Mostrando entradas con la etiqueta inverno. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta inverno. Mostrar todas las entradas

viernes, 14 de enero de 2011

Botar pola porta para fóra


Por fin parou de chover!
O sol, o sol, imos para fóra!,dixer@n @s nen@s.
E marchamos a dar unha volta.
Atopamos ao señor Franco podando as viñas e paramos onda el. Explicounos que as viñas hai que podalas para que dean bo viño e como logo hai que atar a videira con vimbios,para que o vento non rompa os gromos novos. Seguimos o camiño buscando viñas podadas e viñas sen podar.
Pasamos logo a ver o "noso castiñeiro". Na derradeira visita apañaramos as castañas para o magosto. Agora estaba baleiro, sen ningunha folla.O mesmo acontecera co "noso" carballo e coa "nosa" nogueira.¿Que pasou? Foi o inverno que chegou!!!!
Pero a laranxeira estaba chea de follas e laranxas.-O inverno non lle fai nada, aguanta coma os piñeiros- dixo Mateo.
E buscamos arbores que "aguantaban" e que non.O loureiro aguantaba as follas pero Sebas dixo:
-Isto cheira!- Tamén cheira o que hai onda a casa da Teresa, pero non é coma este- dixo Mateo.
Fomos entón averiguar si era certo. Era o romeu.E Teresa levounos onda Maruja, que tiña ruda- agg que mal cheira!- e melisa que cheiraba a limón.Era hora de volver pero antes saudamos ao cabalo de Isabel e aínda Marta colleu frores amarelas.
Ao entrar na escola dixo Javi:
- Botamos pola porta para fóra e aprendimos moitas cousas, verdade profe?.
Certo.Tan só con botar pola porta para fóra.

viernes, 6 de febrero de 2009

CHOVE, COCORICO!

Cocorico, segue a ser o libro de máis éxito entre as nenas e nenos de Vide, a súa canción de Contos en Cantos sábena tod@s, e o baile do Pitiño amareliño estase a converter no número 1 dos corenta principais videnses, pero Estefanía, a nai de Mateo, ven de descubrír un video TOTAL: os Cocoricos cántanlle a chuvia - esa chuvia que non nos deixa sair ningún día a xogar fora- e mentras, cociñan bizcoitos .
¡Igualiño que nós!
Dame a min que como non cambie o tempo, neste Entroido en Vide ata as pandereteiras van cantar:

Chove, chove, chove,
deixa chover
en canto coma bolo de zenoura
a xente nen vai perceber
!


sábado, 6 de diciembre de 2008

Sumario e factor X

No mes de novembro estivemos ben ocupad@s na escola recollendo froitos "raros" por todo Vide, e aprendendo todo o que poidemos deles: caquis, kiwis, alquexenxes, feixoas...acompañáronnos todo o mes co seu olor, o seu sabor e as súas múltiples cores e propiedades. Ata tivemos que achegarnos á muralla China e a Brasil para saber dalgún deles- isto da pizarra dixital é unha maravilla- e coma sempre, co producto do noso traballo puxémonos a compoñer un libro na Editorial Unitariadevide para deixar na Biblioteca A Dúas, e outro para levar para casa.
Pero esta vez non foi igual que sempre, foi parecido, porque este libro leva unha páxina nova: o sumario.
Este non era un libro que contaba unha historia. Era un libro onde nós podiamos informar sobre froitos- e unha hortaliza- do novembro de Vide, e, investigando na Biblioteca, descubrimos que estes libros levan unha páxina para axudar a buscar a información. Nuns, chamábanlle índice, noutros sumario e noutros contidos. Votamos, e decidimos que nós, chamaríamoslle a esta páxina: SUMARIO.

Foi divertido. Tivemos que numerar todas as páxinas, que foi o máis difícil porque cada libro tiña distinto número de páxinas- o libro de David tiña ¡ trinta e dúas!- e no sumario poñer tamén fotografías para que os máis pequenos poidesen facelo, pero logo pasámolo la mar de ben xogando a :
-¿Onde tes ti o kiwi?
- Eu na 5
- Eu na 8
-¿ E a granada?.....

Cando xa marchabamos para casa co libro na man, Brais dixo:
- Hoxe vou traballar toda a tarde no libro.
- ¿A traballar?, pregunteille.
- ¡Claro!, teño que rodear China,o sitio ese que ten a de "factor X" e outros sitios máis que xa non me acordo, teño que volver a escribir o 5, e teño qeu pintar ben o xuxú para que me quede ¡perfecto!

O de " factor X" ía por México.

martes, 18 de noviembre de 2008

Coquis e caquis

O Coqui nunca fai caso- dixo Elena- bótase a correr detrás das ovellas e aínda que o chames non volve, e as ovellas escapan. Eu teño que ir correndo a buscalas, e tampouco me fan caso. Todo por culpa do Coqui, que é un can moi, moi malo.
- ¡Profe!- di David- os coquis son como os kiwis, pero en can. Hai coquis de comer e coquis de can.
- ¡Non!- dixo Marta- porque os que de comer son CAQUIS.
- ¡Os de comer tamén son coquis!- berralle David.
Marta vai correndo ata a mesa das froitas, colle o cartaz dos caquis e pono diante da cara de DAvid:
- ¿Ves?¡¡¡ CAAAAquis, os de comer son CAAAAAquis!
- COOOOOquis- se empeña David- pon COOOOquis.
Noemí, deulle un trincazo ao bocadillo, e coa boca chea sentencia:
- Aí pon CAAAqui, de CAAAAAca.
-¿Ves?,¿ves?- berra exultante Marta- ¡¡¡son CACAS, non COCOS!!!
David mira para min con cara de desconcerto. Elena tírame da manga e con voz agoniada dime:
- Profe, o meu Coqui é moi boiño, eu o quero moito.

lunes, 17 de noviembre de 2008

kiwis


Hoxe comenzamos con outro froito de inverno bastante común en Vide: o kiwi,e este si que o atopamos na Biblioteca, porque no libro da Editorial Linteo ¿Que tal vexetal? Alimentos con sentementos, atopamos unha páxina adicada a este froito. Gustounos tanto que decidimos "copiala" cos nosos kiwis o vindeiro venres. Mentras, temos moreas de traballo por facer.

Xa fomos ver unha parra de kiwis que hai perto da escola, aprendimos a escribir KIWI,cortamos, contamos, tocamos e pintamos kiwis mesturando pintura ata dar coa cor: sae perfecto se mesturas roxo e verde, logo preparamos o cartaz que mañán cubriremos con todos os lugares que coñecemos de Vide onde hai kiwis, e por fin fómonos a Google a escribir Kiwi e ...¡¡¡¡sorpresa!!!! Hai un kiwi vexetal, e un kiwi animal.
Foi terrible, o "noso" kiwi perdeu todo interés:
-¿é unha galiña?
- ¿onde hai?
-¿como nace?-
-¿que é Nova Zelanda?
-¿podemos ter un?
- busca máis fotos.
-¿ten plumas?
Pola mañán, na roda, tivera que empregarme "a fondo" para que o kiwi resultara ser "interesante". Si non chegan a "descubrir" o libro da Biblioteca...xa me miraba tirando deles como dun carro, e agora, a última hora, aparecía outro kiwi que ameazaba tirar todo o meu "traballo" pola borda.
Pero esta vez, non. A programación vai adiante.Faltaría máis.
Só unha pequena cesión. Xa lles teño preparado un conto dun Kiwi que quería comer kiwis.
Veremos este video tan entrañable , que eu lles contarei en versión infantil. O Kiwi,marchou voando ata atopar un kiwi. A Bruxa do Campanario fíxolle ese regalo. Fin.
E a seguir cos kiwis de comer.

jueves, 13 de noviembre de 2008

Vide tropical

No mes de novembro, se das un paseo pola parroquia de Vide, igual te pensas que estás nos trópicos, porque vas atopando árbores, arbustos e prantas cargados de froitas que "non son do país". Viñeron de Brasíl, de Colombia, de Perú... e en Vide atoparon un lugar onde vivir e unhas xentes que os cuidan, os podan e "as veces" ata comen os seus froitos.
Xa falamos do ben que se dan aquí as granadas e os morangos, pero tamén podes ver árbores de aguacates nos que asoman os froitos que recolleremos na primavera, ou caquis que semellan adornados para o nadal de bolas laranxas, verdes feixoas ou parras de kiwis cheiñas de froitos, plantas de alquejenjes, maracuyas... e nas hortas os extraños xuxús.
Temos na escola unha mesa chea destes froitos, e cando remate novembro Editorial Unitariadevide publicará un libro no que contaremos todo o que estamos descubrindo: de onde viñeron, que propiedades teñen, como saben....será o noso agasallo de nadal para a Biblioteca A Dúas.

viernes, 7 de noviembre de 2008

mochilas viaxeiras


Hoxe a oca do padriño de Yoel, que mira que casualidade, ven debuxada nos cartaces da Biblioteca e nas mochilas, foise de excursión con dúas mochilas cheas de libros da Biblioteca A Dúas.
Unha levouna ata Taboexa, para deixala na escola Unitaria, e outra tiña que deixala na escola Unitaria de Rubiós. Deste xeito podemos compartir a nosa Biblioteca cos nenos e nenas das outras Unitarias do Concello de As Neves.
Despois de preparar as mochilas aínda tivemos tempo de rematar o cartaz das granadas e "estudiar" os ramos de morangos que nos deixara na escola Sita, a nai de Marta.
En Vide chámanlle morangueiros aos madroños e morangos aos seus froitos, e os morangueiros, danse moi ben aquí. No eido de Felipe hai un enorme que plantou o seu avó, e tamén no eido de Sita e no da avoa de Yoel hai morangueiros que nestas datas están cheos de froitos.
A avoa de Yoel díxonos que non podíamos comer máis que uns pouquiños, que senón podíamonos marear (emborrachar). Comimos con cuidado pero foi unha magoa non poder comer máis porque estaban moi ricos, cun sabor moi doce parecido ás cereixas.

miércoles, 5 de noviembre de 2008

granadas


Sita, a nai de Marta trouxonos un caneco cheo de morangos e granadas do seu quinteiro. Mañán falaremos dos morangos, que NON son amorodos, porque hoxe estivemos moi ocupad@s coas granadas. Fomos á Biblioteca a investigar: buscamos no Diccionario granada e descubrimos que ademáis do froito do granado pode ser un proxectil.Logo buscamos en google e encontamos máis granadas:unha cidade en Andalucía e outra en América.

As nosas granadas estaban todas abertas da chuvia, e parecían caras que sorrían ensinando os dentes. David, que era hoxe o encargado, pensou que estaría ben que os pequenos pintaran granadas con poucos dentes mentras os maiores pintaban granadas con moitos dentes. Fixémoslle caso e de entrada atopámonos cun problema. ¿De que cor pintar a pel? logo de discutir moito e comparar todas as granadas que tiñamos decidimos utilizar tres cores: amarelo, verde e vermello, pero entón Érika que hoxe estaba moi discutidora, atopou outro problema. ¿Cantos eran poucos dentes?
Ai amigo! iso si que foi un problemazo. Fartámonos de debrullar granadas, contar dentes, poñelos en pratos de papel e non nos demos posto de acordo. Aos que tiñan fame de granada o moito parecíalles pouco, e os que xa avisaban que non querían comer granada o pouco parecíalles moito.

Resolvimos que cadaquen pintara moitos ou poucos dentes como deus lle dera a entender- ous as ganas de pintar- e que rematado o traballo distibuiríamos os dentes para comelos. OS MOITOS DENTES con azucre, e os POUCOS DENTES nunha tartiña feita cunha galleta cun chisco de leite condensado.
A solución satisfizo a tod@s e fómonos para casa coa barriguiña chea de moitos/poucos dentes de granadas de Sita.