miércoles, 25 de agosto de 2010

VIII Acampada da Unitaria

Pois teño que falar de outra acampada, a que todos os anos facemos no verán no patio da escola. Unha pequena acampada de tres días e dúas noites, con xogo de pistas pola noite e subida- e baixada- ata Ribarteme para @s maiores o segundo día.

Nesta acampada non hai máis adultos que a mestra. As nais e pais "SO" botan unha man para montar e desmontar as tendas, preparan a cea da primeira noite na carballeira de A Chan de Vide, acompañarnos na subida a Ribarteme, vir tomar un cafeciño de madrugada conmigo.... pero non participan na acampada propiamente dita. En canto entramos no patio da escola, só quedan as tendas de campaña, @s nen@s e Sabela. E non se precisa de máis . Faise unha asemblea onde facemos inventario de recursos: tendas,sacos, mochilas....,necesidades e actividades a desenvolver, logo facemos a distribución por tendas segundo as súas preferencias e logo os máis pequniños, os de 3, 4 e 5 anos, escollen "pai ou nai" ,que será @ maior que termará e cuidará de cada un deles.E abofé que son uns pais/nais do máis reponsable.
Son tres días tranquilos, nos que hai moitos tempos nos que só teño que "estar" pois eles se organizan pola súa conta, e disfrutan facéndoo sen a miña intervención.
e dixen ben días tranquilos porque as noites son outro cantar: entre o chan, os xogos, as risas, o vento, as curuxas e as apostas para ver quen aguanta máis sen durmir..... as noites son unha romería.
Todos os anos sorpréndeme o xeito no que está integrada a Biblioteca. Esta vez tamén
na primeira noite cando quedan a durmir os cativos, os maiores que facían de pais/nais foron pola súa conta ata a Biblioteca na procura dun conto para lles ler, e os que non foron houberon de ir pitando pois ningún pequeno quería durmir "sen o conto". Pola mañán,mentras se estaba a espera de que quentara o leite, uns charlaban, outr@s xogaban ou arrumbaban a tenda, pero tamén houbo @s que foron ata a Biblioteca e deitad@s na alfombra pasaban as follas dos "libros sorprendentes".
Xa imos na 8ª acampada de verán, agora a esperar pola novena.


jueves, 8 de julio de 2010

Limens de novo

Comenzamos este curso indo tod@s, mestra, nen@s nais e avoas e un pai a acampar a Limens e así decidimos rematalo.
Charo ofreceunos de novo a posibilidade de facelo e non fomos quen de rexeitar a oportunidade de novamente ir pasar uns días a beira do mar.
Esta vez eramos máis e a novedade foi que varios pais, tres, viñeron tamén con nós.
Organizámonos do mesmo xeito: a mestra a cargo da rapazada e os pais e nais a cargo da intendencia.
Foi unha moi boa experiencia colectiva de compartir, organizar e distribuir o traballo, administrar recursos..... e en condicións escasamente favorables pois
pouco faltou para que o segundo día tiveramos que levantar as tendas e voltar para casa: choveu todo o día e non dispoñíamos e espacio suficiente onde acoller os nen@s-¡dezaoito!- pero as ganas de seguir, a imaxinación e a boa vontade poido máis que a chuvia e aguantamos descubrindo xeitos impensables de pasalo ben nun espacio reducido: inventamos centos de historias e xogos e rímonos da chuvia e o mal tempo. Aguantamos, e o premio chegou co bo tempo dos dous días seguintes.

martes, 29 de junio de 2010

memoria curso

Xa estamos no final deste curso, e para recordar e leva, compuxemos unha revista.

Certamente pasámolo ben xunt@s, e fixemos unha morea de cousas.

... e as que seguiremos a facer.

Como a nosa memoria pode ser feble, poderemos atopar a testemuña no blog:

Preme na imaxe

lunes, 28 de junio de 2010

Moaña

E chegou o 17 de xuño, o día que viaxaríamos a Moaña.

Houbo algún que seica non durmíu, nin deixou durmir aos pais, preguntando toda a noite se xa era hora.
Collimos o tren no apeadero de Sela que nos deixou en Vigo. Alí, na mesma estación distribuímonos en taxis para chegar a tempo ao barco que nos levaría a Moaña.
Ao chegar ao porto de Vigo unha sorpresa: esperábanos Belén, a nosa anfitriona, que nos acompañou na viaxe en barco.
Ao chegar a Moaña invitounos a almorzar na Cofradía de pescadores e logo fomos MARISCAR!!!!, As nenas e nenos non daban creto, metían a man na area e sacaban croques e ameixas a eito, nunca tal viran. Despois un autobús recolleunos para trasladarnos ao Ceip de Quintela, onde esperaban por nós os Ponis. Estivemos con eles, visitamos o colexio- e a súa biblioteca- e logo tod@s xuntos fomos en autobús ata a Area Recreativa de Meira, onde comimos.
E pola tarde.... a xogar tod@s!!!: rir, correr, atrapar a mazán, pillar o ovo..... pasou tan axiña a tarde que cando nos decatamos xa tiñamos que marchar.

Por si fora pouco aínda nos esperaba unha sorpresa: un agasallo para cada nena e neno.
E nós non parabamos de dicir: gracias, gracias, miles e millóns de gracias...

E de novo ao barco.

Como tiñamos tempo antes de coller o tren fomos de "visita": á exposición de Luis Seoane, e a librería Casa del Libro.

Na librería todo era: compra este, e máis este, e máis este.....!!!!. Non quedou máis remedio que comprar, polo menos, un libro.

E claro, logo deste día tan logo, no tren de volta tod@s durmindo.



martes, 15 de junio de 2010

Na escola de As Neves


Todos os anos as nenas e nenos de 6º de infantil de Vide, xunto cos das outras dúas Unitarias, van visitar o Ceip Pazo da Mercé de As Neves, que será a súa nova escola o curso que ven.

É un día cheo de "novedades": por primeira vez viaxan no autobús escolar, e tamén por primeira vez comen no comedor escolar.
Chegar a unha escola tan "enorme" con tantos nenos e nenas e "tantísimos" profesor@s sempre asusta un poquiño a uns, pon nervios@s a outr@s pero sempre "encanta", porque significa que xa son MAIORES.

Todos os anos hai algunha anécdota, este ano foi o comentario de Elena, asombrada ao percorrer o grupo escolar:

- Xesús!!- dicía- isto en vez dunha escola parece un laberinto!, e logo de subir e baixar escaleiras para coñecer as distintas aulas comenta:
- Menos mal que non estou coxa, que senón estábache aviada!!!

E tiña razón, porque as personas que diseñaron este grupo escolar esqueceron que as nenas e nenos non teñen porque ser tod@s iguais, e ás veces, algúns poden ter dificultades para desplazarse. Ou mesmo @s mestres.

viernes, 4 de junio de 2010

De Vide para Quintela

Esta é a nosa carta para os nen@s de Quintela.
Xa temos organizada a viaxe. Vai ser unha aventura. Iremos en tren, logo en barco e logo en autobús.

Agora estamos "estudiando" a Luis Seoane, porque imos aproveitar a parada en Vigo para visitar a exposición de Caixanova.

miércoles, 2 de junio de 2010

Invitad@s

A semana pasada recibimos esta carta/presentación/invitacións, dos Ponis, as nenas e nenos de 6º de infantil do Ceip de Quintela de Moaña:



Primeiro foron as festas: SI SI SI SIIII!!!!!! A MOAÑA, A MOAÑA!!!!, pero deseguida foi o traballo:
- Como chegamos a Moaña?
- Temos que mandarlle unha carta.
- Que son as mariscadoras?
- Que sabemos de Luis Seoane?.

A viaxe será o 17 de xuño, así que ...a traballar!!!!!