Mostrando entradas con la etiqueta xogo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta xogo. Mostrar todas las entradas

miércoles, 12 de noviembre de 2014

Polo San Martiño


O  día 11 de novembro celebrouse o "Día do Peón", pero nós celebrámolo onte, porque parou de chover un pouco e poidemos sair ao camiño, porque 

Polo San Martiño 
peóns ao camiño.
Polo San Antón,
peóns ao caixón.
Polo San Amaro,
peóns ao faiado

e cando parou un chisco de chover, saímos a todo correr da escola cos peóns na man para facelos baillar no camiño, e algún beillou.

Xa na escola procuramos información sobre o peón, e recollímola de nenas e nenos de outras escolas, que xa tiñan feita a "investigación":


 cantamos, contamos e memorizamos o lengalenga
e  escribimos:

PEÓN
BUXAINA
TROMPO

E antes de marchar para casa aínda xogamos un pouco á mariola e escollimos co

Rei, rei
cantos anos durarei
vintecinco non o sei
un, dous, tres, catro, cinco, ...


porque xogamos.......MATEMÁTICO!







jueves, 13 de febrero de 2014

China: xogos chineses na pizarra dixital

Hoxe xogamos na pizarra dixital e nos ordenadores.

Para xogar, preme nas imaxes:


O Chi chiao pan- tangram-


O  PAI, FILLO, NAI :




O Mikado:



O Dominó





martes, 11 de febrero de 2014

China: os xogos tradicionais chineses

Moitos dos xogos que xogan os nenos e nenas do mundo teñen a súa orixe en xogos tradicionais chineses:

- O peón.
- Os papaventos.
- As canicas.
- O dominó.
- O pai, fillo, nai.
- O tangram,que os chinenes chaman chi chiao pan.
- O mikado.
.......

Na biblioteca tiñamos dominós e un xogo de mikado, así que fixemos varios tableiros de "Pai, fillo, nai" e uns cantos tangram, ou chi chiao pan, e xogamos,  xogamos e xogamos.



miércoles, 27 de noviembre de 2013

Xogos tradicionais

Chegou Saul de visitar a súa avó da aoutra marxe do Miño e tentou ensinarnos un xogo-cantiga que lle cantara ela.
- É un xogo, pero tamén é unha cantiga e máis un chiste.
Pero non se lembraba del, así que chamamos a Mariló, a súa nai, que víu onda nós a escola e aprendéunolo a todos.

Comenza como un conto:

As campás de Sela anunciaban:


- TEN LENDIAS, TEN LENDÍAS!!!



E as campás de Barcela contestaron:



- QUITAILLAS, QUITAILLAS, QUITAILLAS!!!



As campás de Ribarteme dixeron:



- CON QUE?, CON QUE?, CON QUE?



Entón dixeron as campás de Vide:



- CO MARTELOOOÓN, CO MARTELOOOOÓN !!!!!


E despois de estar a xogar toda a mañán, quedounos así:




jueves, 21 de noviembre de 2013

Máis de Magosto

De cando a Festa do Magosto e Samaín quedárannos castañas e candeas, asi que , a semana pasada decidimos seguir tamén  de Magosto porque

"polo san Martiño, vai ve-lo teu soutiño" que

"as castañas si despois do san Martiño quedan no souto son do moucho", e "castañas no Nadal saben ben e parten mal"

de xeito que:


Xogamos:
 
- Como te chamas?
- Comecastañas
- Eu a como e ti as apañas

Ou ben:

- Como te chamas?
- Comecastañas.
-  E de apelido?
- Caldo cocido

Cantamos:

Non chas quero , non chas quero
castañas do teu magosto.
Non chas quero, non chas quero,
que me cheiran ao chamosco.


Mociñas de aló arriba
vídevos ó fiadeiro
que vos hei de dar castañas
cando eu sexa castiñeiro



Santo que estás no canizo
bota castañas embaixo
que anque non teño mandil
acadochas no refaixo




A castaña no ourizo
quixo rir e reventou
caeu do castaño embaixo
mira ti o que gañou
.



E logo.... outro  MAGOSTIÑO!!!



 














 Pero esquecimos que:

" Non te fíes das castañas asadas, se estoupan, sáltanche á cara".

E saltaron.
 


 



martes, 12 de noviembre de 2013

O peón vai ao camiño

Polo san Mariño o peón vai ao camiño, e nós, como non, fixemos caso.
 Alá vai!

O peón foise para o camiño:


jueves, 9 de febrero de 2012

Pallaseando

Dicía que estamos a traballar arreo, e é verdade, pero desta vez a traballar chamámoslle PALLASEAR, porque é un traballo con risas, un traballo de pallasos.
Hoxe andivemos a procura de libros de disfraces e de maquillaxe, pedímosllos prestados a biblioteca e estamos a "estudialos".
Iago fixo un descubremento:
- Profe, son libros do 7, porque pintar a cara é como pintar un cadro, verdade?
Verdade, pero mira ti por onde, que eu andaba a teimar porqué na CDU poñía 7, e agora gracias a Iago xa o sei.
Vestímonos de pallasos para "contextualizar" e fártamonos de berrar:

-AAUUUUUUUHHH!!! como Charlie Rivel.













E xogamos cun xogo novo:



Photobucket

miércoles, 8 de febrero de 2012

Pallasos

Este ano polo Entroido decidimos ir de pallasos, o noso disfraz farémolo cunha camiseta branca na que cada neno estanpará as súas mans de cores e unha perruca azul.
Os Pallasos fan rir, e por iso a súa roupa é de broma e pintan a súa cara de risa, así que estamos aprendendo a "poñernos de pallasos"- a frase é de Soraya- e logo xa poderemos "facer pallasadas".
Recollimos fotos de pallasos en internet e estudiamos as cores do seu maqueillaxe, a forma, a roupa, o pelo....
Temos un xogo de pintar pallasos na PDI e estamos a aprender unha cantiga que cantaremos cando vaiamos de comparsa pola aldea. Tamén estamos a facer un mural con doce pallasos moi difícil- hai que pegar 3 botóns da mesma cor pero de cor distinta ao traxe- pero que está a quedar "chulííísimo" e mañán comenzaremos coa primeira tanda de pintar mans.
Temos traballo abondo.






Se queres pintar, preme na imaxe:


Photobucket

E para aprender a facer pallasadas ningún mestre mellor que Charlie Rivel


 

miércoles, 30 de noviembre de 2011

Fame de vento

Levounos varios días de traballo pero ao fin os papaventos estiveron listos para que voaran papando o vento.

Saímos fora, corría un vento suave e botámonos a correr tirando do fío.

A verdade e que correr...como corrían os nenos e nenas polo camiño abaixo!!!, pero o vento traicioneiro non quería axudar e en canto os papaventos se erguían por riba das cabezas, alí quedaba e non daba subido máis, pero non nos importou.
Menos a Noa, que cansada de correr viuse onda min e díxo:
- Profe, estes papaventos non teñen fame.
- Fame?- dixen eu.
- Non queren comer vento!!!!

Así e todo, cando colgamos os papaventos na árbore para que saudaran ás nais e pais cando viñeran á hora da saída, todos miraban para eles cheos de fachenda polo traballo feito.

Non lle faltaba de nada, si ata tiñan dentes!!!

lunes, 28 de noviembre de 2011

Papaventos e cometas

A pasada semana foi de papaventos.
O martes a nai de Antón trouxonos dous papaventos moi sinxelos, feitos con

bolsas de lixo e "celo" que ao voar imitaban un dragón "papando o vento".
Saimos a facelos voar e despois de correr detrás deles, sin importar que o vento os levara ou non, decidimos converternos por un días en "papaventeiros" . Era de esperar.


Organizamos o traballo e puxémonos en acción despois de debatir- á proposta de Alba- sobre cometas-papaventos e papaventos que non papan ventos.

Procuramos imaxes de papaventos " de todo tipo" e fúmonos ao traductor para saber como lle dicían ao papaventos noutras partes do mundo:

portugués e inglés:Kite
castellano: cometa
catalán: estel.
francés: cerf-volant
euskera: miru

Conteilles logo unha historia dun neno chino que hai muiiiitos anos puxo un dragón de papel no ceo a voar e deixamos o "proceso de fabricación" para outros días.

lunes, 21 de noviembre de 2011

Noa e o lobo

Noa manda, e manda ben.
No recreo mandou facer unha roda e que todos sentaran no chan para xogar ao
Alba tentou explicar que así non era, que había que xogar á roda mentras se cantaba, non estar sentados no chan, pero Noa fitou para ela e dixo con moita autoridade:
- Hoxe faise como digo eu.

E todos sentaron , tamén Alba, e xogaron ao lobo.

Para saber a quen lle tocaba ser lobo, Noa contaba:

Rei, rei, cantos anos durarei, vintecinco non o sei, un dous tres, e sorprendentemente o tres sempre caía en Iago, ata que Marcos protestou , entón Noa díxolle:

- Vaale! a proxima vez O TRES tócache a ti. E tocoulle.

E mirando para min explicou:

- E que hoxe eu son a encargada, por iso mando.

Cristalino!!!!!



Si non sabes este xogo tan divertido:
Aquí podes atopar un video.
Nós cantamos así:

Imos xogar ao bosque
porque o lobo non ven.

jueves, 10 de noviembre de 2011

O peón


Polo San Martiño
vai o peón ao camiño


Cando chegamos á escola, Lola a esqueleta tiña un peón na man, e todos os peóns dos nenos e nenas colocados aos seus pés, como se estivera xogando con eles toda a noite.

Pois se ela xoga de noite, nos xogamos de día- dixo Saul.

E xogamos.

O maís difícil era poñerlle a camisa. Non, o máis difícil era que bailase. Non, non, o máis difícil era agarralo ben coa man.

Que difícil é facer bailar un peón cando se é pequen@!!!!!

Menos mal que eu e o profe de inglés somos uns consumados "peoneiros".

Claro que tamén axudou que tod@s os nenos e nenas cantaban:

O peón, o peón danzarico danzarón
xira xira darredor
se lle das un empuxón
O peón, o peón,
danzarico danzarón
.

miércoles, 12 de octubre de 2011

xogo samaín

Para comenzar a pensar no Samaín, imos xogar a disfrazarnos un pouquiño

Preme na imaxe e xoga:




E agora a pintar un coco:

jueves, 7 de abril de 2011

Vexo vexo


Estaban @s nen@s a xogar ao "vexo vexo" e apandaba Irene:

- Vexo vexo.
- Que ves?.
- Unha cousa.-
- Que cousa é?
- Unha cousa que empeza por.....BE!
- Bota.
- Nooon!
- Balón.
- Nooon!
- Beso.
- Nooon.
- Pedimos papas.
- VERO!!!!!
Entón Javi dille:

- Non vale!, non vale!!!. Vero empeza por UVE.
Irene achega a súa cara á de Javi e vocalizando di:
- Dixen VE,VE VEROOOO, non dixen U U U U VEEERO.

Javi quedou calado, e u fíxenme invisible.

jueves, 11 de noviembre de 2010

POLO SAN MARTIÑO

Polo San Martiño podemos matar o porco, facer o magosto ou xogar cos peóns porque:

Polo San Martiño, trompos ao camiño.

E podemos seguir xogando con eles ata xanerio porque

Polo San Amaro trompos ao tellado, e se non o fixeches aínda

Polo San Antón trompos ao caixón e gárdaos ben ata o ano próximo que en febreiro

Por Santa Olalla, trompos á borralla

Deixovos un cantar apropiado para o magosto na voz da Señora Carmen que podedes atopar no maravillosos traballo Pelo Gato 24




lunes, 8 de noviembre de 2010

MAIS!



DIEGO, o neno que vive na cidade da FÁBRICA DAS PALABRAS, tiña gardada unha palabra especial:

¡MÁIS!

e esta palabra servíunos para facer sumas, escribir nomes de nen@s da escola, e ata nos servíu para aprenderlles aos máis pequen@s a:

"escribir o pao de berrar"

- ¿O pao de berrar?
E Javi explicou :
- MÁIS non é MÁIS,
é MÁÁÁIIIISS!, hai que poñerlle o pao de berrar.

Pois xa temos unha definición "creativa" de signo de admiración


Logo xogamos a buscar a PALABRA PERDIDA neste xogo
que descubrimos gracias a Biblioteca da Libruxa






viernes, 15 de octubre de 2010

Inventando xogos


Hoxe no recreo sorprendéronme inventando un novo xogo:

Na randeeira séntanse Noa e Iris, as xemelgas, e Mateo e Javi "danlle". O xogo consiste en poñerse diante delas, a tiro dos seus pés, e cando os pés das nenas lles tocan, tirarse ao chan berrado moi forte:

aaaaaaggggggggggg!!!!!

O xogo foi todo un éxito e pasaron unha boa parte do recreo rindo e tirándose ao chan. E foi porque as pequenas son miudas e como pesan pouco, pouco dano podían facer, e os maiores- Mateo e Javi- eran cuidadosiiiisimos e "daban" con pouca forza para que non lles sairan voando.

Eu tamén rin con eles e berrei aaaagh! despois de decatarme que era un xogo , que eles o tiñan controlado e que DEBÍA deixalos seguir xogando.

jueves, 13 de noviembre de 2008

O peón

Como
Polo San Martiño
o peón vai ó camiño

e nós somos moi ben mandad@s, ao chegar estas datas collemos uns días para sacar os peóns e facelos baillar no camiño, no patio, no chan da escola... e de paso aprendemos a poñerlle a capa ben apretada, que non é doado se tes catro anos ou cinco anos, a escribir O PEÓN, a contar e pintar peóns de todas as cores e aínda temos tempo de descubrir que tamén se lle pode chamar TROMPO, BUXAINA ou BAILARETE, pero sobre todo adicámoslle tempo a tirar do cordel para que baille. Tiramos "á señorita" e "por riba" e os nosos peóns baillan como poden: uns co cu para abaixo e outros co cu para arriba.
A avoa de Mateo que de pequena xogaba co peón - aínda que iso non lle gustaba nadiña aos seus pais, que dicían que era cousa de nenos-, veu hoxe a xogar con nós. Ao principio o peón no lle quería baillar, porque tiña unha corda moi pequena, pero logo, tirando á señorita, o peón por fin baillou, e todos os nenos e nenas berraron:
¡¡¡Cristina!!!¡¡¡¡Cristina!!!!¡¡¡¡Cristina!!!!¡¡¡¡Cristina!!!!

E si qeredes saber como se fan os peóns aqui tedes un video que atopamos en xogos populares cando estabamos "investigando"