domingo, 18 de mayo de 2008

Día das Letras Galegas


O pasado Xoves da Dúas, rematamos un fermoso cartaz adicado a "Colorín" e o "mapa" da viaxe a Pontevedra. Quedaron moi ben. O venres en clase fixemos outro cartaz cos poemas que lle contaremos o martes ao río Lérez e logo fixemos un "ensaio xeral".
Pero o millor do venres foi que @s ne@s lle ensinaron á mestra para que serven as novas tecnoloxías.
Dende hai un mes temos na aula un encerado "máxico", unha pizarra dixital coa que nos agasallou a Bruxa do Campanario/Consellería de Educación, e tod@s na escola aínda estamos a asombrarnos das infinitas e diferentes posibilidades de traballo que se nos abren.
Pois ben, estabamos na roda repasando o que sabíamos de Xosé Mª Álvarez Blázquez e da súa filla Colorín cando Lucía pregunta:
-¿E como se chamaba a nai?
Antes de que me dera tempo a contestar, Carliños berrou:
-¡Pregúntalle a Jujel!
E preguntamos.Entramos no Blog da Biblioteca do IES Río Miño (Rábade) e alí limos que se chamaba Mª Luisa, pero entón Yoel quixo saber si Colorín era o nome de "verdade". Houbo que buscar un pouco máis e dimos coa solución: o nome de "verdade" tamén era Mª Luísa.
Víu entón un relatorio de fill@s que tiñan o mesmo nome que a nai, o pai, ou curmáns, padriños....
Cando esmorecía o listado María que estaba mirando para o encerado decatouse que na páxina había unha foto que podía ser de Colorín e avisounos a tod@s:
-¡Aí está Colorín!
E tocou ver fotos.
Recordei que en Trafegando Ronseis había un vídeo coa voz do poeta, díxenlles si querían e entramos no blog a escoitar.
Cando nestas estabamos, Carliños, todo cheo de razón, vai e di:
- Pero bueno ¡iso é yutú!
Pois si, era un video de you tube. ¡Menudo dominio o de Carliños!
Señores de Telefónica, a ver se nos poñen dunha vez a funcionar o ADSL que estes nen@s de Vide están que ferven, e Carliños á cabeza.

-

miércoles, 14 de mayo de 2008

Cambio de plans

Mañán era o día da excursión en tren a Pontevedra. Era, porque a chuvia- mañán choverá, seguro- fíxonos refacer a programación da semana.
Xa non iremos mañán a levarlle ao río Lérez os poemas que as lampreas trouxeron polo Miño arriba ata Vide. Poemas que José María Álvarez Blazquez adicou á súa filla Colorín e que @s nen@s da escola levan unha semana aprendendo para poderllos cantar ao río Lérez.
Pois non será mañán, será o martes 20 cando nos acheguemos a Pontevedra e logo de traballar no obradoiro que na Fundación Caixagalicia nos teñen preparado, iremos como non, xunto ao Lérez, a levarlle recordos do Miño e contarlle:

Fuxe chuvia, fuxe sol,
fuxe roda de color
que a neniña quer brincar
coas areas do areal.

E tamén:

O coello vello
anda no cortello.
O galo ralo
rubiuse no valo,
i a galiña tiña
está na cociña.


Guiomar seguro que está ben contenta do cambio, pois agora, poderá ir con ela o seu pai e a súa nai. E tamén poderemos rematar o cartaz e facer o mapa da viaxe que o temos a medio facer.

E como quedamos en Vide, poderemos no Xoves de A Dúas preparar cos maiores da parroquia a actividade da semán que ven: a "Feira de libros de man en man" na que si ves cun libro ata a Biblioteca, poderás cambialo por outro en galego.

Estou a ver que como siga así vou rematar por darllelas gracias á señora chuvia.

lunes, 12 de mayo de 2008

Detectives herboristas 3



Si, a planta da semana pasada era a melisa. Pero chegou aos meus oídos que andan contando por aí, uns e unhas detectives moi chulit@s, que esta investigación esta "chupada", que si non fora polo do nome científico xa non tiñan que investigar nada, pois era tan fácil, tan fácil adiviñar as plantas das fotos e saber as súas aplicacións, que cando haxa que nomear @s gañador@s vai ser un lío porque TOD@S van ser medalla de ouro.
¡ja,ja,ja!
¡Non tedes nin idea do pérfida e malvada que pode ser esta Bibliotecaria!
Certo que estou ben sorprendida coas vosas respostas. Sabedes moito, e sabedes a quen preguntar e onde buscar. Iso está ben pero esta semana, por chulit@s, non hai pistas e dame a min que esta planta vai ser un "pouco" máis complicada de investigar,aínda que as vosas avoas seguro que saben onde atopala.

O prazo remata o venres, que o xoves estamos de excursión en Pontevedra, e a ficha atoparédela premendo AQUI

De volta

¡Xa estamos de volta! hoxe o ADSL rural, na nosa aldeatotal, ten a ben deixarnos a porta aberta para que poidamos entrar e ímolo aproveitar .

¿Que fixemos nestes días? ¡De todo!Vai un resume:
- O xoves, na tarde de A Dúas, como estaba mal tempo, mentras os máis pequenos vían unha película e "algún " maior fedellaba na pizarra dixital co google Earth- so pretexto de amosarnos o camiño que imos recorrer en tren o vindeiro xoves- as verdadeiramente traballadoras montamos un expositor e unha mesa que acababa de chegar para a Biblio.E digo eu, ás empresas distribuidoras de mobiliario educativo ¿quen lle dixo que @s das escolas nos gusta o bricolage?, ¿ ou é que pensan que nos ven ben algo de "traballo manual"?¿ será que dan por suposto que o noso e resolver puzles?. E poñia no catálogo: Fácil de montar...¿fácil?. Menos mal que ás de Vide estamos afeitas a "veña, entre todas" que si non, si chega a ser polas habilidades da mestra, a estas horas o que habería montado na biblioteca sería un cortello con tapadeira.
- O venres traballamos un pouco na veiga limpando herbas e "extasiándonos" coas leitugas tan divinas que temos. Os pementos nada, cada día temos un menos, pero o demáis vai indo. De todos os xeitos o mellor e máis variado son as herbas.
E pola noite fúmonos de cea. Esta vez foi en Areas: tortilla, churrasco e todo o repertorio de cantigas. Os da mesa do lado decidiron sumarse, que remedio lles quedou, pois entre as pandeiretas e Digna que non paraba de pedir¡outra, outra! fixemos unha boa festa, ao final ata se sumaron ós do furancho.
- O sábado o pai de David decidíu asumir as competencias do Concello, e visto que o patio tiña a herba tan alta como para xogar ás agachadas, e o niño de cobras que temos onda o buxo pode dar lugar a que a mestra queira dar clase no tellado da escola, co perigro subseguinte para o alumnado, decidíu, como dicía, agarrar a desbrozadora e pasar a tarde limpando o patio. E quedou o campo lustroso, pero.... no medio da herba foronse os xirasoles. Menos mal que Sandra chegou a tempo e salváronse os que tiñamos no recuncho das escaleiras.
De tódos os xeitos, o noso agradecemento TOTAL.
- E hoxe, luns, seguimos co traballo : os poemas de Xosé María Álvarez Blázquez, que os imos levar en tren ata Pontevedra o vindeiro xoves.

miércoles, 7 de mayo de 2008

Finalistas Premios Espiral 2008

Varios blogues de Bibliotecas escolares son finalistas do II Premio Espiral de Edublogs08. A todos os coñecemos de visitalos para coñecer o seu traballo. Son algunhas das ventás que abrimos para "que o mundo entre". Traballando nestes blogues, nestas biliotecas, están persoas coas que contamos e nas que nos apoiamos para levar adiante o traballo no noso blog e na nosa biblioteca: Loli, Isa, Bea...

¡¡¡¡¡Noraboa, noraboa, NORABOA!!!!!


- Blog da biblioteca do CEIP Fermín Bouza Brey. Ponteareas.
- Ceip Quintela-Moaña :Bibliotecadocole
- Biblioteca Mestres Goldar.Vigo: O recanto de Mik
- Blog da Biblioteca do IES de Fene: O Segrel do Penedo
- Biblioteca IES Alexandre Bóveda.Vigo
- Blogue de Anxo e Gracia: Trafegando ronseis

E tamén o noso agasallo a todas as compañeiras e compañeiros que día a día,"inmunes ao desalento" seguides abrindo ventás, portas e escadas dende as vosas bibliotecas e os vosos blogues.

martes, 6 de mayo de 2008

Tan, tarán ...

DIARIO DA VEIGA


Onte, en canto chegamos, fumos á veiga para ver que tal lle sentaran os días de sol con un pouco de chuvia. As leitugas e tomates están que hai que velos,¡enormes! e todo o demáis, menos os pementos, medrando. Os xirasoles medraran unha cuarta e a herba tamén, por iso hoxe o traballo era arrincar herbas.

Pero había poucas ganas de arrincar herbas, polo que ao pouco decidimos deixalo para mañán e hoxe, facer matemáticas na veiga.

E puxémonos a contar leitugas, tomates, calabacíns...Contamos todo o que se nos puxo por diante. Averiguamos si había máis calabacíns que pepinos, cantas leitugas máis que tomates, cantos xirasois grandes, cantos medianos.... ata que nos cansamos e volvimos á escola a escribir no blog da veiga e na pizarra dixital todos os números que recordábamos.

Logo descansamos escoitando a "Serenata nocturna" de Mozart, e acompañamos aos violíns cantando:

TAN,TARÁN
TARÁN TARÁN
TAN TAN
TAN, TARÁN
TARÁN TARÁN TAN TAN.

Hoxe, ¡por fin! ninguén se acordou do "Chiqui chiqui".

lunes, 5 de mayo de 2008

Detectives herboristas 2



Segunda semana e segunda planta para identificar. O xoves remata o prazo de entrega da ficha que podedes atopar premendo AQUI
A planta da semana pasada era a ruda e, despois de revisar as fichas que entregastes chegamos á conclusión de que en Vide hai "superdetectives herboristas", pois tod@s identificastes a planta e descubristes moitísimas aplicacións, tanto "máxicas" como medicinais. Noraboa.