domingo, 20 de julio de 2008

ACAMPADA 2008

Xa rematou a Acampada 2008 da Unitaria de Vide. Este ano participaron 41 nenos e nenas, 24 maiores e 17 pequenos que só se quedaron a durmir unha noite.

¡Que ben nolo pasamos!

Como sempre contamos cun comité de apoio de nais, avoas e pais que nos axudaron coa "infraestructura": montar as tendas, poñer a luz no patio, preparar o churrasco da cea da primeira noite, colocar as pistas do xogo nocturno, acompañar na subida ao monte.... e o que faga falta, pero na acampada non hai máis adultos que a mestra e son os máis maiores quen cuidan dos pequenos.
E fixérono de maravilla, ¡ata lle leron un conto pola noite antes de durmir!
Os pequenos - case todos quixeron durmir na tenda grande con Sabela- quedaron durmidiños deseguida, pois xa era moi tarde logo do paseo buscando as pistas de noite polas corredoiras da parroquia ata atopar o tesouro que nos deixara a Bruxa do Campanario. Os maiores tamén durmiron, claro, pero... como non tiñan sono....¡menuda festa!, e menos mal que non durmían porque o vento case nos leva unha tenda polo aire, e as cinco da mañán houbo que facer "traslados".
Sin problema, porque como aínda non tiñan sono....

Pero cando as nove e media da mañán chegaron Geni e Dina para levalos andando ata San Fins,alí estaban todos preparados e cunhas caras...¡como rosas!. Menos a de Sabela, que semellaba que a atropellara un camión.

En San Fins, pasamos o día e deixamos feita unha preciosa cabana, perfecta para pasar a noite cando a romaría do mes que ven.

E si alguén pensa que esa segunda noite había ganas de durmir, é que non se entera de nada. Había que facer xogos, cantar, bailar, falar, falar, falar...rir, e seguir xogando, falando e despois¡¡¡¡¡por fin!!!!!!, durmir.

E así chegou a derradeira mañán da acampada. Almorzamos, recollimos as tendas e aínda quedou forza e tempo para coller as pandeiretas e cantar:

"miña nai e maila tuá
van xuntas a romeriá
malo demo parta a tuá
porque se levou a miñá
porque se levou a miñá
porque se levou a miñá
a tua ía borrachá
a miña xa non se tiñá"


A pesares da cantiga tan irreverente, as nais que ían chegando sentábanse tamén a cantar, e cheas de envexa dicían....
- ¿E cando imos facer unha acampada para nós?.

Pero iso é outro conto. Primeiro haberá que despertar á Sabela, que acaba de quedarse durmida agarrada á mochila.