martes, 31 de marzo de 2009

Marzo quedou pintado



Rematou marzo e deixámolo todo pintado. Pintámolo de cadrados e rectángulos amarelos azules e vermellos con Mondrian, de círculos, estrelas e lúas con Miró e de xirasoles e amarelo con Van Gogh. Fixemos tamén unha exposición cos libros de "pintura" da Biblioteca A2, que ademáis escollíamos todos os días para a Hora de Ler.
Hoxe, recapitulando na roda, decateime que teño na escola un feixe de "erudit@s". Sandra, a nai de David escoitabao "embelesada" mentras David, recorría o mural facendo a súa exposición:

- "Este é un cadro de Mondrián ¿ves?,chámase composicións e usa cores primarias porque serven para facer outras cores, e este é Miró que era catalán e se chamaba Joan. Podes poñerlle nomes aos seus cadros se queres. Eu a este púxenlle "O corazón da lúa", e este é un autorretrato de Van Gogh que ten a orella vendada porque a cortou pelexando con Gauguin, que era o seu amigo pero non se quería quedar a vivir na casa amarela"

Eu tamén o escoitaba tan "embelesada" como a súa nai.

E rematamos o derradeiro día de marzo saíndo ao campo, á veiga de Generosa, a recoller pampillos amarelos. Con eles, sentad@s á sombra do castiñeiro de indias, cosimos uns preciosos colares para levar para casa.

lunes, 30 de marzo de 2009

Amarelo de Van Gogh



Hoxe, 30 de Marzo celebramos o cumpreanos de Van Gogh, e como todos os anos témoslle moitos agasallos.

Sabemos que a súa cor preferida é a amarela, por iso saímos a procura de frores amarelas. O pé da escola atopamos moitos pampillos cos que mañán faremos colares, botóns de ouro, celidonias, que ademáis da flor amarela tamén teñen a savia amarela, e flores amarelas de ruda, de navizas e de toxos.

As pipas de xirasol que plantamos na veiga xa brotaron e están a nacer os xirasoles. Tamén fixemos autorretratos "como os de Van Gogh", pintamos casas amarelas, sillas e ramos de xirasoles. Como dicía Marta:

- Que non se queixe, que este ano leva ben de regalos.




viernes, 27 de marzo de 2009

Obama

Ainda que na nosa escola é Carliños o especialista en galiñas, pitos, coellos, vacas, porcos e demáis animais, dende hai un tempo Yanira estalle a comer terreo, e agora ven de apuntarse un tanto ¡¡¡ENORME!!!
- ¡Naceume un touriño!.¡Naceume un touriño!
- !Bah! A min xa me naceron tres- contestou Carliños.
- Pero o meu ¡ é negro!. ¡Tí non tes un touriño negro!
Eu decateime, pola cara de desconsolo de Carliños, e polo griterío dos outr@s, que iso da cor era un aspecto fundamental, e para reconducir o rebumbio preguntei:
- Yanira, ¿xa lle puxeches nome ao touriño?

-¡¡¡Si!!!. Chámase OBAMA.

¡¡¡¡¡¡¡OBAMA??????

E logo, ¿ non tiña eu de pequena un can que se chamaba Trosky?. Pois Yanira ten agora un touriño que se chama Obama.

E alá fomos tod@s a coñecer a Obama.
E para que quedara ben claro, a avoa de Yanira explicounos:
- Chámase Obama polo presidente de Estados Unidos, que tamén é negro.
Claro, clarísimo.

martes, 17 de marzo de 2009

Vide en verde



E pola tarde quedamos tod@s: nenos e nenas irmáns nais, pais, amigos e amigas ás catro e media da tarde no Coto, o baldío comunal que hai onda o depósito da auga, para plantar castiñeiros, cerdeiras e algún pradairo e bidueiro.Moito do que plantaramos o ano pasado non fora adiante, unhas árbores porque secaran, alguha fora arrincada e outras foron triscadas supoñemos que polos cabalos que andan soltos polo monte.Como estamos moi decidid@s a que o Coto se convirta co tempo nunha preciosa fraga de frondosas onde pasear, replantamos coas árbores que a Consellería de Medio Rural lle fixo chegar á Comunidade de Montes.
Eramos moit@s e traballamos lixeiros cos sachos e legóns , puxémoslle os nosos nomes de novo ás árbores recien plantadas e logo baixamos ata a escola onde nos esperaba unha boa merenda á que nos invitaba a Comunidade de Montes.
Foi unha tarde de sol espléndida, na que tod@s disfrutamos traballando, falando, rindo e merendando xunt@s.

Enxertadores

Había que enxertar a viderira da nosa veiga XA, que o tempo,dicíannos tod@s, estaba enriba, pero non parecía que ninguén tivera gana de facer este traballo. Ata hoxe, que Carliños, Jose e Mateo se apuntaron á equipa de enxertadores dispostos a converter riparia en albariño.
Despois si, cando xa estabamos en faena tod@s querían colabourar, pero xa era tarde, dixo Carliños, agora só podedes mirar. Ata Marta e Érika, que na roda de pola mañán dicían que era mellor facer un feitizo que así non había que traballar,ofrecéronse para axudar.
E o enxerto quedou feito,agora a esperar que prenda.
Carliños, Jose e Mateo quedaron moi satisfeitos do seu traballo. E eu deles.

lunes, 16 de marzo de 2009

A muller de verde

COUSAS DAS NENAS E NENOS DE VIDE


Esta fin de semana un libro chegou ás miñas mans por casualidade: "La mujer de verde", do islandés Arnaldur Indridason. Non coñecía este autor e achegueime a el pola miña querencia á novela negra nórdica.

¡Que descubremento!¡ Que maravilloso libro para recomendar o 8 de marzo ou calquera día do ano!

Unha historia de historias, que te enganchan dende a primeira páxina , e tamén unha historia de "asasinos de almas".

En palabras do autor:

"....non quixen fuxir da realidade, quixen amosar como se senten a nai e os fillos nunha familia cun pai violento, como van recibindo golpes un día tras doutro e resúltalles imposible fuxir. A palabra cárcere paréceme máis axeitada que a de fogar".
E dou fé que a "famosa" pregunta de "¿porque no se van?, ¿porque aguantan?"queda ben contestada , mentras pasas unha páxina tras outra, avidamente, intentando adivinar de quen será o corpo que apareceu enterrado. E será cando case estás rematando, que te decatas que todos os personaxes teñen nome, menos un : a muller que plantou a árbore de grosellas. E recoñecerás de novo a extraordinaria sensibilidade de quen escribíu esta historia.

Parece que Indridason xa está desbancando o éxito de Larsson co seu Millenium, e non me extraña.
En España ten publicado outro libro, "Las marismas", tamén en RBA. Haberá que lelo.

miércoles, 11 de marzo de 2009

Aprendendo das avoas

Hoxe cando fomos a polo legón para traballar un pouco na veiga atopámonos cun problema: caía polo mango abaixo . Así non se podía cavar.

- ¿Pero que pasou aquí? ¿E agora que facemos?- dixen eu.
As ideas non faltaban:
- Clávalle unha punta.
- Facemos un feitizo.
- Collemos outro.
E outra proposta máis repetida:
- Méteo na auga!

Sentámonos na herba e organizamos a discusión, entón Noemi contounos que a súa avoa pasáballe iso moitas veces co sacho, entón metíao na auga e xa estaba solucionado.
Marta, Carliños, Elena... explicaron que eles tamén llo viran facer moitas veces ás súas avoas.

Decidimos probar e...funcionou!

Eu non estaba moi convencida. ¿Alguén fixo un feitizo?.

Non, non, dixo Noemi. Como o mango é de madeira si o metemos en auga incha, e entón xa non cae. A min contoumo a miña avoa. ¿Ti non o sabías?

¿De verdade?- dixen eu.

E Carliños e Noemi, moi ufanos, explicáronnos a tod@s, que a madeira seca encolle pero si lle botas auga incha, por iso agora o legón xa non se movía no mango ¡PORQUE A MADEIRA BEBERA AUGA E ESTABA INCHADA!

Como a Marta lle parecía que eu aínda non entendera ben díxome:

- Como aquel día que a porta non abría ben, ¿non te acordas?.¡Como chovera estaba inchada!

¡¡Hai que ver o que saben as avoas!!!!