martes, 8 de febrero de 2011

E vai de cegos


Definitivamente quedan abandonados os gatos, que polo que parece nesta escola só interesa saber do gato Turulato e dos cegos que cantaban contos.
Agora, entre as obrigas do encargado de día, está a de se converter en cego cada mañán e contarnos, cantando, o conto.
E entre as miñas, está a de aprender cousas novas cada noite sobre este xeito de tradición oral. Un descubremento para tod@s, para o alumnado e para min.

Aquí , atopei información sobreo "Os cegos cantores"
e vía Facebook cheguei a este triste poema da cega de Miranda-anos 50, Castroverde, Lugo-

Perdín a vista querida,
apagouse a miña vela;
para min sempre é de noite
¡Vaiame a Madalena!

Perdín a vista querida,
a prenda que mais valía;
non me queda que perder
astra que perda a vida.

Vou ganando o meu panciño
facendo mofa de min;
as miñas bágoas por viño
miña dor por violín.

Veñan señores e escoiten
farei que esquezas as bágoas
que eu sei os cantos mellores
e as historias mais estranas.

Como sin saber qué como
e astra non son reparado
que a miña fame non compre
distingui-lo bon do malo.

Morrerei calquera noite
cá miña noite mais crara;
cecais no cumio dun monte
os corvos faranme a cama.