Mostrando entradas con la etiqueta colaboración bibliotecas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta colaboración bibliotecas. Mostrar todas las entradas

miércoles, 10 de abril de 2013

Adeus a Jose Luís Sampedro


                                                                                           vía Biblospazos

Aquí o especial que apareceu no País
Aquí a recopilación feita no  IES San Paio

Festa bibliotecaria

O sábado pasado recibimos unha vez máis a un grupo de "bibliotecarias/os" amigas.
Logo da visita "obrigada" á Unitaria de Vide e a súa biblioteca, reunímonos todas, e "todo" na Casa da Auga ,e alí, bibliotecarias, pandereteiras e visitantes, compartindo lamprea e tortillas, empanada e requeixo, conversas e cantos, fomos deixando correr unha tarde  que todas e "todo" recordaremos, e cando o desánimo se achegue a nós, este recordo daranos azos para seguir adiante, porque non estamos sóas, compartimos amizade, saberes, aprendizaxes....

Alguén podería supoñer que ata se aprendeu e bailar a muiñeira?
Pois é de creer.

Gracias compañeiras e compañeiros plambeiras por estar sempre aí.

E o meu agradecemento as "miñas" compañeiras, pandereteiras e non pandereteiras, que tanto cantan como catalogan libros, cociñan lampreas ou bailan a muiñeira,  e sempre, sempre, atentas a facer "piña", a cuidarse unhas a outras, a cuidarme a min.... porque en Vide traballamos e cantamos xuntas!!!



martes, 26 de febrero de 2013

Con Rosalía no Instituto

E alí estivemos, celebrando o día de Rosalía xunto ao alumnado do Instituto de As Neves, os seus poemas e os nosos poemas, recordando a Rosalía.







viernes, 25 de enero de 2013

Fina Casalderrey. Unha escritora de L.I.X. na RAG

A RAG (Real Academia Galega) acaba de elixir a Fina Casalderrey como académica numeraria. Con Fina entra na Academia unha muller (por méritos propios) pero tamén a literatura infantil e xuvenil. Diso vai tratar o seu discurso de entrada, escoitaremos esas palabras que tratan desta literatura non sempre asumida como LITERATURA (con maiúsculas). Realmente estamos de noraboa, pois sentímonos moi ben representadas por esta muller que entre outros conta con Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. Unha muller que ademais é mestra (¿acaso se deixa de ser por non ir xa á escola?) e, polo tanto, mediadora do libro. Unha académica de luxo!


Publicado  por 

sábado, 15 de diciembre de 2012

Recitando o 12 do 12


Chegou o día que todos os nenos e nenas da escola esperaban:

Ir ao Instituo de As Neves e alí cos "grandes" recitar o poema que tanto tiñan ensaiado:

Celanova ten un vento
Celanova un vento ten
un vento peleriñante
un vento que vai e ven.

E fixéronno tan ben que logo invitámolos a tomar un chocolate con pasteis, e Rocío,a  da librería, ao enterarse regaloulles a cada un, un precioso lápiz con moneco.
Durante toda a semana, ademáis de recitar con "sentemento" e repetir unha e outra vez PELERIÑANTE, falamos de Celso Emilio Ferreiro, da súa vida, de Celanova... e fixemos un libriño con aprendido

Aquí queda una mostra do  noso traballo:



 




Este é o boletín informativo para as familias:

lunes, 10 de diciembre de 2012

RecitandoCelsoemiliO

Ao cumprirse o centenario do nacemento do poeta celanovés Celso Emilio Ferreiro, unha das voces fundamentais da literatura galega da segunda metade do século XX,  a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL)  achéganos unha proposta, a todos os centros educativos, para  renderlle homenaxe pública:  

O mércores, día 12 de decembro, ás 12 da mañán

  • Un acto colectivo de recitado público do poema Deitado fronte ao mar de Celso Emilio Ferreiro, publicado inicialmente no libro Longa noite de pedra (1962).
  • Un envío masivo a través das redes sociais do lema recitandocelsoemilio, acompañado do texto do poema Deitado fronte ao mar.
Nós, dende a Unitaria de Vide, súmamonos a esta homenaxe pública.

O mércores trasladarémonos nenos e nenas, nais, pais e mestra ata o IES Pazo da Mercé, en As Neves, e alí, cativos e maiores, uniremos as nosas voces nun recitado público.

lunes, 23 de abril de 2012

Para un ambiente de lectura na escola

Vía Vilán coñecimos esta inciativa, á que xa a Biblioteca de Vide se adheríu:

Coincidindo co Día do Libro 2012, existe unha iniciativa impulsada por Luis Arizaleta (especialista en lectura e desenvolvemento de iniciativas culturais), e na que temos a honra de participar, que nos fai reflexionar aos que a subscribimos, sobre o que el coñece desde hai máis de vinte anos: o ambiente de lectura na escola, e é ese o nome do manifesto que lles invito a ler. Son doce puntos moi breves pero que, de telos realmente presentes, suporía un verdadeiro reformulación da experiencia lectora, persoal e cultural dos nosos rapaces e rapazas. Para iso dirixímonos a toda a ampla comunidade vinculada coa lectura: escritores, mediadores, contistas, narradores, pais e nais, editores, profesionais da educación... Aínda que sempre oímos aquilo de “niso todos estamos de acordo” o certo é que no mundo vinculado ao libro e á lectura hai moita leria e adorno estéril, pero tamén temos que dicir que hai moita xente traballando, no noso país e máis alá del, para que as cousas non sexan así. Sabemos que hai unha corrente forte e consolidada de xente que traballa para que os pequenos, medianos e maiores vivan a lectura con pracer e sabemos que, ademais, conségueno. E non deixa de ser significativo que xunto a todas esas persoas, que irán en aumento, ou non, non tiveran dúbida en estampar a súa su firma xente como Francesco Tonucci, ou escritoras como Rosa Aneiros ou Fina Casalderrey, de entre un grupo de 108 profesionais relacionados coa lectura. O dito, propóñovos a súa lectura:

domingo, 11 de diciembre de 2011

10 de decembro: Día dos Dereitos Humanos

63 anos despois da súa proclamación, segue sendo necesario lembrar esta data, 10 de decembro, na que a Asamblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración dos Dereitos Humanos.

Necesario porque nin tan sequera nos países que asinaron esta declaración están garantidos estes dereitos en igualdade de condicións para toda a poboación. Non hai máis que botar unha ollada ao noso arredor, asomarse ás noticias.

Mais aínda así cabe pensar que un outro mundo é posible, que hai arrecendos espallados no ar que nos permiten prender unha candea pola esperanza, por estas xeracións, hoxe nen@s, adolescentes, que medran nas nosas aulas, ao abeiro das nosas Bibliotecas -das súas lecturas, da súa información, da súa formación- nen@s e adolescentes que se implican ilusionad@s e con empeño en proxectos coma "Coñecernos para querernos", nun intercambio persoal e de coñecementos con nen@s dos campamentos saharahuis, para quenes a apertura dunha biblioteca con (o Bubisher) ou sen (O Niño do Bubi) rodas, supón moito máis que un mundo de oportunidades. Para acceder á ilusión, aos soños, á formación, ao coñecemento doutras culturas, doutro idioma.

E con esa candea acesa, brincan faíscas que prenden en case un cento de Bibliotecas Escolares Galegas, que por todo o país escollen cada unha un fermoso álbum ilustrado para agasallar a ese recén estreado Niño do Bubi, porque, coma nas nosas propias Bibliotecas, toda inauguración é unha festa. A esa festa que é a lectura, nesas bibliotecas acubilladas na area, queremos enviar estes álbumes como aves portadoras de boa sorte, como bubishers* cheos de cor, imaxes, historias. Porque as nosas bibliotecas, @s nos@s lectores e lectoras, compartimos co Bubisher, cos lectores e lectoras das súas bibliotecas a crenza firme nos Dereitos Humanos, dende o seu 1º artigo: "Tod@s nascemos libres e iguais en dignidade e dereitos"

* O bubisher (Oenanthe leucopyga e Oenanthe leucura) é un paxariño tímido que vive na Península e tamén en África, aquí chamámoslle collalba negra e no Sáhara o seu nome significa paxaro da boa sorte, no dialecto hassaní é Bubchir بوبشير (o da boa nova) porque adoita aniñar e criar despois das choivas, o que quer dicer que medrará a herba, algo moi importante para quen ten gando.

Bubisher é tamén o nome dun autobús-biblioteca que circula entre os campamentos do Sáhara para levar lectura e información. Ou sexa, unha biblio... pero con rodas!!!


Se queredes unirvos á iniciativa de Álbumes para o Bubisher, só tedes que poñer os vosos datos xunto ao resto das Bibes Galegas.


Texto de Maribel Serantes (CEIP Os Casais)


jueves, 15 de septiembre de 2011

Homenaxe a mª Dolores





Comezamos o curso con tristeza.







Temos que despedir á compañeira Mª Dolores Martínez Tobío, docente no IES Luis Seoane de Pontevedra e responsable da biblioteca escolar do centro. Hai só uns meses que Mª Dolores nos puxo a Salvar Libros por centros de toda Galicia. Salvar os libros que valen a pena, as linguas nas que se escriben eses libros, as bibliotecas nas que se gardan... a memoria dunha mestra que día a día traballou a favor da cultura e a educación.


Este é un documento colaborativo como tantos outros nos que Mª Dolores adoitaba participar co seu habitual entusiasmo. Desgraciadamente convocounos hoxe a súa despedida e pensamos nesta pequena homenaxe que xorde da mesma rede que ela axudou a tecer. Canto tempo e ilusión dedicados a Biblioiris, a súa bitácora vinculada á biblioteca escolar do instituto!  Por iso os nosos blogs lamentan hoxe a súa ausencia. Por iso esta entrada será publicada por moitos outros centros, ademais dos que aquí figuran. Esperamos que este documento saiba representar tamén a tantas persoas que, desde a rede PLAMBE das bibliotecas escolares galegas, desexan expresar o seu pesar e as súas condolencias á familia e amigos da nosa compañeira. Son tantos os centros que a súa relación excede as dimensións deste documento.


Grazas Mª Dolores polas palabras, polas reflexións, polas propostas, polo tempo, polo que fixemos xuntos e que permitirá seguir camiñando pola ruta das bibliotecas escolares.



Cristina Novoa


Pilar Sampedro


Asesoría Bibliotecas Escolares

















posanollocurtiscambre 
jdoloresj
 teisolgamuxiavictorsaenztaragonacatoiraquintelatrafgegandoImaxe das ligazóns: Rapaza lendo. Gustav Adolf Hennig 
 

miércoles, 18 de mayo de 2011

Salvando "OS SOÑOS NA GAIOLA"

Neste mes de maio, participando no traballo colaborativo das Bibliotecas Escolares Galegas :"SALVANDO UN LIBRO", as nenas e nenos de Vide, traballamos o libro "Os soños na Gaiola" de Manuel Maria, memorizamos varios dos seus poemas e cantámolos coa música que lle puxo Suso Vaamonde.

Estes son os nousos cartaces, os poemas que salvamos porque están na nosa memoria:

lunes, 11 de abril de 2011

Encontros do Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares Galegas


Xa hai cinco anos que a Biblioteca da Escola Unitaria de Vide participa do PLAMBE, e o venres pasado en Santiago asistín aos Encontros do Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares. Un espacio de formación e encontro que esperamos cada ano para compartir experiencias, aprender coas compañeiras e compañeiros das outras bibliotecas e reflexionar sobre o noso traballo escoitando esta vez a Mónica Baró e Teresa Mañá falándonos da avaliación.
Traio de Santiago unha maleta chea de ideas e ganas renovadas de continuar o traballo que comenzamos na Biblioteca A2 o grupo de mulleres que nos chamamos "Comisión de Bilioteca"
Gracias a elas, por seguir acompañándome, e gracias a Pilar e Cristina, as "asesoras" por ser quen de ano tras ano organizar de xeito tan magnífico uns Encontros que nos serven de alimento.
E gracias a Loly,a Emilio a Isa.... que nunca esquecen a "documentación gráfica".

Para ter acceso aos materias dos Encontros preme aquí, e entra como convitad@.

jueves, 22 de abril de 2010

Para que les?


TAREFA: DIARIO DA VEIGA 2010


De Implicadas no Desenvolvemento partíu a idea e 103 Bibliotecas Escolares galegas puxéronse a traballar preguntando

¿Para que les?

Nós tamén participamos neste traballo colaborativo.

Limos en voz alta o que outras persoas nos contaban, contestamos a pregunta, imprimimos os cartaces, pintámolos, aprendimos a plantificalos e logo colgámolos na almbrada da escola para que todas as persoas de Vide poideran lelos e celebrar o Día Internacional do Libro.






Se queres ver unha escolma das respostas recibidas á pregunta ¿Para que les? preme:

O Segrel do Penedo


A actividade Tamén Len preme:


Biblioteca Milladoiro

E se queres máis información preme:

Mesturas

Raioteca

Biblioteca IES Alexandre Bóveda

lunes, 15 de junio de 2009

AS LINGUAS SUMAN

Este é o tríptico informativo elaborado pola Coordinadora de Equipos de Dinamización e Normalización Lingüística:

jueves, 29 de enero de 2009

30 de Xaneiro. Conspiración pola paz

  • PAZ?????????????
  • PAZ: PAM!. Balas. Confusión, asasinatos, bombas.
  • PAZ: PAF!. Golpes. Cambadelas da vida cotiá. Rancor. Violencia.
  • PAZ: PAZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZ. Soño. Sono indiferente da irresponsabilidade.
  • Non é un xogo. É a fraxilidade da palabra. Espello fiel da inestabilidade do seu significado.
  • Utopía imposíbel.
  • Palabra que xera poesía.
  • Poesía? Poesía e Paz.
  • Esta é a nosa proposta: un mundo reinado pola esperanza das palabras, palabras sublimes que permiten melodías, risos, soños... PAZ.

    Xesto simbólico o das Bibliotecas Escolares, que novamente unen voces, azos e esperanzas. A través do mosaico que supón, por fin na nosa comunidade, a integración de diferentes cores, razas, linguas... chega a poesía capaz de expresar unha mesma arela. O frenesí da humanidade dominado pola forza da palabra. Unidos contra a ignominia da morte inxusta, das violacións das mulleres, da violencia extrema, da existencia dos nenos-soldado, da vinganza. Optamos polo silencio das palabras, da súa mudez. Porque a súa música festexe os días de coñecemento. Porque os aloumiños que desprenden estas balas sexan quen de recargar o porvir. Porque o nosos pentagramas debuxen as fusas non confusas da ilusión, do mañá cargado de bombas de papel. Papeis que falan de sorrisos, de amores, de xustizas. Papeis convertidos en poesía.

    Hoxe, o noso alumnado, dende esas diferenzas que os converten en iguais, transfórmanse en trasnos portadores de equidade. Dende o pasado poético ao presente sonoro, ao futuro harmonioso.

  • Tanques de algodón
  • Armas de caramelo
  • O noso soño
  • O noso desexo
  • A nosa conspiración.







Blog da biblioteca do IES Alexandre Bóveda. Vigo.
O Segrel do Penedo. IES de Fene. Fene. A Coruña. `
Mesturas. IES Sánchez Cantón. Pontevedra.
Bibliobelesar. CEIP de Belesar. Belesar. Pontevedra.
Biblioandrade CEIP de Andrade. Pontedeume. A Coruña.
Bemilladoiro. Biblioteca do Ceip. Milladoiro. Malpica. A Coruña .
Biblioteca Olhos Grandes IES Nosa Señora dos Ollos Grandes . Lugo
Biblioteca do CEIP de Pazos. CEIP de Pazos. Ferrol. A Coruña.
Biblioteca do cole. CEIP Quintela de Moaña. Pontevedra .
Cadernos de Vide. Escola Unitaria de Vide. As Neves. Pontevedra.
Biblioteca Brea Segade. C.E.P. Xose Mª Brea Segade. Taragoña. Rianxo.
Biblioteca IES de Sanxenxo. Sanxenxo. Pontevedra.
Biblioteca IES R. O. do Uruguai. IES República O. do Uruguai. Vigo.
Biblioblogreboreda. Ceip Santo Paio de Abaixo, Reboreda. Pontevedra.
Biblioteca Colexio de Cervo. CEIP de Cervo. Lugo.
Bibliochispi. CEIP A Laxe-Marin. Pontevedra.
Participa tamén neste proxecto o blog Trafegando Ronseis

viernes, 7 de noviembre de 2008

mochilas viaxeiras


Hoxe a oca do padriño de Yoel, que mira que casualidade, ven debuxada nos cartaces da Biblioteca e nas mochilas, foise de excursión con dúas mochilas cheas de libros da Biblioteca A Dúas.
Unha levouna ata Taboexa, para deixala na escola Unitaria, e outra tiña que deixala na escola Unitaria de Rubiós. Deste xeito podemos compartir a nosa Biblioteca cos nenos e nenas das outras Unitarias do Concello de As Neves.
Despois de preparar as mochilas aínda tivemos tempo de rematar o cartaz das granadas e "estudiar" os ramos de morangos que nos deixara na escola Sita, a nai de Marta.
En Vide chámanlle morangueiros aos madroños e morangos aos seus froitos, e os morangueiros, danse moi ben aquí. No eido de Felipe hai un enorme que plantou o seu avó, e tamén no eido de Sita e no da avoa de Yoel hai morangueiros que nestas datas están cheos de froitos.
A avoa de Yoel díxonos que non podíamos comer máis que uns pouquiños, que senón podíamonos marear (emborrachar). Comimos con cuidado pero foi unha magoa non poder comer máis porque estaban moi ricos, cun sabor moi doce parecido ás cereixas.

jueves, 6 de marzo de 2008

muller e literatura

Afírmase que o feminismo xurdiu cando unha muller aprendeu a ler, pero isto é certo se engadimos que foi cando tamén aprendeu a escribir. A maior parte das mulleres foron reducidas a unha especie de semianalfabetismo durante moito máis tempo cós homes. E necesitaron moito máis tempo aínda para acceder á liberdade intelectual de escoller os seus temas de lectura. Pero a loita máis longa tivérona que protagonizar para conseguir seren recoñecidas pola súa produción escrita. Moitas veces practicada en segredo, agochada baixo nomes masculinos, imos ver como moitas delas tiñan acceso á escrita grazas aos muros dos conventos, situación que cambiará a partires do século XIX. Pondo o hábito, as mulleres gañaban un pouco en mobilidade social, pagando un alto prezo: renunciar á súa feminidade e á súa sexualidade.



Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da IGUALDADE.

martes, 4 de marzo de 2008

MARUJA MALLO: A Gran Transgresora do 27

Poucos saben que a soberbia triloxía formada por Lorca, Buñuel e Dalí, de sobra coñecida por todos, foi en realidade un cuarteto. Quen era esa cuarta figura, estrañamente silenciada pola historia? Por que foi relegado ao esquecemento o seu nome? Maruja Mallo foi, sen lugar a dúbidas, unha pintora xenial, á que unha suma de adversidades históricas e prexuízos sociais negaron de xeito insólito o recoñecemento que merece.

A súa peripecia vital é a de quen irrompeu na escena artística madrileña dos anos vinte decidida a romper os estereotipos e os moldes que encorsetaban tanto a arte coma as mulleres, condenadas a desempeñar o papel exclusivo de fieis esposas e lánguidas amas de casa. Os seus extravagantes atuendos, o seu desenfado, as súas correrías noturnas da man de Dalí e dos seus compañeiros da Residencia de Estudantes por un Madrid sacudido polo impacto do cine, do jazz e das ideas máis radicais, así coma o seu xogo deliberado coa ambigüidade sexual, converteron a esta moza galega, miúda e fráxil, nun emblema temperán da liberación feminina. Pero pagou a súa ousadía. En 1937 viuse obrigada a exiliarse a Arxentina, de onde voltou vinte anos despois, só para comprobar que os escándalos asociados ao seu nome remataran desdebuxando a súa verdadeira fisonomía e por eclipsar a portentosa valía da súa obra.
Nada en Viveiro no ano 1902, a profesión do seu pai -funcionario de aduanas- levouna a residir en distintas provincias españolas até a definitiva instalación da familia en Madrid en 1922. Ingresa na Academia de Belas Artes e empeza a relacionarse coa nova xuventude de poetas e artistas que irrompen na escena española. Coñece a Salvador Dalí e á poetisa Concha Méndez, que a introducen no círculo da Residencia de Estudantes, onde estreita lazos de amizade e camaradaría con Lorca, Buñuel e con Rafael Alberti, co que mantén unha relación amorosa importante e longo tempo silenciada tanto na súa biografía como na do poeta. Concha Méndez e Maruja pasearon por Madrid como mulleres modernas e emancipadas, manexando bicicletas, facendo deporte, asistindo aos cafés, a eventos literarios ou a verbenas populares. Nestes anos, Maruja crea a súa propia linguaxe artística, atenta aos ecos das distintas vangardas que empezan a chegar a España -futurismo, surrealismo, cine- e cos ollos abertos á arte popular. Mestura todo coa súa particular interpretación.

En 1928 Ortega y Gasset bríndalle os salóns da Revista de Occidente para realizar a súa primeira exposición. O debut estivo arroupado por comentarios e recensións de prensa, referendado por intelectuais e pola alta sociedade madrileña fascinada por aquelas combinacións de elementos festivos e burlescos, pola alegría da cor, as distorsionadas composicións das súas verbenas e polas atléticas mulleres que protagonizan as súas estampas deportivas.


A finais de 1928 pasa por unha inflexión e un acercamento particular cara ao surrealismo froito dos seus avatares persoais e da relación que establece con Alberto Sánchez e Benjamín Palencia. Baixo o nome da Escuela de Vallecas percorrerán as paisaxes desapracibles e duras que rodean Madrid, as zonas finais do urbano e o inicio do contorno rural. Até 1931 explora este tipo de paisaxes que darán lugar á serie "Cloacas e campanarios".
No 1931 viaxa a París onde expón a súa obra. Numerosos intelectuais e artistas como Picasso e André Bretón visitan e acollen con entusiasmo a mostra. O seu regreso a Madrid, a finais de 1932, supón un novo xiro no seu estilo. As súas novas series "Arquitecturas minerais", inspiradas en pedra, e "Arquitecturas vexetais", poboadas por estrañas froitas, son teas que aínda que manteñen a sobriedade cromática someten agora as súas formas a esquemas xeométricos. Durante esta época combina o seu traballo artístico cunha intensa actividade de compromiso coa República.
Previo ao estalido da Guerra Civil, no 1936, realiza una obra clave para o período artístico que desenvolverá ao outro lado do Atlántico: "La sorpresa del trigo". Este cadro mural, primeiro da serie "La religión del trabajo", presidirá a súa derradeira exposición en España, promovida polo grupo ADLAN. A Guerra Civil sorpréndea en Galicia, onde permanece até 1937, marchando a Bos Aires onde é recibida como unha artista de renome. Dará numerosas entrevistas e conferencias, escribe artigos e realiza a súa obra pictórica "Arquitectura humana". Seguirá traballando en lenzos que compoñen un amplo ciclo dedicado a dous temas principais: o mar e a terra. Realiza varias series: "Retratos bidimensionais" sobre rostros femininos de fronte e perfil, imaxes planas e prototípicas; "Bailarinas"; "Máscaras"; esquemáticos debuxos reunidos en "Arquitecturas" e, finalmente, "Naturezas vivas", variacións sobre estraños seres zoomórficos inspirados na xeoloxía e na fauna sudamericana. Estas últimas son unha serie de gravados, debuxo e óleo que se alongan até o ano 1960, cando decide voltar a España.


A súa obra é cada vez máis valorada por galeristas e críticos, especialmente a crítica española máis nova, que ve nela a encarnación dunha vangarda ocultada polo franquismo. Tras a morte de Franco chégalle o recoñecemento total; a súa culminación podería establecerse na Medalla de Ouro de Belas Artes, no ano 1982, e na exposición antolóxica que en 1993 lle dedica o Centro Galego de Arte Contemporánea. Para entón Maruja está xa moi enferma. Morre o 6 de febreiro de 1995 na residencia de anciáns Menéndez Pidal de Madrid.



Para saber máis:
Biografía en Cutlura galega feita pola catedrática de historia da arte contemporánea Mª Luisa Sobrino
Biografía en Wikipedia
En Ciudad de Mujeres
Entrevisa a J.L. Ferris autor da última monografía editada sobre M. Mallo


Bibliografía
GÓMEZ DE LA SERNA, R., Maruja Mallo, Buenos Aires, Losada, 1942.
MARUJA Mallo, Madrid, Galeria Guillermo de Osma, 1992
VIDAL, C., Maruxa Mallo. Vigo, A nosa terra, 1999
MARUJA Mallo, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, 2003.
FERRIS, J.L., Maruja Mallo. La gran transgresora del 27, Madrid,Temas de hoy, 2004, (Biografías).


Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da Igualdade.
Se te queres unir a esta iniciativa tes o código nesta ligazón.