jueves, 6 de marzo de 2008

Na lagoa de Arturo e Clementina


Si que fomos ata a lagoa de Medáns, non vimos a Arturo nin a ningún outro sapoconcho, pero sentad@s ó pé dela escoitamos a historia de Arturo e Clementina, a histoira das campás que se afundiron cando a raiña as levaba a Compostela nun carro de bois, e soubemos porque din os vellos que nela está o "ollo do mar".
O lugar é precioso e no camiño atopamos "cola de cabalo", unha planta qeu en Galicia xa é moi dificil de ver. E tamén atopamos a Ignacio, o profe do Instituto, que nos contou que el vira había uns dias varios sapoconchos na lagoa.

Hoxe pola tarde A Dúas, a nosa bilbioteca, quedou tan contenta, que lle dixo a Lurdes- e Lurdes contounolo a tod@s- que o vindeiro xoves quería que a leváramos a ver moer o millo nun dos muiños do Termes. Dina, a avoa de Fabiola, quedou encargada de falar con Rosa, a dona do muíño , e ensinarnos a facer un bolo coa fariña de millo. Seguro que A Dúas vai quedar encantada.E nos tamén.

Emilia , unha muller excepcional


Visitando o blog de Anxo e Gracia Trafegando Ronseis, atopámonos con Emilia de Breteuil, marquesa de Chatelet.
Na historia xamais contada, nese curriculo oculto da participación das mulleres na investigación científica,atopeime un día coa biografía desta matemática francesa que naceu en 1817.Son moitas as mulleres que como ela se batiron en solitario, instigadas por un verdadeiro desexo de saber, de entender, de expresar as súas opinións nunha sociedade que lles negaba ata o dereito a pensar,e nos enche de desacougo e admiración imaxinalas vivindo na súa época. Recordar á británica Mary Annig, a máis grande fosilista que xamáis houbo e ninguén coñece, morrendo de cáncer de mama, sóa en medio de terribles dores que intentaba paliar con láudano, mentras a comunidade ciéntifica-masculina- se apropiaba dos seus descubrementos e se mofaba dela difamándoa como "borracha". Ou pensar na rusa Sonia Kovalesvska, hoxe considerada a matemática máis sobresainte dos derradeiros douscentos anos, buscando un home liberal e progresista para casar con el, nos chamados matrimonios blancos, e poder así viaxar fora de Rusia e estudiar na universidade. Pero de entre todas, o meu corpo de muller,de filla, de nai, de avoa... treme o imaxinar a Emilia de Chatelet embarazada do seu terceiro fillo, apurando os días e as madrugadas par rematar a tradución ó francés dos Principia de Newton, pois temía morrer no parto. E Emilia morreu ós poucos días de nacer a súa terceira filla.

" ...á medianoite volvo ó traballo e sigo adiante ata ás cinco da mañán. Debo facer isto ou perder o froito do meu labor se morrera no parto. Rematareino, por razón e por honor."

Pero a súa traducción publicouse e o libro volveuse a imprimir unha e outra vez ata a actualidade, pois segue a ser a única traducción ó francés dos Principia de Newton.

muller e literatura

Afírmase que o feminismo xurdiu cando unha muller aprendeu a ler, pero isto é certo se engadimos que foi cando tamén aprendeu a escribir. A maior parte das mulleres foron reducidas a unha especie de semianalfabetismo durante moito máis tempo cós homes. E necesitaron moito máis tempo aínda para acceder á liberdade intelectual de escoller os seus temas de lectura. Pero a loita máis longa tivérona que protagonizar para conseguir seren recoñecidas pola súa produción escrita. Moitas veces practicada en segredo, agochada baixo nomes masculinos, imos ver como moitas delas tiñan acceso á escrita grazas aos muros dos conventos, situación que cambiará a partires do século XIX. Pondo o hábito, as mulleres gañaban un pouco en mobilidade social, pagando un alto prezo: renunciar á súa feminidade e á súa sexualidade.



Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da IGUALDADE.

Sapoconchos


Onte, falando de Arturo e Clementina e do que lle acontecera a esta parella de sapoconchos, Iván contounos que el e a súa nai, non había moito colleran un sapoconcho no rio Termes, entre a ponte romana e as Puntaleiras; era grandiño e redondeado e botárono outra vez ao rio. ¿Sería Arturo ou era Clementina?.
Marta preguntou:
-¿Cando o soltaches, foi rio arriba ou río abaixo?, porque se foi rio arriba,era Clementina , e si foi rio abaixo era Arturo que volvía a lagoa.
-¿Que lagoa?, preguntaron tod@s.
Marta sabía moi pouco da lagoa, eu pouco máis.
Había que investigar, pois Arturo e Clementina xa non eran dous sapoconchos dun pais lonxano.¡Eran de aqui e vivían na lagoa dos sapoconchos!
Certamente,no límite entre Vide e Setados, separada do Miño por unha barreira de rocas, hai unha lagoa- o ollo do mar,a lagoa de Madáns, a lagoa do Pazo....- na que sempre houbo sapoconchos,aínda que cada vez menos. Buscamos en internet e descubrimos que o sapoconcho común galego está en peligro de extinción e se contan cos dedos os exemplares localizados.
Fixemos unha xuntanza "urxente" coas nais e hoxe pola tarde imos de excursión ata a lagoa a ver si localizamos algún Arturo- por decisión maioritaria as Clementinas fóronse todas polo mundo adiante e ese é un dos motivos non coñecidos da extinción-
Xa fixemos carteis para repartir por toda a parroquia invitando aos nenos e nenas de Vide a vir con nós ata a lagoa e de paso enterarse de como viven os sapoconchos e , como non, da historia de Arturo e Clementina.

¡A avoa de Guiomar vainos contar que pasou coas campanas que levaba a raiña Urraca e se afundiron no fondo sin fin da lagoa, e como ela de pequena ía a lagoa coa súa nai a curar o liño

E temos por decidir si Arturo e Clementina son sapoconchos ou tartarugas

martes, 4 de marzo de 2008

MARUJA MALLO: A Gran Transgresora do 27

Poucos saben que a soberbia triloxía formada por Lorca, Buñuel e Dalí, de sobra coñecida por todos, foi en realidade un cuarteto. Quen era esa cuarta figura, estrañamente silenciada pola historia? Por que foi relegado ao esquecemento o seu nome? Maruja Mallo foi, sen lugar a dúbidas, unha pintora xenial, á que unha suma de adversidades históricas e prexuízos sociais negaron de xeito insólito o recoñecemento que merece.

A súa peripecia vital é a de quen irrompeu na escena artística madrileña dos anos vinte decidida a romper os estereotipos e os moldes que encorsetaban tanto a arte coma as mulleres, condenadas a desempeñar o papel exclusivo de fieis esposas e lánguidas amas de casa. Os seus extravagantes atuendos, o seu desenfado, as súas correrías noturnas da man de Dalí e dos seus compañeiros da Residencia de Estudantes por un Madrid sacudido polo impacto do cine, do jazz e das ideas máis radicais, así coma o seu xogo deliberado coa ambigüidade sexual, converteron a esta moza galega, miúda e fráxil, nun emblema temperán da liberación feminina. Pero pagou a súa ousadía. En 1937 viuse obrigada a exiliarse a Arxentina, de onde voltou vinte anos despois, só para comprobar que os escándalos asociados ao seu nome remataran desdebuxando a súa verdadeira fisonomía e por eclipsar a portentosa valía da súa obra.
Nada en Viveiro no ano 1902, a profesión do seu pai -funcionario de aduanas- levouna a residir en distintas provincias españolas até a definitiva instalación da familia en Madrid en 1922. Ingresa na Academia de Belas Artes e empeza a relacionarse coa nova xuventude de poetas e artistas que irrompen na escena española. Coñece a Salvador Dalí e á poetisa Concha Méndez, que a introducen no círculo da Residencia de Estudantes, onde estreita lazos de amizade e camaradaría con Lorca, Buñuel e con Rafael Alberti, co que mantén unha relación amorosa importante e longo tempo silenciada tanto na súa biografía como na do poeta. Concha Méndez e Maruja pasearon por Madrid como mulleres modernas e emancipadas, manexando bicicletas, facendo deporte, asistindo aos cafés, a eventos literarios ou a verbenas populares. Nestes anos, Maruja crea a súa propia linguaxe artística, atenta aos ecos das distintas vangardas que empezan a chegar a España -futurismo, surrealismo, cine- e cos ollos abertos á arte popular. Mestura todo coa súa particular interpretación.

En 1928 Ortega y Gasset bríndalle os salóns da Revista de Occidente para realizar a súa primeira exposición. O debut estivo arroupado por comentarios e recensións de prensa, referendado por intelectuais e pola alta sociedade madrileña fascinada por aquelas combinacións de elementos festivos e burlescos, pola alegría da cor, as distorsionadas composicións das súas verbenas e polas atléticas mulleres que protagonizan as súas estampas deportivas.


A finais de 1928 pasa por unha inflexión e un acercamento particular cara ao surrealismo froito dos seus avatares persoais e da relación que establece con Alberto Sánchez e Benjamín Palencia. Baixo o nome da Escuela de Vallecas percorrerán as paisaxes desapracibles e duras que rodean Madrid, as zonas finais do urbano e o inicio do contorno rural. Até 1931 explora este tipo de paisaxes que darán lugar á serie "Cloacas e campanarios".
No 1931 viaxa a París onde expón a súa obra. Numerosos intelectuais e artistas como Picasso e André Bretón visitan e acollen con entusiasmo a mostra. O seu regreso a Madrid, a finais de 1932, supón un novo xiro no seu estilo. As súas novas series "Arquitecturas minerais", inspiradas en pedra, e "Arquitecturas vexetais", poboadas por estrañas froitas, son teas que aínda que manteñen a sobriedade cromática someten agora as súas formas a esquemas xeométricos. Durante esta época combina o seu traballo artístico cunha intensa actividade de compromiso coa República.
Previo ao estalido da Guerra Civil, no 1936, realiza una obra clave para o período artístico que desenvolverá ao outro lado do Atlántico: "La sorpresa del trigo". Este cadro mural, primeiro da serie "La religión del trabajo", presidirá a súa derradeira exposición en España, promovida polo grupo ADLAN. A Guerra Civil sorpréndea en Galicia, onde permanece até 1937, marchando a Bos Aires onde é recibida como unha artista de renome. Dará numerosas entrevistas e conferencias, escribe artigos e realiza a súa obra pictórica "Arquitectura humana". Seguirá traballando en lenzos que compoñen un amplo ciclo dedicado a dous temas principais: o mar e a terra. Realiza varias series: "Retratos bidimensionais" sobre rostros femininos de fronte e perfil, imaxes planas e prototípicas; "Bailarinas"; "Máscaras"; esquemáticos debuxos reunidos en "Arquitecturas" e, finalmente, "Naturezas vivas", variacións sobre estraños seres zoomórficos inspirados na xeoloxía e na fauna sudamericana. Estas últimas son unha serie de gravados, debuxo e óleo que se alongan até o ano 1960, cando decide voltar a España.


A súa obra é cada vez máis valorada por galeristas e críticos, especialmente a crítica española máis nova, que ve nela a encarnación dunha vangarda ocultada polo franquismo. Tras a morte de Franco chégalle o recoñecemento total; a súa culminación podería establecerse na Medalla de Ouro de Belas Artes, no ano 1982, e na exposición antolóxica que en 1993 lle dedica o Centro Galego de Arte Contemporánea. Para entón Maruja está xa moi enferma. Morre o 6 de febreiro de 1995 na residencia de anciáns Menéndez Pidal de Madrid.



Para saber máis:
Biografía en Cutlura galega feita pola catedrática de historia da arte contemporánea Mª Luisa Sobrino
Biografía en Wikipedia
En Ciudad de Mujeres
Entrevisa a J.L. Ferris autor da última monografía editada sobre M. Mallo


Bibliografía
GÓMEZ DE LA SERNA, R., Maruja Mallo, Buenos Aires, Losada, 1942.
MARUJA Mallo, Madrid, Galeria Guillermo de Osma, 1992
VIDAL, C., Maruxa Mallo. Vigo, A nosa terra, 1999
MARUJA Mallo, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, 2003.
FERRIS, J.L., Maruja Mallo. La gran transgresora del 27, Madrid,Temas de hoy, 2004, (Biografías).


Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da Igualdade.
Se te queres unir a esta iniciativa tes o código nesta ligazón.

lunes, 3 de marzo de 2008

O traballo

Sentámonos na roda e sen introducción algunha preguntei:
- ¿En que traballa a mamá?.
As mans erguéronse deseguida, pero o primeiro que falou dixo:
- O meu pai traballa con un camión.
- O meu pai coa pala, dixo a seguinte.
E houbo que comenzar de novo.
- Imos falar só das nais, e do seu traballo- dixen eu.
Pero eles puxéronse a falar do traballo.E falamos.
Ó final fixemos unha longuísima lista cos traballos das nais tal como el@s ían decindo:


- Facer a comida.
- Arrumbar a casa.
- Limpar as veigas.
- Axudarlle a vestirse á aova.
- Traernos á escola.
- Cambiar cueiros.
- Poñernos películas.
- Ler contos pola noite.
- Bañarnos a min e a Javecho.
- Levarnos a música.
- Plantar couves e patacas.
- Repartir o correo.
- Darlle de mamar a Alba.
- Comprar a comida e a roupa.
- Cuidar ós animais e darlles de comer.
- Podar as viñas.
- Ir a fábrica de bloques.
- Ir co chimpín ás veigas.
- Cobrar recibos.
- Cuidar ós fillos de Emilia.
- Levarnos o médico.
- Preparar a festa de cumpreanos.

22 traballos.Xogamos a numeralos, agrupalos, a recordar tres sen fallar... a imitar cando se dicía en alto, a desfacer un traballo grande en outros máis pequenos... Tamén escribimos " a miña nai traballa", unha frase de catro palabras. E había unha LL como en folla e carballo. Foisenos toda a mañán, pero aínda deunos tempo de ler o conto "Arturo e Clementina", decidir que mañán Marta vai traer a súa tartaruga, e ir á Biblioteca a buscar libros de tartarugas na estantería de libros do contorno en na estantería que pon 5.

sábado, 1 de marzo de 2008

8 de Marzo

A celebración do día Internacional da Muller ten a súa orixe no movemento internacional de mulleres socialistas de finais do século XIX, para promover a loita polo dereito ó voto das mulleres. Neste tempo festexábase en datas diferentes segundo os paises. Será en 1914, cando á proposta das mulleres alemanas, se fixe no día 8 de marzo, reivindicando o dereito de voto, a ocupar cargos públicos, o dereito ó traballo, á formación profesional e a non discriminación laboral.

Hoxe, caseque 100 anos despois, seguimos a celebrar o 8 de marzo, como día de homenaxe a todas as mulleres que fixeron posible que mulleres e homes teñamos os mesmos dereitos diante da lei, como día para seguir reivindicado o dereito a VIVIR en igualdade: na casa, no traballo, na escola e nas rúas, e como día de denuncia e solidariedade internacional con todas as mulleres que no Extremo Oriente, Africa ou o Sudeste Asiático , morren e viven día a día sen coñecer a palabra “igualdade”.



Na escola, o conto “Arturo e Clementina” serviranos durante esta primeira semana de Marzo para falar, ler, debatir, escribir, xogar, cantar, debuxar …e a través de todas estas actividades os nenos e as nenas irán construindo os seus propios criterios e creando unha nova historia para Arturo e Clementina.

Ademáis, as nenas e os nenos , durante dúas semanas convertiranse en “fotógraf@s reporteir@s”.Levarán a cámara de fotos, cada día un, á súa casa e sacaranlle fotos “Á súa nai traballando”.Tamén sairemos a pasear pola parroquia recollendo coa cámara imaxes de mulleres traballando. Con todo o material faremos unha exposición na Biblioteca A Dúas e logo na “Casa da Auga”.