jueves, 1 de octubre de 2009

DESFOLLATAR

O follato son as follas que recubren a espiga ou mazaroca de millo.
Deixar limpa de follato a mazaroca chámase desfollatar.

A nai de Elena recordaba que cando era nova, de tanto millo que tiñan, pasaban a noite a desfollatar, e falounos da xente que se xuntaba e as historias que se contaban. Pero agora, dicía, xa diso queda pouco porque se prefire desfollatar na mesma veiga, sen cortar a palleira, e así xa levas as espigas limpiñas para casa no tractor e outro día , levas a palla.

Sería por iso que nos nosos paseos atopamos veigas onde o millo fora cortado e só quedaban os cañotos - cortaron polo pé a vara enteira coas súas espigas para desfollatar na eira da casa- e atopamos outras veigas onde o millo fora apañado pero quedaba en pé a vara co follato sen mazaroca - desfollataran na mesma veiga sen cortar a palleira.

Na escola, a palabra desfollatar pareceunos moi moi complicada e tivémola que desfacer en moitos anacos.

Quedounos así:

folla

folla
TO

DES
follaTAR

Para desfollatar tiñamos o millo da nosa veiga pero Carme da Gándara, a nai de Rocío, mandounos recado de que tiña moitas palleiras para desfollatar, e fomos axudar.

Alí si que había millo! E como traballamos TODIÑAS as competencias mentras desfollatábamos!!!.

Mentras traballabamos @s nen@s falaban e axudábanse uns a outros. Eu escoitándoos non paraba de sorrir.

Transcripción de unha das conversacións:

Javier: A min a espiga non se me solta.
Saray: A ver cariño, mira para min. ¿Ves? hai que agarrar forte o follato e xirar a man.
Javier: E que a min non me sae.
Saray: Mira que te coñezo, o que ti non queres é traballar. Podes facelo ¡per fec ta men te!
Javi por fin consegue tirar o follato.
Saray: ¡¡Que ben , cariño!!!! ¡Fantástico!!! ¡¡¡Que ben o fixeches!!!
Javi, co peito para fora e a cara cuberta cun sorriso de mira que che digo contesta:
- E que eu son TAAn forte.....
e marcha correndo coa mazaroca na man a contarllelo aos outros. Saray queda mirando para el e di sospirando:
- Ai, que traballo dades!




1 comentario:

pandereteira dijo...

Saray... os teus comentarios son para gravar. Eres única. Un bico...cariño.