Estabamos o venres pola tarde tocando a pandeireta na escola cando petaron na porta .
Era a nai de Camilo, que hai uns meses se víu a vivir con el e a muller .
-Podo tocar con vós?
- Claro que podes, pasa e séntate !!
- Eu tamén era pandereteira, pero xa hai moitos anos que non toco.
Pilarita- agora chámanme Pilar, pero eu sempre fun Pilarita- ten 97 anos.
Colleu unha pandeireta na man e aínda lle repenicaba á xota e á muiñeira - ai, este brazo non me deixa mover ben a man! - mentras recordaba cantares da súa mocedade - mira que eu sabía, pero agora xa non me lembro ben das letras, cantai vós- e contounos como cando era nova non había serán ao que non fora- faciamos seráns todas as semanas, e alá ía eu, a todos, coa miña pandeireta- e como bailaba e cantaba, ela e as súas amigas.
Nestas, Pilarita empezou a preguntar.
- E a volta? cando facedes a volta?
Nós mirabamonos unha ás outras sen saber o que preguntaba. Que volta?
- Non facedes un serán?
Entón entendimos. Había mulleres, nenas, pandeiretas, risas, café,
bizcoito, era a hora apropiada.....só faltaba poñerse a bailar, e xa tiñamos a festa completa: un serán.
Non lle gustou nada que nos quedaramos coa festa a medias.
Aínda cando marchaba díxonos:
- Tedes que facer a volta.
Pero ela ben sabe que non tiñamos para facer a volta completa, que a volta se facía para poder "mocear", e..... onde estaban os mozos?
No hay comentarios:
Publicar un comentario