sábado, 2 de agosto de 2008

Romería de San Fins

En Dous en Vide tesdes unha reportaxe sobre a acampada da Unitaria, e como está moi ben, con fotos e todo, eu hoxe vou contar outra "festa" que fixemos: a da romería de San Fins:

O 1 de Agosto é a romería de San Fins. De sempre súbese ao monte andando, dende todas as parroquias, das Neves e de Arbo.De mañán cedo sáese a andar, e polo camiño, vaste encontrando cos que veñen dende as outras parroquias. Agora, súbese polas pistas ou polos cortafogos, e xa non é tan complicado como cando se facía monte a través, cortando os toxos e as carrascas. Vaste cruzando tamén cos tractores que suben coas mesas e a comida. Antes era o costume subir a San Fins cunha tella na cabeza, para que o santo, patrón dos xordos te curara o mal do oído.
Este ano,subiron poucos tractores pero o monte de San Fins era un fervedeiro de coches buscando onde aparcar.
A mocedade sube a noite anterior e queda a durmir no monte.É un costume que ven de vello e parece que comenzou pola necesidade de "coller sitio". Agora faise por tradición e pola troula, pero con tendas de campaña, que a noite no monte é moi fría. E sin durmir, os máis ousados, volven baixar ben cediño para facer a subida coa súa xente.
No curuto do monte está a capela e o adro onde se fai a misa. Cando remata, antes de baixar a comer, xa se botan uns bailes no torreiro, pero a foliada comenza pola tarde. Logo do xantar súbese de novo ata a capela para pasar a tarde bailando e cantando mentras o viño vai pasando de man en man.
Despois,antes do solpor, os que aínda teñen folgos, baixan andando. Os demáis buscan un coche ou un tractor que os leve a casa.

domingo, 20 de julio de 2008

ACAMPADA 2008

Xa rematou a Acampada 2008 da Unitaria de Vide. Este ano participaron 41 nenos e nenas, 24 maiores e 17 pequenos que só se quedaron a durmir unha noite.

¡Que ben nolo pasamos!

Como sempre contamos cun comité de apoio de nais, avoas e pais que nos axudaron coa "infraestructura": montar as tendas, poñer a luz no patio, preparar o churrasco da cea da primeira noite, colocar as pistas do xogo nocturno, acompañar na subida ao monte.... e o que faga falta, pero na acampada non hai máis adultos que a mestra e son os máis maiores quen cuidan dos pequenos.
E fixérono de maravilla, ¡ata lle leron un conto pola noite antes de durmir!
Os pequenos - case todos quixeron durmir na tenda grande con Sabela- quedaron durmidiños deseguida, pois xa era moi tarde logo do paseo buscando as pistas de noite polas corredoiras da parroquia ata atopar o tesouro que nos deixara a Bruxa do Campanario. Os maiores tamén durmiron, claro, pero... como non tiñan sono....¡menuda festa!, e menos mal que non durmían porque o vento case nos leva unha tenda polo aire, e as cinco da mañán houbo que facer "traslados".
Sin problema, porque como aínda non tiñan sono....

Pero cando as nove e media da mañán chegaron Geni e Dina para levalos andando ata San Fins,alí estaban todos preparados e cunhas caras...¡como rosas!. Menos a de Sabela, que semellaba que a atropellara un camión.

En San Fins, pasamos o día e deixamos feita unha preciosa cabana, perfecta para pasar a noite cando a romaría do mes que ven.

E si alguén pensa que esa segunda noite había ganas de durmir, é que non se entera de nada. Había que facer xogos, cantar, bailar, falar, falar, falar...rir, e seguir xogando, falando e despois¡¡¡¡¡por fin!!!!!!, durmir.

E así chegou a derradeira mañán da acampada. Almorzamos, recollimos as tendas e aínda quedou forza e tempo para coller as pandeiretas e cantar:

"miña nai e maila tuá
van xuntas a romeriá
malo demo parta a tuá
porque se levou a miñá
porque se levou a miñá
porque se levou a miñá
a tua ía borrachá
a miña xa non se tiñá"


A pesares da cantiga tan irreverente, as nais que ían chegando sentábanse tamén a cantar, e cheas de envexa dicían....
- ¿E cando imos facer unha acampada para nós?.

Pero iso é outro conto. Primeiro haberá que despertar á Sabela, que acaba de quedarse durmida agarrada á mochila.

lunes, 14 de julio de 2008

¡¡¡¡ACAMPADA NA UNITARIA!!!!

¿Tes todo preparado para a acampada?

Non o esquenzas: 17,18 e 19 de Xullo. Esperámose.


jueves, 3 de julio de 2008

Biblioteca A Dúas na Casa da Auga

A Biblioteca A Dúas na Casa da Auga está xa lista, esperando por nós.Ten libros para toda as idades, e podedes visitala todos os días, pola tarde, no horario de apertura do Museo. Si te fas soci@, poderás levar o libro que escollas para ler tranquilamente na casa.

Esperámoste na sombra dos soportais unha tarde calquera, cunha conversa, un libro, un auga.... sempre dispoñibles para ti.

Ah! e os venres ás 10 da noite: cine.

lunes, 30 de junio de 2008

Excusión a Marcelle


O xoves pasado foi a excursión de fin de curso. Decidímos facela cando xa remataran as clases para que os nenos e nenas maiores que están con nós os xoves de A Dúas, poidesen acompañarnos. Alugamos un autobús e marchamos a Marcelle, en Lugo. Ao chegar alí,dividímonos en tres grupos: os máis pequenos, os medianos e os adultos, e cada grupo coa súa monitora ou monitor, pasou o día paseando polo parque, unha chea de hectareas á beira do Miño, onde cebras, muflóns,emures, linces, canguros...están en amplos cercados ou andan libres entre os carballos, moitos deles centenarios. Un lugar e un xeito diferente de achegarse aos animais e a natureza que pagou a pena visitar.

Miguel, o monitor do noso grupo estaba empeñado en convencernos de que non había Miño máis fermoso que aquel, nós calamos pero invitámolo a vir a Vide, onde o Miño rompe bravo contra as pesqueiras chamando aos nenos e nenas das dúas beiras, a portuguesa e a galega, a xuntarse con el nas augas mansas da Barxa ou do Coto de Severo, mentras Martín o vello vixía que non se acheguen ás pozas dos remuiños e lles aprende a escoitar como cantan as pedras bailando no fondo.

miércoles, 25 de junio de 2008

Fogueira de San Xoán


Son os nenos e nenas da escola quen todos os anos chaman a celebrar a festa de San Xoán cunha fogueira na Chan de Vide. E todos os anos coa axuda de tod@s, nenos e maiores, xuntase a leña, prepárase un moneco e facemos a fogueria e unha pequena festa á que cada quen leva "algo" para compartir: bizcoitos, galdrumadas, bebidas para pequenos e grandes...

Este ano tamén foi así, e o luns pola tarde xuntámonos na escola, cativos e maiores para facer o meco.Quedou feito un brazo de mar, e logo levámolo en chimpín ata o proxecto de fogueira. Alí o pai de Yoel pegou un chimpo, o pai de Antía botoulle unha man e.... o moneco quedou espetado no curuto da fogueira.

Ás doce en punto da noite prendémoslle lume e xogamos un pouco arredor dela.Era unha fogueria pequena pero ¡quen ben feita estaba! ¡e como ardía!. E logo empezou a festa. Había doces, refrescos e licores para tod@s, pandeiretas, gaitas e moitas ganas de cantar, bailar e pasalo ben. Ata un can achegouse onda nós e en canto soaba unha gaita....¡auuuuuu! ¡auuuuuuuuuuuu!¡como cantaba o demo do can!.
As gaitas soaron ata ben tarde e as pandeiretas non pararon de tocar. E cando rematou a "nosa" festa, comenzou a da mocedade: o torreiro da festa apareceu a mañá seguinte cheo de cancelas,pezas de carros e macetas.
¡Ah!e Estefania que tiña posto un ovo ao sereo,non deu adiviñado o futuro. Alí non se vía nada máis que un ovo. Pero eu, unha eficaz adiviñadora si que podo informar a todas as que se lavaron a cara coas herbas que lles espera un ano cun cutis...¡¡¡¡perfecto!!!!

viernes, 20 de junio de 2008

As herbas de San Xoán


Hoxe pola mañán saímos pola aldea a apañar as herbas de San Xoán e facer o cacho con elas.
Era mellor facelo o luns pola tarde, pero estaremos moi ocupad@s argallando un moneco para poñer no curuto da fogueira e procurando leña para arder nela.O luns pola mañán xuntarémonos na escola para preparar a festa: quen fai biscoitos, quen a queimada, quen pon a roupa para vestir o moneco..., iso contando que esta fin de semana, os rapaces maiores e os pais e nais cos tractores vaian a pola leña, que si non igual só temos fogueiriña, pero festa seguro que vai haber igual. Este ano ademáis das pandereteiras imos ter gaitier@s, e vai ser unha noite máxica total.

Pero, ademáis da fogueira, non podemos esquecer o cacho coas herbas de San Xoán, que poñeremos toda a noite nunha tina con agua para, pola mañanciña, lavar toda a familia a cara con elas, porque

a herba de San Xoán
limpa a cara de gráns

Apañamos romeu,herba luísa, fiuncho, loureiro, sabugueiro, estralote, fento macho, silveira, nogueira,xesta, hortelán e folla de figueira pero non dimos coa mais importante: a herba den sanxoán, a que espanta os demos.Fixemos o cacho igual e cada un levou o seu para casa.


Antonte estivo Sara, a avoa de Isaac, na escola a buscar a muda dunha cobra -¡¡¡enorme!!!- que Edorta e Isabel atoparon no camiño do cemiterio. Sara, que sabe moito de herbas e usa a muda das cobras para preprar un medicamento para os problemas na pel, quedouse un anaco falando con nós das herbas mediciñais e tamén da noite de San Xoán.
Contounos unha tradición que había en Vide hai anos e que agora só uns pouc@s vell@s recordan:
Na noite de San Xoán, cáscase un ovo ben fresco dentro dun vaso de auga e deixase toda a noite ao sereno, a poder ser enriba do tellado. Pola mañán vaise ver a imaxe que se formou, e por ela saberemos como nos vai ir o ano.
Paréceme a min que esa tradición ben a podemos recuperar porque, ovos frescos hainos e o saber non ocupa lugar. ¿Ou si?