Mostrando entradas con la etiqueta magosto. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta magosto. Mostrar todas las entradas

viernes, 31 de octubre de 2014

SAMAÍN MATEMÁTICO

Quedamos en que este é un curso matemático non?, pois entón tamén o  Samaín  e o magosto son matemáticos.

Ademais de facer series coas castañas e landras, ordenar os cocos, agrupar as castañas e as landras, calcular que coco pesaba máis.... en fin , todo o que se nos ocurríu, fixemos unhas fichas " de avaliación matemática" para os libros do samaín:










jueves, 30 de octubre de 2014

Chega o Samaín

Como imos facer unha FESTA na Casa da Auga para celebrar o Samaín e o Magosto, con todos os nenos e nenas e veciños de Vide, para non perdernos no rebumbio, decidimos facer un "obradoriño" de caveiras e un Magostiño hoxe na escola "só para pequeniños".
Menos usar o coitelo para cortar os cocos, todo o demais o fixeron os nenos e as nenas: ir a apañar castañas, escollelas, preparar as candeas, asar as castañas, comelas......todo!
Como antes pintaramos as caras, parecímaos uns "mortos vivientes", e ata o carteiro asustouse de nós- antes de que o invitaramos a castañas-.


jueves, 21 de noviembre de 2013

Máis de Magosto

De cando a Festa do Magosto e Samaín quedárannos castañas e candeas, asi que , a semana pasada decidimos seguir tamén  de Magosto porque

"polo san Martiño, vai ve-lo teu soutiño" que

"as castañas si despois do san Martiño quedan no souto son do moucho", e "castañas no Nadal saben ben e parten mal"

de xeito que:


Xogamos:
 
- Como te chamas?
- Comecastañas
- Eu a como e ti as apañas

Ou ben:

- Como te chamas?
- Comecastañas.
-  E de apelido?
- Caldo cocido

Cantamos:

Non chas quero , non chas quero
castañas do teu magosto.
Non chas quero, non chas quero,
que me cheiran ao chamosco.


Mociñas de aló arriba
vídevos ó fiadeiro
que vos hei de dar castañas
cando eu sexa castiñeiro



Santo que estás no canizo
bota castañas embaixo
que anque non teño mandil
acadochas no refaixo




A castaña no ourizo
quixo rir e reventou
caeu do castaño embaixo
mira ti o que gañou
.



E logo.... outro  MAGOSTIÑO!!!



 














 Pero esquecimos que:

" Non te fíes das castañas asadas, se estoupan, sáltanche á cara".

E saltaron.
 


 



viernes, 18 de octubre de 2013

Magostiño

Como tiñamos as castañas que fomos apañar o outro día decidimos facer un magosto pequeniño, un MAGOSTIÑO, só para nós, no patio da escola.

Fomos apañar candeas e puxémonos ao labor. Apresa, que o ceo estaba tinguido de nubeiros de chumbo e non queríamos que nos pillara a chuvia.

As castañas asáronse e démonos unha enchenta con elas.

Mentras, fora, chovía e chovía.... e nós quentiños comendo castañas asadas.

E  rematamos facendo a lista coas 10 cousas  que hai que facer para ter un Magostiño:

- 1 APAÑAR CASTAÑAS
- 2 APAÑAR CANDEAS
- 3 EXTENDER AS CANDEAS NO CHAN
- 4 BOTAR AS CASTAÑAS NO MEDIO
- 5 TAPALAS CON MÁIS CANDEAS
- 6 PRENDERLLE LUME
- 7 ESPERAR A QUE SE CONSUMA
- 8 RECOLLER AS CASTAÑAS ASADAS
- 9 TAPALAS CUNHA VERZA.
- 10 e.. COMELAS!


sábado, 27 de octubre de 2012

Samaín e Magosto

Tiñamos pensada a festa do Samaín para a tarde do vindeiro mércores, no seu día, pero na Asociación Vidense xa tiñan preparada unha Festa do Magosto para o domingo pola tarde e ao final decidimos unir Magosto e Samaín nunha sóa celebración de toda a parroquia, así que mañán domingo, ás 5 da tarde, a Biblioteca A2 da Unitaria de Vide e a Asociación Cultural Vidense convocan a todos os veciños videnses, nenas, nenos e maiores a unha Festa Popular  na Casa da Auga  do Samaín e Magosto.
Haberá obradoiro de caveiras e maquillaxe, xogos e castañas, chourizos e por suposto cantos. As pandereteiras e pandereteiros pequenos, ós que chamamos Saíñas, terán unha actuación estelar, que despois de estrenarse no Serán de Barcela, adoecen por "actuar" e recibir aplausos.
Onte, venres, a escola converteuse nun campo de batalla con todos os nenos e nenas valeirando cabazas e as nais e pais axudando, para telas preparadas para o domingo.



Antes de marchar aínda nos deu tempo de recoller as sementes para a nosa veiga, comer a "chulas de cabaza" que nos preparara a avoa de Samara  e repasar a canción do Samaín:
"Cando o reloxio marca a unha, un esquelete sae da tumba.
Tumba por alí, tumba por alá,
tumba, tumba, 
JAJAJAJAJAJA.


Ah! e deixar preparados os libros de medo para levar á Biblioteca da Casa da Auga e expoñer na Festa.

jueves, 11 de noviembre de 2010

POLO SAN MARTIÑO

Polo San Martiño podemos matar o porco, facer o magosto ou xogar cos peóns porque:

Polo San Martiño, trompos ao camiño.

E podemos seguir xogando con eles ata xanerio porque

Polo San Amaro trompos ao tellado, e se non o fixeches aínda

Polo San Antón trompos ao caixón e gárdaos ben ata o ano próximo que en febreiro

Por Santa Olalla, trompos á borralla

Deixovos un cantar apropiado para o magosto na voz da Señora Carmen que podedes atopar no maravillosos traballo Pelo Gato 24




domingo, 7 de noviembre de 2010

M de magosto

Pois xa pasou o día do magosto na Casa da Auga.
A "tele" veña a dicir que chovía, que o día que viña o papa non, pero ao día seguinte- o domingo- ían cair chuzos, tantos que ata Lurdes viuse correndo dende Corme non foran a pecharse as estradas con tanta auga.

Nós dixemos:
Se chove, deixa chovere
se orballa deixa orballare

por máis que chova ou vente.
á festa non hei faltare.


E non choveu. Houbo castañas e chourizos para tod@s nunha tarde entre amig@s e pandeiretas.
Ata a próxima!

viernes, 5 de noviembre de 2010

magosto




O pasado domingo, malia a chuvia, algunhas persoas levaron á Casa da Auga castañas, candeas, chourizos e aínda unhas botellas de viño para acompañar.
A chuvia non nos deixou prender o lume, pero co que xa temos e un pouco máis o vindeiro domingo celebraremos un FANTÁSTICO, FENOMENAL, DELICIOSO, EXQUISITO,BULIDEIRO E FESTEIRO MAGOSTO, e de novo utilizaremos a Casa da Auga, unha casa rectoral ben fermosa da Comunidade de MOntes de Vide, que é dicir o mesmo que de toda a veciñanza vidense.

Haberá tamén unha exposición de libros da delegación que a Biblioteca A2 ten na Casa da Auga.

Esperámosvos.

miércoles, 3 de noviembre de 2010

A fábrica das palabras


Á Biblioteca A2 chegou un libro: "La gran fábrica de las palabras"que nos vai servir este mes de novembro para fabricar, buscar e coleccionar palabras.
Comenzamos coas palabras amigas de MAGOSTO:
CASTAÑA,
CANDEAS,
LUME.
Axiña atopamos o cartaz de CASTAÑA, fomos entón á procura delas.
Moi perto da escola atopamos un castiñeiro con centos de CASTAÑAS, que recollimos para o magosto do vindeiro domingo, pero cando regresamos a escola decatámonos que non tiñamos CANDEAS.
Buscamos a palabra pola clase e non estaba.
¿Que facer?
Mateo tivo unha idea:
- Buscámola na casa, ao mellor unha mamá comprouna, e mañán traémola para escola.
Acordamos esperar a mañán.

Mentras, eu lles teño preparada unha sorpresa: a adaptación do
conto ao galego para seguir fabricando palabras.

A FABRICA DAS PALABRAS

View more presentations or Upload your own.