembre de 2009

TOMATEMATICOS

Os tomates cherry están tan ben preparados para as matemáticas que decidimos cambiarlles o nome por TOMATEMÁTICOS

O seu tamaño de cereixa, a súa cor vermella , a súa forma redonda, a súa textura suave e lisa permitenos realizar con eles as máis elaboradas operacións matemáticas sen cansarnos.




Ordenar.
Contar.
Comparar.
Seriar.
Facer rodar.
Alinear.
Cortar.
Xuntar.
Quitar.
Representar.



E si nos cansamos, sempre podemos ir comendo un que outro para xuntar forzas.

sábado, 19 de septiembre de 2009

TOMATES


Ainda que o curso pasado adicamos a veiga da escola ás leitugas, tamén plantamos uns poucos tomates cherry que nos regalaron cando fomos visitar o CIFP A Granxa , ademáis de converter o fondo do patio nun campiño onde sementamos millo para agora, de volta das vacacións, recoller as espigas, esfollalas, cortar a palla, facer as medas, ir ao muiño.....

Pero esta vez o millo ten que esperar porque no medio da herba que alagou toda a horta nestes dous meses, ramos de boliñas vermellas brilaban chamando por nós.

Eran os tomates cherry, que soliños, sen auga, sen podar, sen titor, sen nada, resistiron bravamente todo o verán e subindo pola lavanda, polas leitugas saídas, pola herba ou pola xarxa sobreviviron fermosos, sans, e tan brilantes que parecían berrar :¡¡¡ aquí estou, cólleme, cólleme!!!

E collímolos.

Pensaredes que estou choucha, pero a min deume que eses tomatiños falaban conmigo e dicíanme: ¿ves?¡somos tomates cherry galegos!

Así que o millo vai esperar unha semana máis.

¿E que podíamos facer cos tomates ademáis de comelos?

Como sempre fomos a Biblioteca na procura de información, pero ela, coma nós, non tiña nada pensado para tomates, así que lle deixamos un recado para que buscara "polo mundo adiante" información e nos fixera propostas.

Mentras esperábamos, tocamos os tomates, contamos tomates, xogamos cos tomates facendo circulos, lineas.. fixemos carreiras de tomates, puxémolos por tamaños, pintamos tomates , falamos dos tomates, escribimos TOMATE, modelamos tomates... ¡ o que se pode facer nunha escola cuns poucos de tomates antes de comelos!

Agora, xa a nosa Biblioteca preparou un cartaz cos lugares onde podemos atopar información e outras novas actividades, só temos que clicar e listo:

- Información sobre os tomates.

- Información sobre os tomates cherry

-De onde ven a palabra tomate.

- Video de tomates

- Canción de tomates

- Facer marmelada de tomates

- Tomates recheos

- Xogo on line de tomates

- Tomates para pintar e imprimir.

E xa estamos clicando e proxectando na pizarra dixital a información e os videos .

Á cantiga dos tomates puxémoslle outra letra, porque está nun dialecto do francés que se chama ch´ti, que falan en Port-Pas-de - Calais.

Aquí vai o video por se queredes aprendela. Nós só cantamoso o retrouso e con esta letra:

Eu collín un tomate, un tomate, un tomate,
Vouno comer sabe moi ben,
e ten vitamina C,

Eu collín dous tomates...




martes, 8 de septiembre de 2009

Galicia Bilingüe

¿Comentei algunha vez que @s neno@s de Vide son galegofalantes? Pois ben, era o sábado pola tarde e estabamos na praia de Santa Marta de Liméns. @s ne@s xogaban na area. Perto deles outro neno, duns sete anos xogaba só facendo un pozo. Os nosos fóronse achegando e ao fin estaban todos sentados xuntos facendo unha poza na area. Suso, o pai de Lucía, que viñera visitarnos, foi onda eles e preguntou ao neno de fora.

- E ti, ¿ de onde eres?
- ¿Yo?. Yo soy de Orense y estos son extranjeros.

Extranxeiros na súa terra.

domingo, 6 de septiembre de 2009

Santa Marta de Liméns

¡Que boísima idea irnos xunt@s nen@s, nais e mestra de acampada!. Ao final foron tres días, non dous, porque o lugar o merecía e sobre todo mereciamolo nós.

E voltamos contentas de ter ido,cunha morea de historias que recordar, moreniiiiiisimas e, por mor das cociñeiras, cuns quiliños de máis que nos sentan de maravilla. E @s nen@s a pedir:
-¡Por fa, un día máis......!

E eu, que dicir. Con estas nais e avoas e con estes nenos e nenas son a mestra con máis sorte do mundo.

E por suposto, gracias Charo pola túa xenerosidade.

martes, 1 de septiembre de 2009

Chegamos e.........¡¡¡¡¡¡marchamos!!!!!!


E aquí estamos de volta logo dun verán ben movido. Fixemos a acampada de verán no patio da escola, fomos andando a San Fins, a San Nomedio, á Franqueira... bailamos e tocamos na tractorada logo de recorrer toda a parroquia cos tractores probando o viño, repetimos festa coas gaitas e as pandeiretas en Mirenciños na festa do carneiro....en fin, menos mal que rematou o verán que senón o verán ía rematar con nós.


Xa estabamos praparadas para comenzar un novo curso sereo e tranquilo cando Charo, a nai de Dimas,vai e fainos unha proposta:

-¿E porque non imos pasar dous días nunha finca que eu teño na praia?

- ¿QUEEEEEEE?

- Non está moi lonxe, está en Cangas, na praia de Santa Marta de Liméns. Sería un xeito diferente de empezar o curso. E seguro que para @s nen@s sería unha boa experiencia. E ademáis xa están afeitos a ir de acampada. E tamén está a casa a vosa disposición. Unha boa data sería o 3 e o 4 de setembro. ¿Que vos parece?

- ¿Que que nos parece??????

¡¡¡¡¡ORGHANISASIÓN!!!!!!!

1-¿ Que nen@s levamos? : Alumnado e ex-alumnado menor de 8 anos: 18 apuntados
2-¿Cantas nais poden acompañar? : Seis nais e dúas avoas.
3-¿Cantos coches para a viaxe?: Seis coches. Xusto.
4- ¿Tendas de campaña, sacos de durmir..? :Temos de todo.

5- ¿Cando marchamos? . Saímos da escola o xoves, 3 de setembro ás 10 da mañán. De volta o venres, 4 de setembro á noitiña.

6- ¿Algo máis?. Si. As nais/avoas ocúpanse da intendencia e a mestra, eu, da programación e das actividades cos cativ@s.

Pois xa está todo.

Aínda non chegamos e xa nos estamos indo.

PD. Díxome un paxariño que Fabiola quere vir con nós, ela e mailo pequeno Xaime que xa ten ¡un mes e máis algúns días!. Seica xa ten todo preparado.