miércoles, 26 de noviembre de 2008

martes, 18 de noviembre de 2008

Coquis e caquis

O Coqui nunca fai caso- dixo Elena- bótase a correr detrás das ovellas e aínda que o chames non volve, e as ovellas escapan. Eu teño que ir correndo a buscalas, e tampouco me fan caso. Todo por culpa do Coqui, que é un can moi, moi malo.
- ¡Profe!- di David- os coquis son como os kiwis, pero en can. Hai coquis de comer e coquis de can.
- ¡Non!- dixo Marta- porque os que de comer son CAQUIS.
- ¡Os de comer tamén son coquis!- berralle David.
Marta vai correndo ata a mesa das froitas, colle o cartaz dos caquis e pono diante da cara de DAvid:
- ¿Ves?¡¡¡ CAAAAquis, os de comer son CAAAAAquis!
- COOOOOquis- se empeña David- pon COOOOquis.
Noemí, deulle un trincazo ao bocadillo, e coa boca chea sentencia:
- Aí pon CAAAqui, de CAAAAAca.
-¿Ves?,¿ves?- berra exultante Marta- ¡¡¡son CACAS, non COCOS!!!
David mira para min con cara de desconcerto. Elena tírame da manga e con voz agoniada dime:
- Profe, o meu Coqui é moi boiño, eu o quero moito.

lunes, 17 de noviembre de 2008

kiwis


Hoxe comenzamos con outro froito de inverno bastante común en Vide: o kiwi,e este si que o atopamos na Biblioteca, porque no libro da Editorial Linteo ¿Que tal vexetal? Alimentos con sentementos, atopamos unha páxina adicada a este froito. Gustounos tanto que decidimos "copiala" cos nosos kiwis o vindeiro venres. Mentras, temos moreas de traballo por facer.

Xa fomos ver unha parra de kiwis que hai perto da escola, aprendimos a escribir KIWI,cortamos, contamos, tocamos e pintamos kiwis mesturando pintura ata dar coa cor: sae perfecto se mesturas roxo e verde, logo preparamos o cartaz que mañán cubriremos con todos os lugares que coñecemos de Vide onde hai kiwis, e por fin fómonos a Google a escribir Kiwi e ...¡¡¡¡sorpresa!!!! Hai un kiwi vexetal, e un kiwi animal.
Foi terrible, o "noso" kiwi perdeu todo interés:
-¿é unha galiña?
- ¿onde hai?
-¿como nace?-
-¿que é Nova Zelanda?
-¿podemos ter un?
- busca máis fotos.
-¿ten plumas?
Pola mañán, na roda, tivera que empregarme "a fondo" para que o kiwi resultara ser "interesante". Si non chegan a "descubrir" o libro da Biblioteca...xa me miraba tirando deles como dun carro, e agora, a última hora, aparecía outro kiwi que ameazaba tirar todo o meu "traballo" pola borda.
Pero esta vez, non. A programación vai adiante.Faltaría máis.
Só unha pequena cesión. Xa lles teño preparado un conto dun Kiwi que quería comer kiwis.
Veremos este video tan entrañable , que eu lles contarei en versión infantil. O Kiwi,marchou voando ata atopar un kiwi. A Bruxa do Campanario fíxolle ese regalo. Fin.
E a seguir cos kiwis de comer.

sábado, 15 de noviembre de 2008

Cantos para o Nadal

Ainda que pareza un pouco cedo, xa estamos a preparar os cantos para o Nadal porque este ano temos pensado ir polas portas das casas da parroquia, cantando as xaneiras e os reises, e pedindo o aginaldo,claro.
Na Biblioteca A Dúas tiñamos varios Cds e cintas :
- Galicia canta ao neno, de Fuxan os ventos
- Cantigas de Nadal. Berrrogueto, Muxicas, Os Cempés…
- Aghinaldo, de Malvela
- Cantos para o Nadal. O Quiquiriquí.. Vari@s.
- Panxoliñas, de Maria Manuela e Xoan Rubia.
- Panxoliñas- Villancicos, de María do Ceo

Convocamos un “Martes da Dúas” a todos os nen@s e maiores que quixeran vir con nós, e xa temos o grupo feito:
Edorta co acordeón, Fabiola e Sabela á gaita, Darío co tamboril, as pandereteiras coas súas pandeiretas e un feixe de cantareiros e cantareiras de todas as idades. Só nos falta que se anime co bombo o pai de Noemí.
Despois dunha farta de escoitar música escollimos o que nos pareceu ben e fixemos unha libretiña coas letras e un Cd que repartimos entre tod@s.
Agora e ata fin de ano, os martes pola tarde a Biblioteca, e a escola, é unha festa .
Levamos dous martes de “ensaio” e isto vai que arde. Xa andamos a pensar nun xeito de locomoción “enxebre” por se chove , ou por si non chove , que hai moita casa e moita costa en Vide .

No lateral do blog tedes o caderno de letras e algunhas das cantigas por si queredes ilas aprendendo

E neste vídeo vai unha clase práctica¡¡¡¡¡¡ANIMO!!!!!!

jueves, 13 de noviembre de 2008

O peón

Como
Polo San Martiño
o peón vai ó camiño

e nós somos moi ben mandad@s, ao chegar estas datas collemos uns días para sacar os peóns e facelos baillar no camiño, no patio, no chan da escola... e de paso aprendemos a poñerlle a capa ben apretada, que non é doado se tes catro anos ou cinco anos, a escribir O PEÓN, a contar e pintar peóns de todas as cores e aínda temos tempo de descubrir que tamén se lle pode chamar TROMPO, BUXAINA ou BAILARETE, pero sobre todo adicámoslle tempo a tirar do cordel para que baille. Tiramos "á señorita" e "por riba" e os nosos peóns baillan como poden: uns co cu para abaixo e outros co cu para arriba.
A avoa de Mateo que de pequena xogaba co peón - aínda que iso non lle gustaba nadiña aos seus pais, que dicían que era cousa de nenos-, veu hoxe a xogar con nós. Ao principio o peón no lle quería baillar, porque tiña unha corda moi pequena, pero logo, tirando á señorita, o peón por fin baillou, e todos os nenos e nenas berraron:
¡¡¡Cristina!!!¡¡¡¡Cristina!!!!¡¡¡¡Cristina!!!!¡¡¡¡Cristina!!!!

E si qeredes saber como se fan os peóns aqui tedes un video que atopamos en xogos populares cando estabamos "investigando"

Vide tropical

No mes de novembro, se das un paseo pola parroquia de Vide, igual te pensas que estás nos trópicos, porque vas atopando árbores, arbustos e prantas cargados de froitas que "non son do país". Viñeron de Brasíl, de Colombia, de Perú... e en Vide atoparon un lugar onde vivir e unhas xentes que os cuidan, os podan e "as veces" ata comen os seus froitos.
Xa falamos do ben que se dan aquí as granadas e os morangos, pero tamén podes ver árbores de aguacates nos que asoman os froitos que recolleremos na primavera, ou caquis que semellan adornados para o nadal de bolas laranxas, verdes feixoas ou parras de kiwis cheiñas de froitos, plantas de alquejenjes, maracuyas... e nas hortas os extraños xuxús.
Temos na escola unha mesa chea destes froitos, e cando remate novembro Editorial Unitariadevide publicará un libro no que contaremos todo o que estamos descubrindo: de onde viñeron, que propiedades teñen, como saben....será o noso agasallo de nadal para a Biblioteca A Dúas.

domingo, 9 de noviembre de 2008

citas

Entereime hoxe que ven de sair publicado un novo libro de Henning ManKell e pareceume que xa tiña por onde empezar un exercicio de citas e ligazóns que tiña pendiente vía A nosa Biblioteca. O novo libro titúlase El Chino,penso lelo axiña e espero que o amigo Henning non me defraude pois seica custa ¡¡¡¡20 euros!!!!. Logo, para empezar o exercicio propiamente dito fixen un percorrido polos Biblioblogues Escolares Galegos,abrín BiblioArzúa e atopeime con mil soles espléndidos.

Estremceuseme a alma.

E lembrei aquel poema de García Calvo: Te quiero libre, que hai anos eu e as miñas amigas cantabamos berrando a todo pulmón, superando con moito a interpretación un tanto mística de Amancio Prada :

Libre te quiero
como arroyo que brinca
de peña en peña,
pero no mía.
Grande te quiero
como monte preñado
de primavera,
pero no mía.
Buena te quiero
como pan que no sabe
su masa buena,
pero no mía.
Alta te quiero
como chopo que al cielo
se despereza,
pero no mía.
Blanca te quiero
como flor de azahares
sobre la tierra,
pero no mía.
Pero no mía
ni de Dios ni de nadie
ni tuya siquiera.

via Antología poética Multimedia

¿Para cando?

viernes, 7 de noviembre de 2008

mochilas viaxeiras


Hoxe a oca do padriño de Yoel, que mira que casualidade, ven debuxada nos cartaces da Biblioteca e nas mochilas, foise de excursión con dúas mochilas cheas de libros da Biblioteca A Dúas.
Unha levouna ata Taboexa, para deixala na escola Unitaria, e outra tiña que deixala na escola Unitaria de Rubiós. Deste xeito podemos compartir a nosa Biblioteca cos nenos e nenas das outras Unitarias do Concello de As Neves.
Despois de preparar as mochilas aínda tivemos tempo de rematar o cartaz das granadas e "estudiar" os ramos de morangos que nos deixara na escola Sita, a nai de Marta.
En Vide chámanlle morangueiros aos madroños e morangos aos seus froitos, e os morangueiros, danse moi ben aquí. No eido de Felipe hai un enorme que plantou o seu avó, e tamén no eido de Sita e no da avoa de Yoel hai morangueiros que nestas datas están cheos de froitos.
A avoa de Yoel díxonos que non podíamos comer máis que uns pouquiños, que senón podíamonos marear (emborrachar). Comimos con cuidado pero foi unha magoa non poder comer máis porque estaban moi ricos, cun sabor moi doce parecido ás cereixas.

miércoles, 5 de noviembre de 2008

granadas


Sita, a nai de Marta trouxonos un caneco cheo de morangos e granadas do seu quinteiro. Mañán falaremos dos morangos, que NON son amorodos, porque hoxe estivemos moi ocupad@s coas granadas. Fomos á Biblioteca a investigar: buscamos no Diccionario granada e descubrimos que ademáis do froito do granado pode ser un proxectil.Logo buscamos en google e encontamos máis granadas:unha cidade en Andalucía e outra en América.

As nosas granadas estaban todas abertas da chuvia, e parecían caras que sorrían ensinando os dentes. David, que era hoxe o encargado, pensou que estaría ben que os pequenos pintaran granadas con poucos dentes mentras os maiores pintaban granadas con moitos dentes. Fixémoslle caso e de entrada atopámonos cun problema. ¿De que cor pintar a pel? logo de discutir moito e comparar todas as granadas que tiñamos decidimos utilizar tres cores: amarelo, verde e vermello, pero entón Érika que hoxe estaba moi discutidora, atopou outro problema. ¿Cantos eran poucos dentes?
Ai amigo! iso si que foi un problemazo. Fartámonos de debrullar granadas, contar dentes, poñelos en pratos de papel e non nos demos posto de acordo. Aos que tiñan fame de granada o moito parecíalles pouco, e os que xa avisaban que non querían comer granada o pouco parecíalles moito.

Resolvimos que cadaquen pintara moitos ou poucos dentes como deus lle dera a entender- ous as ganas de pintar- e que rematado o traballo distibuiríamos os dentes para comelos. OS MOITOS DENTES con azucre, e os POUCOS DENTES nunha tartiña feita cunha galleta cun chisco de leite condensado.
A solución satisfizo a tod@s e fómonos para casa coa barriguiña chea de moitos/poucos dentes de granadas de Sita.

sábado, 1 de noviembre de 2008

Samaín


Eran as cinco da tarde e chovía.
¿Que facer coa festa do Samaín?.O teléfono non paraba de soar.
- ¿Que facemos?
- Pois suspenderemos a festa. Chove e vai moito frío- dicía eu.
Pero achegueime á escola por si aparecía alguén
Había varios coches aparcados con nen@s dentro. As nais, ou pais, baixaban as ventaniñas:

-¿Que? ¿Suspendemos?.
-¡Que remedio!
Os coches foron marchando, pero ían chegando máis coches, nenos andando cargados coas cabazas e o paraugas, Yanira, que viña andando coa súa avoa dende a Porteliña, outr@s viñan con castañas....
E parecía que quería escampar.
Abrimos a Biblioteca e nun tris púxose a funcionar: unha película para os máis pequenos, outros nas mesas e na alfonbra lendo, os maiores "ocupando" os ordenadores... e fora, no cuberto, as mulleres deciamos:¡magoa de día!

Xa non chovía pero a "terrible festa" que tiñamos preparada quedara en nada.
E NISTO CHEGOU TEREIXA.
-¿Como que non hai festa?¡Veña esas cabazas, que hai que preparalas!E as castañas,¿onde están as castañas e a candea?¡Pois claro que imos facer un magosto!¿ e non hai chourizos?, pois que vaia alguén a mercalos.

Fabiola, que chegaba naquel momento dixo:
- Eu traio dúas tortillas e unha empanada de mazán.
- Eu teño aquí un saco de candeas e pan e galdrumadas- dixo Dina.
- Eu velas para prender nas caveiras- dixo Mónica.
E outra tiña bebidas no coche, outra chulas, outra máis candeas e castañas....

E noutro tris,con Tereixa e Fabiola ao mando,houbo caveiras, magosto e merenda.
Cando xa noite pecha, marchabamos coas caveiras para colocalas nos valados e nos cruces dos camiños dicía Ana:
-¡ Ai Sabela, cando se enteren as que mandaches de volta para casa vante matar!
- ¿A min?¡ A Tereixa!






*Isto aconteceu o venres 31 de Octubro pola tarde, aínda que o contemos en sábado e as fotos digan que foi un xoves.