un blog para compartir, explorar, aprender...unha porta que mulleres de Vide abrimos na Escola Unitaria para escribir e ler no mundo
mentras deixamos que o mundo entre na nosa "aldea total"
A UNITARIA DE VIDE FOI PECHADA O 30 DE XUÑO DE 2015. ESTE BLOG QUEDA COMO RECORDO DA SÚA ACTIVIDADE
Estes días andivemos a pasear pola parroquia para ver os campos de millo. Moitos xa estaban apañados e só quedaban os cañotos. Outros estaban a medio apañar e aínda había algúns nos que non empezaran a traballar. Entre o millo, nalgúns campos, tiñan plantado cocos e feixóns.
Nós decidimos apañar xa o millo da nosa pequena veiga .
Non escochamos, senón que apañamos as espigas coas follas e levámolas para escola para desfollatar con cuidado pois temos pensado facer co follato monecas de millo. Outro día cortaremos a palla, que aínda ten o pendón, e faremos con ela unha meda. Logo hai que debrullar as espigas para poñer os graos de millo a secar, pois habémolos de levar ao muíño de Nené para facer unha muiñada. Os carozos gardarémolos, que fan moi boa brasa. E virá Isabel á escola para ensinarnos a facer unha bola. Tamén iremos ver o canastro da avoa de Elena, que seica está cheíño de millo.
O que vaiamos aprendendo irémolo compartindo con vós.
Os tomates pódense comer crús, moi ricos e refrescantes , restregados no pan cun pouquiño de aceite, deliciosos, pero tamén poden cociñarse.
Nós fixemos marmelada de tomate. É moi doada de facer e está RIQUÍSIMA
Se botas a marmelada de tomate por riba dun pouco de queixo fresco comprobarás que o seu sabor é EXQUISITO.
Para facer a marmelada colles 1 k de tomates ben maduros e tritúraos, incorporas 750 grs de azucre, zume de limón e un chisco de canela. Coces a lume lento 50 minutos, deixas enfriar e ¡¡¡listo!!!.
Os tomates cherry están tan ben preparados para as matemáticas que decidimos cambiarlles o nome por TOMATEMÁTICOS
O seu tamaño de cereixa, a súa cor vermella , a súa forma redonda, a súa textura suave e lisa permitenos realizar con eles as máis elaboradas operacións matemáticas sen cansarnos.
Ainda que o curso pasado adicamos a veiga da escola ás leitugas, tamén plantamos uns poucos tomates cherry que nos regalaron cando fomos visitar o CIFP A Granxa , ademáis de converter o fondo do patio nun campiño onde sementamos millo para agora, de volta das vacacións, recoller as espigas, esfollalas, cortar a palla, facer as medas, ir ao muiño.....
Pero esta vez o millo ten que esperar porque no medio da herba que alagou toda a horta nestes dous meses, ramos de boliñas vermellas brilaban chamando por nós.
Eran os tomates cherry, que soliños, sen auga, sen podar, sen titor, sen nada, resistiron bravamente todo o verán e subindo pola lavanda, polas leitugas saídas, pola herba ou pola xarxa sobreviviron fermosos, sans, e tan brilantes que parecían berrar :¡¡¡ aquí estou, cólleme, cólleme!!!
E collímolos.
Pensaredes que estou choucha, pero a min deume que eses tomatiños falaban conmigo e dicíanme: ¿ves?¡somos tomates cherry galegos!
Así que o millo vai esperar unha semana máis.
¿E que podíamos facer cos tomates ademáis de comelos? Como sempre fomos a Biblioteca na procura de información, pero ela, coma nós, non tiña nada pensado para tomates, así que lle deixamos un recado para que buscara "polo mundo adiante" información e nos fixera propostas.
Mentras esperábamos, tocamos os tomates, contamos tomates, xogamos cos tomates facendo circulos, lineas.. fixemos carreiras de tomates, puxémolos por tamaños, pintamos tomates , falamos dos tomates, escribimos TOMATE, modelamos tomates... ¡ o que se pode facer nunha escola cuns poucos de tomates antes de comelos!
Agora, xa a nosa Biblioteca preparou un cartaz cos lugares onde podemos atopar información e outras novas actividades, só temos que clicar e listo:
¿Comentei algunha vez que @s neno@s de Vide son galegofalantes? Pois ben, era o sábado pola tarde e estabamos na praia de Santa Marta de Liméns. @s ne@s xogaban na area. Perto deles outro neno, duns sete anos xogaba só facendo un pozo. Os nosos fóronse achegando e ao fin estaban todos sentados xuntos facendo unha poza na area. Suso, o pai de Lucía, que viñera visitarnos, foi onda eles e preguntou ao neno de fora.
- E ti, ¿ de onde eres? - ¿Yo?. Yo soy de Orense y estos son extranjeros.
¡Que boísima idea irnos xunt@s nen@s, nais e mestra de acampada!. Ao final foron tres días, non dous, porque o lugar o merecía e sobre todo mereciamolo nós.
E voltamos contentas de ter ido,cunha morea de historias que recordar, moreniiiiiisimas e, por mor das cociñeiras, cuns quiliños de máis que nos sentan de maravilla. E @s nen@s a pedir: -¡Por fa, un día máis......!
E eu, que dicir. Con estas nais e avoas e con estes nenos e nenas son a mestra con máis sorte do mundo.
E por suposto, gracias Charo pola túa xenerosidade.