![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEhtPBAeYJeazBI5qF-Gvv55WJY470faMIotQJFnsG_Iuk1-2dc08BNPGhEv93Fe7gIgBBLGH7HCSIUzYOkTQE7NLGGclM7OBzlIrvKdWEXtH1_oakmcDWHA7ahnFGjs-tEZQqy3tMg5NSs/s1600/CCI00116+r.jpg)
Chegou Antón a clase coas uñas pintadas, cada unha da súa cor. Pintáraas na casa da súa avoa e viña todo contento. Como houbo alguén que dixo que iso non era cousa de nenos, na roda falouse, e chegaron á conclusión de que pintarse as uñas de cores estaba "guai", foras neno ou nena.
Quedamos que para o día seguinte, TODOS, iamos vir a escola coas uñas de colorines. Na hora da saída falamos coas nais e pais e quedou decidido.
![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEi0qGzupiZ_Vp5VABCs92xb3oVeFVpzlPEEbl3eu7hiPC3kdpk_UpmQcT6R2WBmrbDZQR9cjN2-iwC-Luck9FCVFrUTzPrjTa6BjBjgvNMeP36mImi5z58JGNE0wApP_AFQ8IrYjZGS2UI/s1600/SAM_6121+r.JPG)
E o martes as uñas de todolos nenos e nenas, mestra incluída, eran un festival de cores. Todos ensinaban as súas mans cheos de fachenda, así que aproveitamos "o tirón" para pasar a mañan traballando mans, cores, series, e suma e segue.
Pero o mércores pola mañan, á chegada, Saul achegouse a min todo cariacontrecido:
- Profe, hai un problema...
- E logo , qaue pasa?.
- Pois que os nenos da cidade non se enteran de nada....
- ....?
- Que onte fumos eu, Marcos e Diego á cidade ao cumpreanos do meu primo, e todos se riron de nós por levar as uñas pintadas! Están chouchos! Non se enteran de naaaadiña!
Entón intervén Marcos:
- De verdade que non se enteran. Tampouco sabían onde se poden cazar rás, así que mira ti.
- Profe, vas tes que ir a explicarlles ti as cousas, porque imos ter un problema- rematou Saul.
Diego que ata aquí estaba ao seu, poñendo o mandilón, saca a man pola manga e di:
- E tamén lle explicas o do río Miño!
-........?
E marcharon os tres, Saul e Marcos e Diego, correndo e saltando pola escola adiante .
Eu quedei chantada no chan, mirando para eles.
Pois si que hai un problema......... e iso que a "cidade" era Ponteareas.........