lunes, 30 de mayo de 2011

Con treboada e sen Fiadeiro

Eran as dúas e media da tarde do domingo 29 de maio.Todo estaba preparado para unha tarde de Fiadeiro na carballeira de A Chan de Vide, o resultado dun mes de traballo. Todo previsto. Se chove, carpa, se non chove na carballeira.

Os veciños e veciñas comenzaban a chegar. Cadaquén coa súa aportación: tortillas, chourizos asados, empanadas, viño, máis viño, roscóns....

E empezou a chover.

A chover?

A DILUVIAR!!!!

Unha treboada inmisericorde abateuse sobre a Chan de Vide. Lóstregos, trebóns, vento, saraiba e chuvia durante dúas horas e media arrasaron con todo. No medio, homes e mulleres corríamos tentando levar para debaixo da carpa todo o que se podía recoller: escenario, megafonía, mollos de palla, mesas... Pero os ríos de auga decidiron asulagar tamén o espacio que ocupaba a carpa.

Entón démonos por vencid@s. Eran as cinco da tarde.

Co coche dos altavoces fomos por Vide informando que suspendíamos o Fiadeiro e por teléfono avisamos a pandereteiras e gaiteiros amigos, pero non pudemos evitar que unha fileira interminable de coches comenzara a chegar.
E foron dando a volta.

Nós terminamos na Casa da Auga, tocando a gaita e a pandeireta mentras compartíamos tortillas e viños cos veciños que se achegaron ata alí para dicirnos que non había treboada que puidera cós de Vide. Que o vindeiro domingo: FIADEIRO.

E así quedamos: DOMINGO, 5 DE xUÑO, FIADEIRO NA CARBALLEIRA DE VIDE, e si quere chover que chova, que estaremos preparad@s.

Cando á noitiña marchabamos para casa, decatámonos que en toda a tarde ninguén se acordou de sacar a cámara de fotos.

Estabamos demasiado preocupad@s e ocupad@s en cuidarnos unhas a outras, en atender aos que chegaban, en salvar o que puideramos, en mirarnos e saber que seguimos cantando xuntas, e xuntos.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Animo pandereteiras, nin chuvia nin raios nin centellas poden con vos. o domingo que ven o voso fiadeiro vaino demostrar. ali estaremos todos os que vos seguimos e admiramos.

Ines.

pandereteira dijo...

se chove, deixa chovere
se orballa, deixa orballare
por máis que chova e vente
en Vide hei de tocare!

e si o domingo se volve a inundar todo...
...tocamos subidos nunha lancha!