miércoles, 8 de octubre de 2008

Castañas das bruxas


Temos no patio un Castiñeiro de Indias , Aesculum hippocastanum, que encheu o chan de castañas. No recreo to@s andaban a xogar con elas, e u lembrei que cando era pequena, a miña avoa- que lle chamaba castañas das bruxas- facía con elas unhas monequiñas moi feitiñas, e dicíame que non as metera na boca, que eran venenosas.
Conteilles esta historia aos nen@s, pero non souben responder ás súas preguntas: ¿Por qué lle chamaban das bruxas? ¿ eran venenosas de verdade?.
Como a profe non sabía, e eles tampouco , decidimos facer a moneca coas castañas e, no entanto, facer averiguacións.
Na Biblioteca non atopamos información pero en internet descubrimos que o Castiñeiro de Indias é unha árbore moi famosa porque as súas follas, a súa cortiza, os seus froitos- as castañas- e as súas sementes, teñen propiedades medicinais.
Si premes aquí, poderás sorprenderte tanto coma nós .
Pero entón, ¿ que era iso de catañas das bruxas?. Tardamos un pouco máis en descubrilo pero agora xa o sabemos:
As castañas non se poden comer porque conteñen unha sustancia, a escina, que é tóxica. Pero como teñen un sabor moi amargo é moi difícil que alguén coma nelas.
Pero nas épocas de fame, houbo moita xente que recurríu a estas castañas para alimentarse, e puxéronse moi enfermos: vómitos, dor de cabeza, fiebre… ou morrían de parada cardiorrespiratoria.
Por isto quedoulle o nome de castañas das bruxas. Das bruxas malas, segundo aclaración de Érika.
A moneca que fixemos puxémoslle o nome de Lola.
Mañán contaremos a súa historia.

martes, 7 de octubre de 2008

Aprendendo das outras

Hoxe visitamos blogues de escolas de infantil:sereas sen cadeas, pequesreboreda,tegriña, guzmanit@s....,e foi unha moi boa idea porque aprendimos unha chea.
E na roda sucedéronse as propostas: escribirlles cartas aos outros nenos e nenas, facer algunhas das actividades que viron, poñer no noso blogue tamén as "obras de arte" que pintan e anunciar os cumpleanos, averiguar onde quedan esas escolas...en fin,agora tócame a min poñer en todo este rebumbio un pouco de "organización", e poñernos a traballar.

¡¡¡¡Que ben saímos!!!!

Hoxe TEMOS que entrar en caquera destes blogs

O Segrel do Penedo

A Nosa Biblioteca

Biblioafonso

Porque ¡¡¡¡Saímos nós!!!!

domingo, 5 de octubre de 2008

Un día perfecto

Hai días perfectos. Como onte, sábado.
Xantar con Loly, Antonio, Beni, Gina e Carmen, @s intrépidos plambeir@s que logo de cruzar cáseque toda Galicia foron quen de chegar ata o Sol do Condado sen perderse.
O albariño, sempre amoroso, deixou que fóramos enchendo a lamprea de bibliotecas e clubes de lectura e disfrutar así, paseniño, do sabor das experiencias compartidas co arrecendo afumado da lamprea escalada.
Logo, a vella escola Unitaria abríu as súas portas para que a Biblioteca A Dúas, enchida de fachenda, recibira unha visita de gala.
E de remate, o grupo de mulleres da "Comisión de Biblioteca", e algunha mais, esperábannos na Casa da Auga coas súas pandeiretas e cantares, para lembrarnos que sin elas a Biblioteca " A Dúas" estaría orfa, que a Escola Unitaria tamén é a súa responsabilidade e que Vide é un fermoso lugar para vivir.

E eu xuntei a miña voz coa delas, sen esquecer que cando cheguei a Vide, hai dez anos, abrín a porta da escola e sen saber a quen, cantei:

Axudaime compañeiras
botademe unha axudiña
que non me podo axudar
desta miña gargantiña

e viñeron todas.

viernes, 3 de octubre de 2008

Contos de pola noite


Aínda que parecía que á Biblioteca lle costaba despertar do sono do verán, os nenos e nenas empeñáronse en espabilala ben axiña. Dende o primeiro día foron onda ela, en canto entraban na escola pola mañán, a pedirlle o conto para pola noite.
E todos os días,volvimos, como o curso pasado a empregar a primeira media hora da mañán neste traballo: devolver o conto do día anterior, escoller novo libro, rexistralo no Meiga, e despedirse da mamá , ou do papá, que se leva o libro para ler pola noite.
Pero non todo é igual, agora é Sandra, a nai de David quen se encarga do Meiga; Mateo leva tres libros de cada vez e así tarda máis en devolvelos, Saray xa non se interesa por Cocorico, e vamos ter que mercar TODAS as películas de Littel Einsteins, pois as catro que temos non hai quen as pille.

lunes, 15 de septiembre de 2008

De volta na escola

E chegou setembro.
E aquí estamos, de volta na Unitaria .
E como das obras de mantenemento que o Concello se comprometera a facer no verán......ningunha, nós mesmas pintamos a entrada cun amarelo luminoso, tapamos os buracos da parede con xeso, movimos mesas, armarios e andeis, e logo, o grupo de nais/avoas e a mestra fúmonos de cea .
E o xoves chegaron todos os nenos e nenas, cheos de cousas que contar e ganas de xogar, nin conta se deron do ben que quedara a entrada, nen os cambios na aula...só a alfombra nova merecelles atención.
- ¡É nova!, dixeron, pero pouco máis.
Semellaba que só faltaran á escola un fin de semana.
Érika, antes de dar os bos días xa preguntou:
-Profe,¿a quen lle toca de encargada de día? ¿a min?
Brais, só estaba interesado en saber si xa podía levar un libro da biblio para casa, Yanira, que tiñamos que ir á súa casa a ver o cabalo, Carliños mandabaa calar porque o seu touro podía co cabalo, Marta explicáballe a Javier- un novo- que si ela estaba falando non a podía interrumpir:
-¡Pideme perdón, Javier,e non o fagas nunca máis!.
-Zfffon- dicía Javier.
- Non así non se fala, mira para min: peeer... dooooon...¡Profe!¡o Javier non sabe resolver os problemas!
David, mentras, empeñado en que Mateo, outro novo, aprendera como funcionaba o semáforo para ir ao baño.
- ¡Profe, Mateo non me fai caso e eu son VERDE!
E a profe, dando por rematado o periodo de adaptación dixo:
- ¡Todos e todas ao contacontos,que temos que pasar lista!
E foron dereitiños a sentarse.
¡¡¡¡Xa estamos de volta!!!!!.

sábado, 2 de agosto de 2008

Romería de San Fins

En Dous en Vide tesdes unha reportaxe sobre a acampada da Unitaria, e como está moi ben, con fotos e todo, eu hoxe vou contar outra "festa" que fixemos: a da romería de San Fins:

O 1 de Agosto é a romería de San Fins. De sempre súbese ao monte andando, dende todas as parroquias, das Neves e de Arbo.De mañán cedo sáese a andar, e polo camiño, vaste encontrando cos que veñen dende as outras parroquias. Agora, súbese polas pistas ou polos cortafogos, e xa non é tan complicado como cando se facía monte a través, cortando os toxos e as carrascas. Vaste cruzando tamén cos tractores que suben coas mesas e a comida. Antes era o costume subir a San Fins cunha tella na cabeza, para que o santo, patrón dos xordos te curara o mal do oído.
Este ano,subiron poucos tractores pero o monte de San Fins era un fervedeiro de coches buscando onde aparcar.
A mocedade sube a noite anterior e queda a durmir no monte.É un costume que ven de vello e parece que comenzou pola necesidade de "coller sitio". Agora faise por tradición e pola troula, pero con tendas de campaña, que a noite no monte é moi fría. E sin durmir, os máis ousados, volven baixar ben cediño para facer a subida coa súa xente.
No curuto do monte está a capela e o adro onde se fai a misa. Cando remata, antes de baixar a comer, xa se botan uns bailes no torreiro, pero a foliada comenza pola tarde. Logo do xantar súbese de novo ata a capela para pasar a tarde bailando e cantando mentras o viño vai pasando de man en man.
Despois,antes do solpor, os que aínda teñen folgos, baixan andando. Os demáis buscan un coche ou un tractor que os leve a casa.